Pestanas principais

A Unión de Consumidores de Galicia imparte un relatorio sobre microcréditos no Milladoiro e en Bertamiráns

Sábado, 14 de marzo de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, acollerá os días 16 e 17 de marzo, no Milladoiro e en Bertamiráns, respectivamente, o relatorio Tarxetas revolving e microcréditos: a gran trampa. A charla impartirase na Casa de Cultura do Milladoiro e no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, ambos días ás 19.30 horas. Esta actividade enmárcase no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

A UCGAL volve organizar xornadas formativas para toda a veciñanza de Ames. Nesta ocasión, cun relatorio chamado Tarxetas revolving e microcréditos: a gran trampa, o vindeiro 16 de marzo, na Casa da Cultura do Milladoiro e o día 17 no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Ambos días, a charla comezará ás 19.30 horas. 

As persoas que asistan a este relatorio recibirán unha instrución sobre todo o referido á capacidade de endebedamento dentro do núcleo familiar mediante os créditos ao consumo, as tarxetas revolving e os préstamos rápidos. Tamén se mostrará cales son as condicións destes microcréditos e como poder reclamar ante un problema. 

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, quixo facer un chamado á participación nestes relatorios, que “están abertos para todos os veciños e veciñas do Concello de Ames, mais tamén para todas aquelas persoas da contorna interesadas en informarse”.

Máis actividades da UCGAL 
Ademais deste relatorio, a Unión de Consumidores de Galicia ten programadas máis actividades nos meses de marzo e abril. Deste xeito, os días 23 e 24 de marzo, na Casa da Cultura do Milladoiro e no Salón de Plenos da Casa do Concello, respectivamente, impartirase o relatorio Entende a túa factura eléctrica para aforrar enerxía. Un obradoiro que informará ás persoas participantes de como diferenciar ás empresas distribuidoras das comercializadoras, aprender a ler a factura enerxética, e pequenos trucos de aforro neste senso. 

Xa en abril, os días 14 e 15, nos mesmos emprazamentos, impartirase O problema da vivenda: dereitos e solucións, onde se abordará a cuestión da vivenda dende unha óptica contractual: dereitos e obrigas á hora de comprar ou alugar, transparencia contractual, documentación obrigatoria, protección fronte a cláusulas abusivas... 

Por último, no mes de setembro, a Unión de Consumidores de Galicia ten programada outra formación. Baixo o nome Comercio electrónico: como evitar fraudes, as persoas participantes recibirán unha instrución sobre como comprar e vender en liña de xeito seguro e sorteando estafas. As localización e datas deste relatorio están aínda por determinar. 

Servizo da UCGAL en Ames
Estas actividades enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade, é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Deste xeito poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.

O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.

A Unión de Consumidores de Galicia imparte un relatorio sobre microcréditos no Milladoiro e en Bertamiráns

Multimedia

  • A Unión de Consumidores de Galicia imparte un relatorio sobre microcréditos no Milladoiro e en Bertamiráns