Pestanas principais

Abertas as inscricións para participar nos contacontos de xaneiro da biblioteca de Bertamiráns

Luns, 09 de xaneiro de 2023

Dende este luns, 9 de xaneiro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura, desta volta na biblioteca de Bertamiráns, que organiza tres sesións de contacontos. Celebraranse os días 17, 18 e 19 de xaneiro ás 17:30 horas, e están dirixidos a cativos e cativas de entre 3 e 8 anos. Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, indicando nomes, apelidos, idades dos nenos/as e un teléfono de contacto ou chamar ao número 981 884 829.

“Parabéns para ti!” é a nova proposta de contacontos do departamento de Bibliotecas do Concello de Ames dentro da súa programación para este primeiro trimestre do ano. Trátase de seis sesións de contacontos para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que se desenvolverán tanto en Bertamiráns (o martes 17, o mércores 18 e o xoves 19 de xaneiro) como no Milladoiro (o martes 31 de xaneiro, o mércores 1 e o xoves 2 de febreiro). Todas as sesións terán lugar ás 17:30 horas.

O prazo de inscrición xa está aberto para as sesións que van ter lugar na biblioteca de Bertamiráns, dende hoxe, luns 9 de xaneiro, ata o vindeiro sábado, día 14.

No caso das inscricións da biblioteca do Milladoiro, deberán facerse entre o 23 e o 28 de xaneiro, escribindo a biblioteca@concellodeames.gal e indicando nome, apelidos, idade dos nenos/as e teléfono de contacto; ou chamando ao 981 530 807.

Encontros literarios
Ademais das actividades para a rapazada, as bibliotecas de Ames organizan tamén iniciativas destinadas a adultos, como os tradicionais encontros con autores que acoden a presentar as súas obras. Dende que deu comezo o curso 2022-2023, en setembro, xa interviñeron oito escritores: Diego Rojo, Eduardo Estévez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Fernando Franjo, Alfredo Conde, Marga Tojo, Elba Pedrosa e Francisco Leira.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Anotación para as sesións de contacontos de xaneiro a febreiro nas bibliotecas"

As bibliotecas de Ames acollen unha nova actividade

Multimedia

  • Abertas as inscricións para participar nos contacontos de xaneiro da biblioteca de Bertamiráns