Pestanas principais

Ames aposta pola modernización e licita a Administración electrónica

Xoves, 13 de decembro de 2018

O goberno municipal acaba de aprobar a licitación da Administración electrónica, por un importe de 177.561 euros, e un período de 4 anos, que será financiado con cargo ao plan Impulsa Ames, financiado a través da segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020. Desde o goberno municipal sinálase que dende hai dous anos estase a traballar neste proxecto, que pretende modernizar a Administración, tanto de portas para dentro como cara á cidadanía. O novo contrato ofrecerá, polo menos, un total de 121 funcionalidades electrónicas e formación para o persoal municipal.

O proxecto de modernizar electronicamente ao Concello xa foi unha iniciativa que o propio alcalde, responsable da área de novas tecnoloxías, tratou de levar a cabo no ano 2011 cando tiña as competencias de reforma administrativa. “Daquela o prego para a aprobación dunha nova plataforma quedara aprobado cos fondos do Plan Avanza, pero o anterior goberno popular decidiu apostar pola administración electrónica da Deputación", apunta Miñones.

Os numerosos problemas actuais da plataforma, así como a débil implantación da mesma, son parte dos motivos que levan a actual goberno a licitar unha nova plataforma independente e completa que permita o subministro, instalación, configuración, probas e posta en produción dos sistemas de tramitación e xestión administrativa e substitución do rexistro actual por un sistema que integre o rexistro físico e telemático. Así, preténdese que a nova aplicación incremente procedementos para tramitacións internas e de cara ao cidadán, dun xeito máis doado e que non teña as complicacións actuais.

A nova Sede Electrónica permitirá o inicio de trámites administrativos, presentación de documentación, acceso á documentación dos expedientes co Concello, o pago de impostos, procedementos relacionados co padrón, factura electrónica, etc... un cambio de fondo e contido con respecto á situación actual. A aposta do goberno municipal pola modernización da Administración será completa e de entrega en man, de xeito que o adxudicatario proporcionará a solución íntegra con todos os módulos e formación para todo o persoal do Concello, así como o mantemento necesario durante todo o período de prestación.

Os pregos técnicos aprobados recollen todas as características necesarias que o Concello recadou no estudio previo, realizado a través da Axenda dixital e que completa máis de 200 requisitos que debe cumprir a nova plataforma dixital.

O financiamento para a posta en marcha desta nova plataforma correrá a cargo do Plan Impulsa Ames dentro do obxectivo temático 2 de modernización da Administración. O 80% será baixo a subvención DUSI e o 20% con cargo aos fondos municipais. O mantemento, garantía e formación son outros dos aspectos importantes que se sinalan nos pregos e que a empresa que finalmente sexa adxudicataria deberá cumprir, cun plan de formación intensivo para o persoal do Concello e os técnicos informáticos e que se verá reforzado a través de formación para a veciñanza no uso da sede electrónica coa que se pretende facilitar e potenciar a relación entre cidadán e concello, de maneira que resulte máis dinámica e eficiente que coa sede actual.

Rexistro electrónico
A licitación da Administración electrónica que se inicia neste ano dá continuidade aos pasos dados ao longo dos últimos tres anos como a posta en marcha do portasinaturas, do rexistro electrónico ou do módulo de secretaría que permite ata o día de hoxe a tramitación parcial electrónica de expedientes. A aplicación da recente Lei 39 e 40 do procedemento administrativo xa é unha realidade no Concello de Ames, que foi un dos primeiros en entrar a formar parte do SIR (Servizo de Interconexión de Rexistros) polo que todas as empresas tramitan co Concello de xeito electrónico.

O alcalde e responsable da área de novas tecnoloxías afirma que "o Concello de Ames volverá a situarse no lugar que lle corresponde en materia de modernización electrónica e a cidadanía poderá facer moitos máis trámites sen ter que desprazarse ata a Casa do Concello".

Ligazóns:

Lindeiros: "Licítase a administración electrónica de Ames"

Compostela 24 horas: "Ames aposta pola modernización"

Ames aposta pola modernización e licita a Administración electrónica