Pestanas principais

Elba Pedrosa presenta “Agora que cala a noite” nos “Encontros literarios de Ames”, este xoves 15

Mércores, 14 de decembro de 2022

Este xoves, 15 de decembro, celebrarase unha nova edición dos encontros literarios das bibliotecas municipais de Ames. Desta volta, a escritora Elba Pedrosa presentará a obra “Agora que cala a noite”. Será ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A autora estará acompañada por Xosé Antonio López Silva, profesor e crítico, e por César Lorenzo, editor e xornalista. O evento será presentado pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.

O departamento de Bibliotecas prosegue cos “Encontros literarios de Ames”, a súa proposta de animación á lectura para adultos. Nesta ocasión preséntase a obra “Agora que cala a noite”, o último libro da escritora e xornalista Elba Pedrosa, que está editado por Aira. A entrada é libre ata completar aforo.

“Agora que cala a noite” é un conxunto de relatos que se entrecruzan e que tratan sobre “voces de mulleres que berran, que se expresan, que se queixan e que se liberan. Voces que lle plantan cara á violencia machista en todas as súas facetas e que reclaman protagonizar as súas propias vidas”, contados a través dunha narración viva, directa e actual.

O encontro será presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, e Pedrosa estará acompañada por Xosé Antonio López Silva, profesor e crítico, e por César Lorenzo, xornalista e editor.

A autora: Elba Pedrosa
Elba Pedrosa (Santa Cruz de Tenerife, 1973) é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, e ten vinte anos de experiencia no sector da comunicación. Na actualidade colabora con distintos medios de comunicación, e ademais é actriz, bailarina e presentadora de televisión.

Comezou a súa andadura polo mundo literario no ano 2015, e conta con diversas obras publicadas tanto en galego como en castelán, entre as que destacan “O que non sabías” ou “Despertando la creatividad”.

As bibliotecas de Ames organizan un encontro coa autora de "Agora que cala a noite"

Multimedia

  • Elba Pedrosa presenta “Agora que cala a noite” nos “Encontros literarios de Ames”, este xoves 15