- Tematica
Esta mañá, o Concello de Ames presentou no espazo de coworking A Proa do Milladoiro unha nova edición da xornada de innovación InnovAmes, que se levará a cabo o vindeiro venres, 20 de febreiro, no pavillón municipal do Milladoiro. O proxecto acollerá durante toda a mañá conferencias, obradoiros e exposicións de stands, así como a xa habitual entrega dos premios InnovAmes, co obxectivo de achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación á vez que se crea un espazo de coñecemento e networking. Este ano, como novidade, incrementouse a contía dos premios e contarase con empresas de fóra do concello para poder crear sinerxías entre as empresas amesás e as doutras localidades. Ademais, contarse coa asistencia da Secretaria Xeral de Innovación, Teresa Riesgo, e do Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.
Ao longo de toda a xornada do InnovAmes, desenvolveranse diferentes relatorios, mesas de debate e stands expositivos relacionados coa tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Deste xeito, preténdese crear un espazo no que reunir a empresas de Ames para coñecer e poñer en común os diferentes avances e novidades dentro de cada sector, facilitando así posibles colaboracións entre entidades. O evento está sendo organizado polo Concello de Ames, a través das empresas Designthinking e Mirabelle Comunicación.
Este ano, o concepto central será “A revolución invisible: Innovacións que cambian o día a día”, unha idea que nos lembra que non sempre vemos a innovación, pero sempre sentimos o seu impacto na nosa contorna, nas nosas empresas e na nosa comunidade.
O alcalde de Ames, Blas García, quixo poñer en valor o feito de formar parte “do selecto club dos 109 concellos que compoñen a Rede Innpulso. Facémolo dende hai anos, o que pon de manifesto que somos un exemplo para a innovación”. Tamén quixo estreitar lazos coas empresas do concello, incidindo en que “é importante poder establecer vías de comunicación e traballo conxunto entre empresas”. En canto á celebración do InnovAmes, destacou que o proxecto ten “dous obxectivos: por un lado xerar sinerxías entre as empresas, e polo outro formar aos nenos e nenas dende a base para que se adentren dentro do mundo da innovación e a tecnoloxía”. “Estamos facendo que queiran dedicarse nun futuro á innovación”, sinalou.
Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, destacou o crecemento do proxecto: “Cada vez son máis as empresas as que veñen a Ames, hai moitas máis entidades que o ano pasado. O proxecto vai collendo máis forza”. Dentro dese amplo grupo de empresas, algunhas veñen de concellos da contorna, xa que “consideramos moi importante poder crear sinerxías entre as nosas empresas e as doutras localidades”, declarou a edil.
Na presentación tamén se trataron as cuestións máis relevantes dos Premios InnovAmes. A técnica de innovación do Concello de Ames, Patricia Yáñez, animou a todos os centros educativos e empresas a presentarse aos premios: “a innovación cultívase nas aulas. Sabemos que imos ver ideas frescas e que nos van sorprender”.
Uns galardóns, que como criterio principal de selección terán “a produción dun impacto positivo na sociedade, no territorio e no medio ambiente”, adiantou unha Patricia Yáñez que finalizou a súa intervención sinalando que “a innovación non é só tecnoloxía é unha forma de ver o mundo, de melloralo e de imaxinar o que aínda non existe”.
Empresas participantes
Como nas edicións anteriores, o InnovAmes contará coa participación de diversas empresas locais de innovación, como son Conic Vascular - CAST, Ficción Producciones, Nanogap, Sinerxía, Cartogalicia, Impulsadixital, Werobots, Codery, Karbonius, Casalonga forestal e xardín, Emotionallight, Silvereira, Artesanía Tuñas, Bahiasoftware, Nortigalia, Placein, Biostatech, Catec, Clun, Stampa, Iluminaciones Santiaguesas, Gst, Tagpring, Ojoalvatio, Augas de Ames, H2GZ, DOOIGNIT e Elora.
Ademais, a empresa Clun doará batidos con froita para a merenda de media mañá dos nenos e nenas asistentes ao evento. Tamén participarán na feira un grupo de usuarios do espazo colaborativo A Proa do Milladoiro e a Cadena Ser, presente en edicións anteriores, e que volverá ao InnovAmes para emitir en directo o programa Hoy por Hoy Santiago.
Este ano, como novidade, o InnovAmes acollerá tamén un grupo de empresas invitadas de fóra do municipio, no marco do compromiso de Ames co ecosistema innovador. O obxectivo é crear sinerxías entre as empresas de Ames e as doutros concellos galegos. Estas empresas son: Adoc, Vimbio e Cloud.gal, de Santiago de Compostela; Farmasecurity, de Vigo; Metalia consultores, das Pontes; Powernet, da Coruña; e Disal, de Vilagarcía de Arousa. Todas e cada unha destas corporacións contarán co seu propio stand dentro da feira, achegando deste xeito coñecemento no seu campo.
Representación educativa
A comunidade educativa será, coma sempre, un dos piares fundamentais do proxecto. Nesta edición, o CEIP Agro do Muíño, o CEIP Barouta e o IES do Milladoiro acudirán á xornada con cadanseu stand, e o CEP Ventín e o IES Plurilingüe de Ames farano para visitar a feira. En total, contarase coa presenza de arredor de 500 alumnos e alumnas de Ames.
Con todo, as universidades tamén terán representación no pavillón do Milladoiro: tanto a Universidade de Santiago de Compostela, como a da Coruña e a de Vigo contarán con cadanseu stand no que achegarán proxectos de innovación, investigación e transferencia de coñecemento aos asistentes.
Por parte da USC participará Neutron Insights, unha spin-off especializada en tecnoloxías avanzadas de detección e tomografía con neutróns, con aplicacións en ámbitos como poden ser a industria, a seguridade ou a investigación. En canto á Uvigo, esta levará, mediante a Escola de Enxeñaría Industrial, un simulador interactivo, ofrecendo ao público unha experiencia práctica arredor da enxeñaría e a tecnoloxía.
Asistencia de invitados
Ademais das empresas e entidades educativos, ao evento acudirán diferentes personalidades de relevancia no eido da innovación. O InnovAmes contará, en primeira instancia, coa presenza do Goberno de España mediante a asistencia da Secretaria de innovación Teresa Riesgo Alcaide, responsable do órgano directivo do Ministerio De Ciencia, Innovación e Universidades. Tamén visitará o pavillón do Milladoiro o Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.
Tamén están convidados os Concellos os Concellos máis próximos a Ames que pertencen á Rede Innpulso. Estes son Santiago de Compostela, Ribeira, A Coruña, Arteixo, Vigo, Lugo, Ponderrada e Castropol. Ata o de agora confirmou a súa asistencia o concelleiro de Ribeira, Álex Vidal, que acude coa empresa Qbit Dynamics. Tamén participará no evento o Colexio Profesional de Enxeñería Informática, a través do seu vicesecretario, Roberto Vieito Raña. Para o Concello de Ames é unha oportunidade de fortalecer os lazos entre os Concellos participantes e construír deste xeito un futuro máis creativo, tecnolóxico.
Convenio con Down Compostela
A excelente experiencia da edición anterior levou ao Concello de Ames a colaborar de novo coa asociación Down Compostela. É por iso que o alcalde de Ames, Blas García, e o presidente de Down Compostela, Juan Martínez, asinaron un convenio de colaboración durante a presentación desta mañá, que se materializará coa presenza tanto de Javi como Cristina, membros da asociación, no stand de información do evento.
Programación da xornada
O evento dará comezo arredor das 10.00 horas, coa mesa inaugural e o percorrido de presentación polos stands das empresas e os centros educativos. Ao longo de toda a xornada realizaranse diversas charlas e mesas de debate onde se tratarán cuestións relacionadas co mundo da tecnoloxía, a innovación, o desenvolvemento sostible no eido empresarial ou oportunidades dentro das empresas locais.
Así mesmo, todas as actividades programadas para a cuarta edición do InnovAmes están dirixidas para todo o público que se queira achegar, tanto para a propia veciñanza do concello, como para profesionais do sector, como escolares dos centros educativos. Deste xeito, búscase dar a coñecer todos os avances e innovacións que se están desenvolvendo no mundo empresarial entre a veciñanza amesá de todas as idades.
Premios InnovAmes
Ao igual que en pasadas edicións, o Concello de Ames convoca o IV Premio InnovAmes para Empresas Innovadoras, que ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo de persoas emprendedoras e das empresas cun maior grao de innovación e potencial de crecemento en Ames. Valoraranse aspectos como o compoñente de innovación, a sostibilidade, o uso de novas tecnoloxías, a globalización do proxecto, o potencial impacto do mesmo na contorna de Ames e a propia presentación no día do InnovAmes. Pódese consultar as bases completas do premio na seguinte ligazón.
Haberá dúas categorías de participación. Por un lado, o Premio InnovAmes á innovación empresarial, que estará dotado dunha contía de 2.000 euros. Polo outro, o Premio InnovAmes, cunha contía para a corporación gañadora de 1.500 euros. O prazo para presentar solicitudes está aberto e rematará o vindeiro domingo 15 de febreiro.
Por outra banda, volveranse repartir os IV Premios InnovAmes a proxectos educativos. Estes galardóns teñen como obxecto achegar o mundo da innovación á cidadanía, colaborar como nexo de unión entre a cidadanía e as empresas de innovación e o fomento da formación en innovación nos centros de ensino. Repartiranse un total de 6.500 euros divididos en seis premios: 1.700 euros para o primeiro, 1.500 euros para o segundo, 1.200 euros para o terceiro, 900 euros para o cuarto, 700 euros para o quinto e 500 euros para o sexto.
Para participar na convocatoria, os centros de educación participantes deberán cumprir os requisitos especificados nas bases. O prazo de presentación de candidaturas será dende o día seguinte á publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña ata o 15 de febreiro de 2026 inclusive. Pódense consultar as bases na seguinte ligazón.















