Actualidade

O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2025-2026 comezou a desenvolver as actividades no mes de xaneiro, unha vez rematado o proceso de selección das 100 persoas participantes, e rematará en outubro de 2026. Está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 220.000 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe acadada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, acollerá os días 16 e 17 de marzo, no Milladoiro e en Bertamiráns, respectivamente, o relatorio Tarxetas revolving e microcréditos: a gran trampa. A charla impartirase na Casa de Cultura do Milladoiro e no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, ambos días ás 19.30 horas. Esta actividade enmárcase no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, acollerá durante as vindeiras semanas tres relatorios informativos sobre a xestión das finanzas do fogar, impartidos pola Unión de Consumidores de Galicia. Serán os días 16 e 17 de marzo, 23 e 24 de marzo, e 14 e 15 de abril. Os emprazamentos serán a Casa da Cultura do Milladoiro e o salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Estas actividades enmárcanse no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

Desde o venres 6 de marzo está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP do xoves, 5 de marzo, co cal o prazo para presentar as solicitudes é de 30 días naturais desde o día seguinte de dita publicación, polo que estará aberto ata o 4 de abril. O importe desta convocatoria de subvención é de 40.000 euros: 33.000 euros para a promoción comercial e 7.000 euros para infraestruturas e equipamentos. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro Electrónico Xeral da AGE.

O Concello de Ames acolleu esta mañá, no salón de plenos da Casa do Concello, a presentación da final do Burguer Showdown, na que participarán dous establecementos hostaleiros de Bertamiráns, o Petiscos Gastrobar e Malasogra. Esta competición, organizada polo influencer Joe Burguer, determina a mellor hamburguesa de Galicia mediante o formato 1vs1. Cada persoa poderá comprar un tícket por 24,90€, que lle dará dereito a probar as dúas hamburguesas: “A alcaldesa”, do Petiscos, e “K.O.” do Malasogra. Haberá opción sen glute nas dúas hamburguesas. Ademais, ambos establecementos participaron na sexta edición do Campionato de España de Hamburguesas.

O pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu a VI Xornada de innovación InnovAmes 2026, un proxecto que cada vez ten maior acollida entre as empresas de Ames e que este ano abriu horizontes ao convidar a compañías doutras localidades galegas. Durante esta xornada tamén asistiron arredor de 500 escolares dos centros educativos de Ames, así como representantes das tres universidades galegas e do centro de coworking A Proa. Destacou a presenza da secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Teresa Riesgo; do delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco; e o delegado especial da Zona Franca de Vigo, David Regades. Preme nesta ligazón para ver a galería de imaxes completa do InnovAmes.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica Emprego e Innovación, desenvolverá este venres pola mañá, no pavillón polideportivo do Milladoiro, a sexta edición da xornada InnovAmes, un espazo de innovación e colaboración entre empresas e escolares de Ames. A finalidade deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a colaboración entre empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial do concello. Durante toda a xornada participará persoal de arredor de trinta empresas amesás, sete empresas da contorna, nenos e nenas dos centros de ensino de Ames, persoal das empresas que empregan o espazo colaborativo A Proa e representantes das tres universidades galegas.

O grupo compostelán Lumedoloop, formado por Jamas e Mou, fundadores de Dios Ke Te Crew e referentes do hip hop do país, e DJ Mil, un dos DJs máis recoñecidos da escena urbana galega, veñen de presentar o seu novo videoclip Fíos de Cor, previo ao lanzamento do su álbum debut (Re)existencia. O Concello de Ames colaborou neste traballo ao ceder a nave de obras de Lapido para a gravación da parte audiovisual da peza. Premendo nesta ligazón pódese ver o videoclip de Fíos de Cor, na canle de Youtube de Lumedoloop.

Esta mañá, o Concello de Ames presentou no espazo de coworking A Proa do Milladoiro unha nova edición da xornada de innovación InnovAmes, que se levará a cabo o vindeiro venres, 20 de febreiro, no pavillón municipal do Milladoiro. O proxecto acollerá durante toda a mañá conferencias, obradoiros e exposicións de stands, así como a xa habitual entrega dos premios InnovAmes, co obxectivo de achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación á vez que se crea un espazo de coñecemento e networking. Este ano, como novidade, incrementouse a contía dos premios e contarase con empresas de fóra do concello para poder crear sinerxías entre as empresas amesás e as doutras localidades. Ademais, contarse coa asistencia da Secretaria Xeral de Innovación, Teresa Riesgo, e do Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.

O alumnado do CEIP de Barouta e do CEP de Ventín conmemorou o Día da Muller e a Nena a Ciencia co proxecto “Miña avoa xa facía ciencia”, unha iniciativa que organizou o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, co obxectivo de recoñecer e poñer en valor a sabedoría feminina tradicional (en xeral, invisibilizada) e amosar como as mulleres galegas, dende os seus fogares, eidos ou talleres, xa practicaban ciencia antes de ter nome ou recoñecemento académico. O Concello de Ames pertence á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Preme nesta ligazón para ver un vídeo resumo das actividades realizadas dentro de dito proxecto.
- ‹ anterior
- 4 de 66
- seguinte ›




