Actualidade

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, presentou cinco novas propostas de animación á lectura entre o público infantil para o primeiro semestre deste ano 2023. Trátase de sesións de contacontos, que, como habitualmente, terán lugar tanto na biblioteca de Bertamiráns como na do Milladoiro, e que están enfocadas á cativada de entre 3 e 8 anos. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Este mércores, 18 de xaneiro, celébrase o primeiro dos encontros literarios do ano 2023 organizados polas bibliotecas municipais de Ames. Nesta ocasión, o Pazo da Peregrina acollerá a Patricia de Lorenzo, que presentará “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”, unha obra editada por Kalandraka. O evento terá lugar ás 20:00 horas, e contará tamén coa presenza de Miguel de Lira e de Xesús Ron, tamén compoñentes do grupo teatral que titula o libro; de Marta Vega Lorenzo, espectadora de Chévere; así como da concelleira de Cultura, Natividade González, que será a presentadora.

As bibliotecas municipais de Ames abren 2023 con dous encontros literarios. Nesta ocasión acollendo a Patricia de Lorenzo, e ao libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural" e a Alfonso Pexegueiro, e ao seu libro “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”. Será o mércores 18 e o xoves 19, sempre ás 20:00 horas e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os dous actos estarán presentados pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Dende este luns, 9 de xaneiro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura, desta volta na biblioteca de Bertamiráns, que organiza tres sesións de contacontos. Celebraranse os días 17, 18 e 19 de xaneiro ás 17:30 horas, e están dirixidos a cativos e cativas de entre 3 e 8 anos. Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, indicando nomes, apelidos, idades dos nenos/as e un teléfono de contacto ou chamar ao número 981 884 829.

As bibliotecas municipais de Ames pechan o ano cun novo encontro literario. Nesta ocasión acollendo ao doutor en Historia, Francisco Leira Castiñeira, e ao seu libro "Los Nadies de la Guerra de España". Será este mércores 21 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor o profesor e tradutor, Xabier Ron, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Este xoves, 15 de decembro, celebrarase unha nova edición dos encontros literarios das bibliotecas municipais de Ames. Desta volta, a escritora Elba Pedrosa presentará a obra “Agora que cala a noite”. Será ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A autora estará acompañada por Xosé Antonio López Silva, profesor e crítico, e por César Lorenzo, editor e xornalista. O evento será presentado pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, vén de realizar melloras nos equipamentos da biblioteca municipal de Bertamiráns. Nas últimas semanas renovouse o mobiliario e melloráronse os equipos tecnolóxicos e informáticos. Investíronse 12.693,02 euros, dos cales 4.793,09 euros foron concedidos a través da subvención a entidade locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e o importe restante, 7.899,93 euros, foi asumido polo Concello de Ames.

Dende este martes, 21 de novembro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura que ofrecen as bibliotecas municipais de Ames para a cativada. Nesta ocasión, trátase dun contacontos pensado para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que terá lugar tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, realizándose tres quendas en cada lugar. Para participar é necesario anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 530 807 (para as sesións no Milladoiro) e 981 884 829 (para as quendas en Bertamiráns).

As bibliotecas amesás celebran unha nova edición dos seus encontros literarios, nesta ocasión acollendo á xornalista e escritora Marga Tojo e ao seu libro "Arder: poética do que acontece na cidade". Será este xoves 17 de novembro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará á autora a xornalista Elena Martín, de Xarda Cooperativa Galega de Comunicación, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

O mes de outubro está cheo de actividades para conmemorar o Día nacional do Dano Cerebral, que se conmemora o 26 de outubro. Este ano, tamén para nenas e nenos, que poderán coñecer mellor o dano cerebral adquirido grazas a Os Bolechas. E é que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) editou, coa axuda destes coñecidos personaxes, a guía 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'. Trátase dunha nova guía 'Os Bolechas' conta ás nenas e nenos como é a nosa discapacidade e cales son as súas causas.
- ‹ anterior
- 9 de 18
- seguinte ›




