- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude, vén de anunciar un novo curso de monitor/a de actividades de tempo libre. A formación, dunhas 350 horas de duración, comezará este mes de xaneiro ata o mes de abril no Pazo da Peregrina e terá un custo de 172€. Ao finalizar, os alumnos e alumnas recibirán un título homologado en todas as comunidades autónomas de España. O prazo de inscrición abrirase este venres 9 de xaneiro e rematará o 21 de xaneiro na Sede electrónica do Concello de Ames.
Xuventude Ames oferta este curso útil que abre moitas portas de cara á inserción laboral e que capacita para deseñar, programar e pór en práctica actividades para o tempo libre, orientadas á infancia, á mocidade o incluso a persoas maiores ou con necesidades especiais. No curso abordaranse cuestións psicolóxicas, dinámicas de grupo, xogos, educación ambiental e demais temáticas relacionadas coa animación sociocultural.
A formación consta de dúas partes: a primeira, teórico-práctica, durará 200 horas divididas en 40 hora en liña e 160 presenciais durante as fins de semana, a razón de 10 horas diarias en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.30 horas; a segunda serán 150 horas totalmente prácticas, onde o alumnado deberá buscar unha institución onde poder elaborar o proxecto desta fase.
Proceso de inscrición
O prazo de inscrición estará aberto do 9 ao 21 de xaneiro. Para poder anotarse, todas aquelas persoas interesadas deberán dirixirse á Sede electrónica do Concello de Ames e entregar cuberta a ficha de inscrición, unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da titulación académica que se posúa no momento de formalizar a solicitude.
As prazas do curso son limitadas e as solicitudes seguirán unha rigorosa orde de chegada, polo que se recomenda formalizala canto antes. Tamén se poderá realizar a inscrición de maneira presencial nos rexistros municipais do Milladoiro e Bertamiráns.
Pódese obter máis información no número de teléfono 616 083 229 ou no enderezo de correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames oferta un curso de monitor de actividades de tiempo libre"






