Actualidade

Ex., 08-09-2026
Ex., 08-09-2026
Xoves, 11 de xuño de 2026
O Pazo da Peregrina acolle un laboratorio nómade de investigación para a preparación comunitaria ante a crise ecosocial

O vindeiro domingo, 14 de xuño, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns será a sede dun laboratorio nómade de investigación para a preparación comunitaria ante a crise ecosocial, organizada pola plataforma Ames Pospetróleo e o Instituto Resiliencia en colaboración co Concello de Ames. A sesión enmárcase nunha liña de investigación de Marta Moreno Muñoz arredor da ecopedagoxía e prácticas comunitarios en contextos de crise ecosocial.

Xoves, 11 de xuño de 2026
Aberto o prazo para inscribirse na visita aos lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, organizou para o sábado 20 de xuño, ás 12.00 horas, unha visita ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que se enmarca dentro do programa de visita aos Lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía. Ditas visitas están teatralizadas polos Quinquilláns. Esta actividade enmárcase dentro do convenio asinado polos Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para promover a ruta As pegadas de Rosalía. Para participar hai que enviar un correo electrónico ao enderezo turismo@concellodeames.gal.

Mércores, 10 de xuño de 2026
O Pazo da Peregrina acollerá os vindeiros días 3 e 4 de xullo unha nova edición do festival Ames Jazz

O Concello de Ames presentou esta mañá a novena edición do Ames Jazz, que se vai celebrar os días 3 e 4 de xullo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e que contará coas actuacións de Manuel Cebrián Trío, Suelen Estar Quartet e MBM Trío. Este ano, tamén se inclúe na programación un ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación. O obxectivo deste festival é darlle visibilidade ao panorama do jazz galego.

Mércores, 10 de xuño de 2026
O Concello lanza unha campaña de concienciación sobre o uso responsable dos patinetes eléctricos nas vías publicas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar unha campaña de concienciación sobre o uso cívico e responsable do patinete eléctrico nas vías públicas de circulación. Dita campaña está dirixida ás persoas  que conducen un patinete eléctrico e ás persoas que comparten vía con estes vehículos de mobilidade persoal. O lema desta iniciativa é Se nos respectamos, todas e todos gañamos! Esta campaña recolle as novas normas da DXT para os patinetes eléctricos que entraron en vigor en  2026. Os/as axentes da Policía Local de Ames reforzarán os controis sobre o uso destes vehículos de mobilidade persoal.

Mércores, 10 de xuño de 2026
O Certame Literario do Concello de Ames xa ten textos premiados na súa XXIII edición

A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésimo terceira edición do Certame Literario de Ames. Na edición deste ano, recibíronse un total de 186 traballos, e foi na categoría de narrativa para maiores de 18 anos na que houbo un maior número de participantes, con 65 obras recibidas. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron: Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. O acto de entrega de premios estará presentado por Belén Martínez, xornalista de Ames Radio, e terá lugar este sábado, 13 de xuño, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Pódese descargar a acta completa do xurado na seguinte ligazón.

Mércores, 10 de xuño de 2026
Julen González Alfonsín, veciño de Ames, acada a medalla de bronce no Campionato de España de Puzzles

Julen González Alfonsín, de 9 anos e veciño de Ames (Bertamiráns), vén de gañar a medalla de bronce do Campionato de España de Puzzles 2026, na categoría infantil B, que se celebrou esta pasada fin de semana en Guadalaxara.

Martes, 09 de xuño de 2026
O Goberno municipal visita o Centro Galego de Intelixencia Emocional, Saúde e Desenvolvemento Persoal, ElSuno

O Goberno municipal do Concello de Ames visitou esta mañá o Centro Galego de Intelixencia Emocional, Saúde e Desenvolvemento Persoal, ElSuno, localizado en Biduído. Trátase dun espazo centrado en proporcionar ás persoas as ferramentas e os recursos necesarios para optimizar a súa calidade de vida. Cun equipo de profesionais altamente cualificados e que comparten a paixón polo benestar humano, este centro oferta unha ampla gama de servizos e programas en materia holística, dende terapias ata cursos e talleres de meditación. Dende ElSuno tamén abordan un programa especial sobre o Camiño de Santiago, chamado “A experiencia interior do Camiño orixinal”.

Martes, 09 de xuño de 2026
Arranca a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+ que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca dentro da campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. O obxectivo é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O prazo de entrega das fotografías vai do 10 ao 19 de xuño. Permítese unha participación por persoa, que debe ser enviada xunto co seu número de teléfono, e os seus datos persoais ao enderezo de correo electrónico servizos_sociaisberta@concellodeames.org. A inscrición é gratuíta. Descarga as bases do certame fotográfico. O acto de conmemoración do día LGTBIQ+ celebrarase o venres 26 de xuño.

Martes, 09 de xuño de 2026
O Club Baloncesto Ames culmina o seu 20º aniversario co histórico ascenso á 2ª división autonómica

O deporte amesán está de parabéns. O Club Baloncesto Ames acaba de escribir a páxina máis brillante da súa historia ao conseguir o ansiado ascenso á 2ª División Autonómica. Este fito deportivo coincide, ademais, cunha data moi sinalada para a entidade: a celebración dos seus 20 anos de historia, dúas décadas de traballo na promoción do baloncesto no concello que agora ven a súa recompensa no máis alto nivel autonómico.

Martes, 09 de xuño de 2026
Participa na ruta ambiental por Riamontes deste domingo 14 de xuño

A Aula da Natureza do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, ten aberto o prazo para inscribirse na ruta por Riamontes que se vai desenvolver este domingo, 14 de xuño, e que está orientada a todo tipo de público. A ruta, que partirá dende a Aldea do Vilar, farase en horario de mañá e hai 40 prazas dispoñibles. Haberá servizo de autobús para achegarse ata o punto de partida. Para inscribirse, será preciso facelo enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.