- Tematica
O Goberno municipal do Concello de Ames visitou esta mañá o Centro Galego de Intelixencia Emocional, Saúde e Desenvolvemento Persoal, ElSuno, localizado en Biduído. Trátase dun espazo centrado en proporcionar ás persoas as ferramentas e os recursos necesarios para optimizar a súa calidade de vida. Cun equipo de profesionais altamente cualificados e que comparten a paixón polo benestar humano, este centro oferta unha ampla gama de servizos e programas en materia holística, dende terapias ata cursos e talleres de meditación. Dende ElSuno tamén abordan un programa especial sobre o Camiño de Santiago, chamado “A experiencia interior do Camiño orixinal”.
Esta mañá, o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; e a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, visitaron as instalacións de ElSuno, o Centro Galego de Intelixencia Emocional, Saúde e Desenvolvemento Persoal, situado na parroquia de Biduído. Este é un centro dedicado ao crecemento interior a través de retiros, formación e programas de benestar.
Durante a visita, un dos directores de ElSuno, Abel Santiago indicou que “este é un centro de intelixencia emocional no que tratamos todo o que teña que ver coas emocións: estrés, ansiedade, medos, ira...”, ofrecendo “ferramentas para que as persoas poidan ir facendo o seu propio traballo e desenvolver capacidades de xestión”. Na mesma liña falou outro dos directores de ElSuno, e irmán de Abel, Carlos Santiago, quen sinalou que “o obxectivo é dar a coñecer este centro para que demais institucións vaian descubrindo de que maneira podemos mellorar a calidade de vida, non soamente dos nosos veciños, senón tamén doutras persoas”.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou a importancia de que Ames, un concello comprometido coa saúde mental e emocional, conte con iniciativas deste tipo. “ElSuno está plenamente aliñado coa forma de entender a promoción da saúde que defendemos dende o Concello de Ames, unha visión integral que concibe o benestar físico e emocional como dúas dimensións inseparables. Nun contexto no que cada vez somos máis conscientes da importancia da saúde mental, é fundamental contar con espazos que proporcionen ferramentas e recursos para o desenvolvemento persoal, a xestión emocional e a mellora da calidade de vida das persoas. Proxectos como este enriquecen o noso tecido social e contribúen a construír unha comunidade máis saudable, resiliente e cohesionada”.
Sobre ElSuno
ElSuno, Centro Galego de Intelixencia Emocional, Saúde e Desenvolvemento Persoal é un espazo que non busca a cantidade, senón a calidade. O seu obxectivo é facilitar ferramentas e recursos dende a perspectiva da psicoloxía, a neurociencia e a saúde para unha vida plena, a través de terapias, formacións e xornadas de retiro nas súas instalacións de Biduído.
Dende ElSuno seguen unha filosofía que combina a ciencia e a dimensión humana para promover o benestar físico, ofrecendo programas e servizos que inspiren o crecemento persoal, o benestar emocional e unha comprensión máis profunda do mundo que nos rodea. O traballo no centro baséase na relación de confianza, a empatía e o apoio continuo.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Voto de confianza del gobierno de Ames al crecimiento interior con la visita al centro ElSuno"
La Voz de Galicia: "Blas García destaca el compromiso de Ames con la salud mental y emocional"









