Actualidade

O Club Xuvenil de Ames, Distrito 13 17 dá a benvida ao mes de marzo cunha nova actividade. Deste vez, a sesión dedicarase á maquillaxe creativa, aproveitando o final da época de entroido. Será o vindeiro venres 6 de marzo, de 19.00 a 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade enmárcase na programación de Distrito 13 17 para o mes de marzo, no que tamén se levará a cabo a xincana Ames Misterioso. Podes anotarte na seguinte ligazón. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.

O proxecto xuvenil Distrito 13 17 regresa este sábado 21 de febreiro cunha nova actividade, de 19.00 a 21.00 horas no anexo do pavillón do Milladoiro, dirixida aos rapaces e rapazas de Ames. A sesión, chamada Consolidando, servirá aos asistentes como unha continuación da primeira actividade, na que seguir estreitando lazos e creando grupo con todos os participantes. Non obstante, poderá asistir calquera persoa nada entre o 2013 e o 2008, participasen ou non na primeira sesión. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Mocidade de Ames, organiza unha nova actividade do programa Trouleando cunha xornada no Titans Laser Tag, en Teo, o próximo sábado 28 de febreiro. O prazo de inscrición estará aberto do 12 ata o 18 de febreiro. As persoas interesadas deben inscribirse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal. Hai 42 prazas dispoñibles que se asignarán por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición nesta ligazón.

O club xuvenil Distrito 13 17 inaugura a súa programación coa actividade Creando Rede o vindeiro venres 6 de febreiro, de 19.00 a 21.00 horas, no Pazo da Peregrina. A agrupación xa conta cun total de 20 rapaces e rapazas inscritas e agarda algunha incorporación máis antes desta primeira actividade ante o interese da mocidade amesá. Podes consultar a programación completa na seguinte ligazón.

Ames vén de celebrar o primeiro Consello Sectorial da Xuventude con representación dos sectores mozos do concello. Esta xuntanza tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, onde se expuxeron as principais demandas da mocidade amesá. Solicitáronse máis actividades e espazos: un local de reunión a cuberto durante as fins de semana en Bertamiráns, festas para menores de idade, obradoiros xuvenís, espazos para a mocidade con diversidade funcional e visitas culturais. Os mozos e mozas tamén reclamaron unha mellora das comunicacións entre O Milladoiro e Bertamiráns, así como unha maior frecuencia entre os dous núcleos e entre o rural durante as fins de semana. Propostas que foron tomadas en conta e serán estudadas.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova iniciativa promovida pola Concellaría de Mocidade. Trátase do novo Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo pensado para a xente nova de 13 a 17 anos con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes. Este proxecto de lecer busca dinamizar e promover a participación da xuventude a través dunha batería de actividades lúdicas e formativas de diversa temática. As actividades comezan o venres, 6 de febreiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 19.00 a 21.00 horas, coa iniciativa Creando Rede. Haberá programación cada 15 días durante todo o ano, agás nos meses de verán. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa de 2026.

O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do concello de Ames. Desta volta, as clases desenvolveranse os luns e mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, en ambas localidades con horario de 16.30 a 19.45 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude, vén de anunciar un novo curso de monitor/a de actividades de tempo libre. A formación, dunhas 350 horas de duración, comezará este mes de xaneiro ata o mes de abril no Pazo da Peregrina e terá un custo de 172€. Ao finalizar, os alumnos e alumnas recibirán un título homologado en todas as comunidades autónomas de España. O prazo de inscrición abrirase este venres 9 de xaneiro e rematará o 21 de xaneiro na Sede electrónica do Concello de Ames.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta tarde a gala de entrega de premios da sexta edición do certame Galetiktokers. De onde veñen as cantigas?, A velada dos instrumentos, Pena da Moura, Ata os monstros falan (e cantan!) en galego, Dúas cousas poden acontecer e Patricio son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2025. O evento estivo presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado polo grupo Sacha na Horta. Este ano presentáronse un total de 56 vídeos que foron creados por máis de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. En total, sumáronse 20.970 gústame e máis de 500.000 visualizacións entre tódolos vídeos.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 22 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do VI Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por sexto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar e impulsar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta edición presentáronse 56 vídeos, realizados por arredor de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado musicalmente polo grupo Sacha na Horta. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers25@gmail.com. A gala será emitida en directo a través do Instagram de Xuventude Ames.
- ‹ anterior
- 2 de 19
- seguinte ›




