- Tematica
O deporte amesán está de parabéns. O Club Baloncesto Ames acaba de escribir a páxina máis brillante da súa historia ao conseguir o ansiado ascenso á 2ª División Autonómica. Este fito deportivo coincide, ademais, cunha data moi sinalada para a entidade: a celebración dos seus 20 anos de historia, dúas décadas de traballo na promoción do baloncesto no concello que agora ven a súa recompensa no máis alto nivel autonómico.
O camiño cara a gloria consumouse tras unha esixente liguiña de ascenso na que os pupilos dirixidos polo tándem Daniel Fentes / Roberto Lopo, demostraron unha madurez e un talento excepcionais, asinando unha traxectoria case impoluta.
Unha fase de ascenso de auténtico infarto
A andaina nesta fase definitiva comezou con moita forza, cunha contundente vitoria a domicilio fronte ao subcampión santiagués, o A.D.B. Fontiñas (43-75). Con todo, a competición gardaba un baño de realidade na segunda xornada en Ourense. O C.B. Ames sufría a súa segunda derrota de toda a tempada ante o Nacex EDO Blanco Amor (75-67). Lonxe de virse abaixo, o equipo tirou de épica e cabeza fría no último cuarto para minimizar a desvantaxe, un movemento táctico que acabaría sendo vital.
Ao regreso á casa, alentados pola incondicional "marea amiense", o equipo asinou dúas vitorias consecutivas como local ante o C.B. Peixefresco de Marín (86-60) e de novo ante o Fontiñas (84-72). O destino quixo que o ascenso se decidise no quinto partido, no Pavillón Municipal do Milladoiro, nun duelo a vida ou morte ante o Blanco Amor.
Cun ambiente de gala, as bancadas ateigadas, música e colorido, os locais superaron a presión e dominaron o encontro de principio a fin cunha exhibición de xogo coral (79-55). A bucina final desatou a tolemia e unha festa rachada entre xogadores e seareiros, certificando matematicamente o ascenso. O derradeiro partido en Marín (76-87) serviu unicamente como broche de ouro para un equipo que xa tiña a cabeza nas nubes da 2ª División.
A despedida dun mito e o futuro do club
O ascenso ten un nome propio a nivel emocional: o do capitán Alberto Sampedro, que decidiu colgar as zapatillas no cumio da súa carreira, deixándolle ao seu club de toda a vida o mellor agasallo posible.
O presidente da entidade, Jota Cabo, quixo poñer en valor o tremendo esforzo colectivo: "Este ascenso é o premio a 20 anos de picar pedra. A derrota en Ourense ensinounos que ninguén nos ía regalar nada, pero a resposta do equipo e de toda a nosa masa social o día do ascenso foi inesquecible. Queremos dedicarlle este triunfo a toda a xente que estivo aí dende o primeiro día, e moi especialmente ao noso capitán, Alberto, que é historia viva deste club e que, agardo, continúe vinculado a este proxecto achegando a súa sabedoría e coñecementos para asentarnos na nova categoría e seguir medrando".
Sen tempo para relaxarse, a directiva do C.B. Ames xa puxo en marcha a maquinaria para a histórica campaña 2026/2027 na 2ª División Autonómica. Un fito que suporá un salto exponencial na visibilidade do club por toda Galicia e para o cal a entidade fará un chamamento ao tecido empresarial do concello de Ames, lanzando unha nova campaña de patrocinadores que permita asentar este ilusionante proxecto na nova categoría.





