Pestanas principais

A mocidade de Ames expón as súas demandas no Consello Sectorial da Xuventude

Sábado, 31 de xaneiro de 2026

Ames vén de celebrar o primeiro Consello Sectorial da Xuventude con representación dos sectores mozos do concello. Esta xuntanza tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, onde se expuxeron as principais demandas da mocidade amesá. Solicitáronse máis actividades e espazos: un local de reunión a cuberto durante as fins de semana en Bertamiráns, festas para menores de idade, obradoiros xuvenís, espazos para a mocidade con diversidade funcional e visitas culturais. Os mozos e mozas tamén reclamaron unha mellora das comunicacións entre O Milladoiro e Bertamiráns, así como unha maior frecuencia entre os dous núcleos e entre o rural durante as fins de semana. Propostas que foron tomadas en conta e serán estudadas.

Entre elas, destacan a creación dun sistema de transporte municipal e a mellora do transporte metropolitano da Xunta de Galicia, actividades culturais e obradoiros de temáticas variadas, mellora de locais sociais e instalacións deportivas e a ampliación do Plan de saúde mental municipal posto en marcha este mandato.

A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, agradeceu a gran participación que houbo neste primeiro Consello e prometeu avaliar todas as propostas recibidas. “Queremos que nos esixades melloras e nos demandedes novas actividades e programas, non ten sentido programa sen contar coa vosa opinión e participación.”

Dito consello está composto por un representante do Club xuvenil de Ames; un representante do Club xuvenil de diversidade de Ames; un representante do local de ensaio A Factoría; e dous representantes de entre 18 e 30 anos de entidades, asociacións e colectivos relacionados coa mocidade, e catro representantes que cursan ESO, FP ou bacharelato.

A esta xuntanza tamén acudiron a concelleira do PSdeG-PSOE, Susana Señorís, o concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, e a concelleira do BNG, Rosalía Seijas. Ademais, desculpou a súa ausencia a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo.

Demandas da mocidade
Nesta xuntanza, a mocidade amesá tivo a oportunidade de facer chegar ao Consello as súas principais demandas e preocupacións. En xeral, non foron outras que máis actividades e espazos: un local de reunión a cuberto durante as fins de semana en Bertamiráns, festas para menores de idade, obradoiros xuvenís, espazos para a mocidade con diversidade funcional e visitas culturais. 

Tamén se tratou unha cuestión importante como é a do transporte. Os mozos e mozas reclamaron unha mellora das comunicacións entre O Milladoiro e Bertamiráns, así como unha maior frecuencia entre os dous núcleos e entre o rural durante as fins de semana. Propostas que foron tomadas en conta e serán estudadas. 

Ademais, houbo espazo para tratar as inquedanzas sobre o mantemento e necesidade de mellora de certos equipamentos, como as cubertas dos pavillóns polideportivos do Milladoiro e Bertamiráns, a zona de acceso peonil ao IES do Milladoiro (Paseo da Igualdade), o edificio do IES de Ames ou o local social de Biduído de Arriba. 

Por último, tamén houbo momento para solicitar información en canto ao programa de saúde mental nos IES e no Pazo da Peregrina e demandar o apoio aos grupos de música locais e o fomento da música en directo en Ames.  

O Concello recolleu todas e cada unha das propostas co fin de estudalas e poder desenvolvelas dende o departamento de Xuventude, ou ben trasladalas ao departamento municipal correspondente. Ademais, animouse a todos os membros do Consello a ter unha comunicación fluída e constante máis alá das reunións semestrais. 

Distrito 13 17 
Neste contexto, esta semana presentouse o Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo deseñado por Xuventude Ames para rapaces e rapazas de 13 e 17 anos con gañas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes. Un proxecto de lecer que busca dinamizar a participación xuvenil no concello. 

As actividades darán comezo no mes de febreiro e haberá programación cada 15 días durante todo o ano, agás nos meses de verán (xullo e agosto), tanto en Bertamiráns (Pazo da Peregrina) coma no Milladoiro (anexo do pavillón polideportivo). As actividades comezan o venres, 6 de febreiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 19.00 a 21.00 horas, coa iniciativa Creando Rede. Ademais, o sábado 21 de febreiro, nese mesmo horario de 19.00 a 21.00 horas, impartirase a actividade Consolidando, no anexo do pavillón do Milladoiro.

A mocidade de Ames expón as súas demandas no Consello Sectorial da Xuventude