Pestanas principais

Apróbase por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames de 2017 cun superávit de 2.650.000 euros e un remanente de tesourería de 4.873.000 euros

Venres, 14 de decembro de 2018

[14-12-2018] A Corporación municipal aprobou por unanimidade, en sesión plenaria extraordinaria, a Conta Xeral de 2017 cun resultado orzamentario axustado con superávit de 2.650.775,06 euros, un remanente de tesourería de 4.873.854,56 euros e con débeda bancaria 0 euros, cumprindo así os obxectivos de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de dar traslado ao Pleno da liquidación orzamentaria de 2017, en función dos gastos, ingresos e resultado orzamentario do exercicio, nunha sesión plenaria que se prolongou por espazo dunha hora.

En relación á liquidación de orzamento de gastos, deuse conta dunhas obrigas recoñecidas netas no exercicio 2017 de 24.468.795,09 euros, incrementándose en preto de 4.000.000 euros (un 20% máis) respecto ao exercicio de 2016 (20.514.105,12 euros). A porcentaxe de execución do orzamento de gastos foi do 82,41%. As obrigas recoñecidas foron moi superiores no 2017, respecto do exercicio anterior, o que amosa un incremento importante do volume de xestión. A concelleira de Economía e Facenda destacou, igualmente, o incremento das obrigas recoñecidas no capítulo VI de investimentos, que pasa a ser de case 2.300.000 euros, e o incremento do capítulo I de persoal, que se sitúa nos 8.100.000 euros, un dato que redunda no “reforzo do emprego público coa conseguinte mellora na prestación dos servizos públicos”.

No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos, os dereitos recoñecidos netos ascenden a 24.464.677,90 euros, incrementando tamén en preto de 1.600.000 euros os ingresos ou dereitos recoñecidos netos, respecto do ano anterior. A porcentaxe de execución do orzamento de ingresos no 2017 foi de 82,37%, superior á porcentaxe de execución do 2016 que foi de 79,51%, mostra dun “maior control, eficacia e eficiencia na xestión da recadación”, segundo manifestou Genma Otero.

A concelleira de Economía e Facenda destacou igualmente a alta porcentaxe de execución nos impostos directos, un 101,74%, taxas, un 106,27%, e transferencias correntes, un 100,66%, que amosan “unha boa xestión da área de recadación municipal, acadando unha cifra total de ingresos correntes recadados que superan os 23.300.000 euros”. Dende o goberno destacouse a partida do gasto corrente en bens e servizos cun importe de preto de 10.000.000 euros. Tamén se destacou que as partidas dotadas de maior crédito foron por esta orde: servizos públicos básicos (33,85%), educación (preto dun 18%) e servizos sociais (preto dun 7%).

Débeda bancaria
Ao peche do exercicio 2017 a débeda bancaria total do Concello de Ames era de 0 euros, reducíndose ese ano nun 100%. A única débeda que ten o Concello son os préstamos da Deputación (PAI) sen intereses, que ascenden á cifra de 706.989,76 euros, cun volume de débeda viva do 3,03% case nulo e por debaixo do límite legalmente establecido (110%). Ao peche do exercicio 2016 a débeda total do Concello de Ames era de 3.731.415,77 euros reducíndose ese ano nun 29%, sendo un volume de débeda viva do 17,10% por debaixo do límite legalmente establecido.

Para Genma Otero, cos datos da liquidación de 2017 “amosamos que continuamos na senda do equilibrio orzamentario e logramos incrementar o orzamento municipal, o volume de xestión de gastos e ingresos mellorando as magnitudes económicas. Este equilibrio está consolidado pois observamos que a cifra total de Ingresos por operación correntes de 23.317.413,89 euros é superior a cifra total de Gasto corrente de 18.718.131,81 euros no 2017 que, sumado á débeda amortizada no exercicio 2017 de 3.435.745,39 euros, ascende a unha cantidade total de 22.153.877,20 euros é aínda queda unha marxe de 1.163.536,69 euros máis de ingresos para financiar eses gastos”. A concelleira de Economía e Facenda aludiu tamén á débeda comercial do propio exercicio contable 2017, de “só 16.701 euros a finais do exercicio por mor de facturas que entraron a final de ano e non deu tempo a súa tramitación, e para as que existía crédito”.

O baixo nivel de investimentos foi unha das principais criticas que fixeron os grupos da oposición xunto a alta contía que recolle o remanente de tesourería. O voceiro de Ames Novo, Quique Costas, recoñeceu que “un 80% de execución orzamentaria global non é unha mala cifra, se ben perdemos ocasión este ano de gastar máis”. Ramón García Argibay, voceiro de Pacto por Ames, aludiu ao “baixo nivel de investimento e xestión nula por parte do goberno”, mentres que a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, cualificou de “moi pouco ambiciosa a inversión realizada”. O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de pechar a sesión plenaria aludindo a que “Ames ten unha excelente xestión económica que fai que nos sintamos orgullosos de conseguir os obxectivos de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cierra el 2017 con 2,6 millones de superávit y el 41 % de inversión ejecutad"
Compostela 24 horas: "Apróbase por unanimidade a conta xeral do Concello de Ames de 2017"
Lindeiros: "Ames, aproba por unanimidade a Conta Xeral do 2017"