- Tematica
Desde o venres 6 de marzo está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP do xoves, 5 de marzo, co cal o prazo para presentar as solicitudes é de 30 días naturais desde o día seguinte de dita publicación, polo que estará aberto ata o 4 de abril. O importe desta convocatoria de subvención é de 40.000 euros: 33.000 euros para a promoción comercial e 7.000 euros para infraestruturas e equipamentos. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro Electrónico Xeral da AGE.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de sacar unha nova convocatoria de axudas para a promoción do comercio local. Os obxectivos que se perseguen con esta liña de axudas son aproximar ao comercio amesán o maior número posible de clientes, empregando os colectivos como instrumento para acadar esta finalidade e, ademais, mellorar a calidade da actividade comercial do concello.
Outros dos obxectivos é fomentar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do concello, programada e desenvolvida polas entidades asociativas do sector, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a realizar, como na súa posta en práctica e no seu financiamento.
Para a consecución destes obxectivos estratéxicos, establécense as seguintes liñas de actuación, ou obxectivos secundarios: primar actividades abertas á participación do comercio en xeral, e non só aos membros de cada un dos solicitantes; e acadar o autofinanciamento das entidades, primando a aquelas que acheguen unha maior porcentaxe de fondos propios ao desenvolvemento das súas actividades.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “esta liña de axudas ten como obxectivo axudar e impulsa ao comercio local, destinando unha subvención directa aos colectivos de comerciantes e profesionais particulares do concello. Deste xeito, poderán ter máis recursos e facilidades para continuar impulsando a actividade económica de Ames, reforzando así o tecido empresarial xunto coa oportunidade de crear emprego para a veciñanza amesá”.
Axudas para a promoción comercial, infraestruturas e equipamentos
Esta liña de subvencións destínanse ás accións e proxectos que teñen como finalidade a promoción comercial: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades que busquen fomentar a venda de produtos comercializados por empresas que desempeñen a súa actividade comercial no concello de Ames, así como tamén os gastos de contratación de persoal dirixidos a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.
Por outro lado, a segunda liña de actuación vai dirixida a sufragar os gastos de infraestruturas e equipamento das asociacións (mellora das instalacións, adquisición de material mobiliario ou material funxible, mobiliario, páxina web, etcétera). Así mesmo, inclúense tamén os gastos de funcionamento da asociación (alugueiro de locais e xestoría).
Nesta liña, non serán subvencionables os gastos de mantemento ordinario (teléfono, luz e auga ou limpeza), a adquisición de bens inmobles, as actividades que teñan como único ou principal obxectivo a celebración de comidas entre os membros da asociación e as viaxes que non acrediten unha finalidade de promoción comercial.
En total, concederanse axudas por valor de 40.000 euros, dos cales 33.000 se destinarán á promoción comercial, e outros 7.000, á mellora de infraestruturas e equipamento. Esta convocatoria de subvencións está recollida no Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2026 - 2027, aprobado polo pleno do 29 de xaneiro de 2026. Os gastos para os que se solicite a subvención municipal deberán executarse no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025 ao 31 de outubro de 2026.
Criterios de valoracións das axudas
Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos: número de socios activos da entidade, orzamento total do grupo de actividade, promoción da lingua galega, adhesión ao Sistema de Arbitraxe de Consumo de Galicia e a realización de actividades por unha soa asociación en máis dun núcleo poboacional (tanto en Bertamiráns como no Milladoiro).
O prazo para presentar as solicitudes é de 30 días naturais, desde o 6 de marzo ata o 4 de abril. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP do xoves, 5 de marzo, co cal o prazo para presentar as solicitudes é dun mes dende o día seguinte de dita publicación. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro Electrónico Xeral da AGE.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "El comercio de Ames tendrá 40.000 euros a su disposición en ayudas para promoción y equipos"
Diario de Santiago: "Aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local de 2026, en Ames"
La Voz de Galicia: "Ames abre plazo al comercio para optar a ayudas por 40.000 euros"





