Pestanas principais

A Unión de Consumidores de Galicia imparte tres relatorios informativos sobre finanzas familiares

Luns, 09 de marzo de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, acollerá durante as vindeiras semanas tres relatorios informativos sobre a xestión das finanzas do fogar, impartidos pola Unión de Consumidores de Galicia. Serán os días 16 e 17 de marzo, 23 e 24 de marzo, e 14 e 15 de abril. Os emprazamentos serán a Casa da Cultura do Milladoiro e o salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Estas actividades enmárcanse no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

Deste xeito, o primeiro dos relatorios será Tarxetas revolving e microcéditos: a gran trampa, onde as persoas participantes recibirán unha instrución sobre todo o referido á capacidade de endebedamento dentro do núcleo familiar mediante os créditos ao consumo, as tarxetas revolving e os préstamos rápidos. Tamén se mostrará cales son as condicións destes microcréditos e como reclamar ante un problema. Este relatorio celebrarase o día 16 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro, e o 17 no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns.

Deseguido, os días 23 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro e o 24 no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, desenvolverase Entende a túa factura eléctrica para aforrar enerxía. Un obradoiro que informará ás persoas participantes de como diferenciar ás empresas distribuidoras das comercializadoras, aprender a ler a factura enerxética, e pequenos trucos de aforro neste senso.

Por último, a Unión de Consumidores de Galicia impartirá O problema da vivenda: dereitos e solucións, o 14 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro e o 15 no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Este relatorio abordará a cuestión da vivenda dende unha óptica contractual: dereitos e obrigas á hora de comprar ou alugar, transparencia contractual, documentación obrigatoria, protección fronte a cláusulas abusivas... Un relatorio que será clave para poder comprender certas cuestións legais de alta importancia.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “as charlas que imparten os técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Para este ano xa hai charlas programadas ata o mes de setembro. Animo á veciñanza a que acuda a estas actividades para resolver posibles dúbidas que teñan sobre as tarxetas revolving e microcéditos, a factura eléctrica, a cuestión da vivenda dende unha óptica contractual, e sobre o comercio electrónico”.

Máis relatorios en setembro
A maiores dos relatorios nestes meses de marzo e abril, a Unión de Consumidores de Galicia ten programada outra formación no mes de setembro. Baixo o nome Comercio electrónico: como evitar fraudes, as persoas participantes recibirán unha instrución sobre como comprar e vender en liña de xeito seguro e sorteando estafas. 

Abordaranse cuestións como a posta a punto dos dispositivos, identificación das tendas en liña de confianza e os seus titulares, detección de fraudes como phishing ou carding, estafas a través do correo electrónico, ou requisitos de información previa e específicos adicionais para os contratos celebrados en mercados en liña. A localización deste relatorio está aínda por determinar.

Servizo da UCGAL en Ames
Estas actividades enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade, é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Deste xeito poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.

O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.

A Unión de Consumidores de Galicia imparte tres relatorios informativos sobre finanzas familiares

Multimedia

  • A Unión de Consumidores de Galicia imparte tres relatorios informativos sobre finanzas familiares
  • A Unión de Consumidores de Galicia imparte tres relatorios informativos sobre finanzas familiares
  • A Unión de Consumidores de Galicia imparte tres relatorios informativos sobre finanzas familiares