Pestanas principais

As bibliotecas municipais acollerán cinco propostas de contacontos durante o primeiro semestre do ano

Luns, 23 de xaneiro de 2023

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, presentou cinco novas propostas de animación á lectura entre o público infantil para o primeiro semestre deste ano 2023. Trátase de sesións de contacontos, que, como habitualmente, terán lugar tanto na biblioteca de Bertamiráns como na do Milladoiro, e que están enfocadas á cativada de entre 3 e 8 anos. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

As bibliotecas de Ames retoman este mes as súas sesións de contacontos para a animación á lectura entre o público infantil, que se suman aos tradicionais Encontros Literarios que teñen lugar no Pazo da Peregrina con motivo das presentacións de obras literarias para adultos.

Desta volta, presentáronse cinco propostas de contacontos, que terán lugar mensualmente entre xaneiro e maio, e que se desenvolverán tanto na biblioteca municipal de Bertamiráns como na do Milladoiro, celebrándose tres sesións en cada unha delas mensualmente, sempre ás 17:30 horas.

Os interesados en participar en calquera destas actividades deben anotarse previamente no prazo indicado, escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal e indicando nomes, apelidos e idade dos cativos e cativas que vaian acudir, así como un teléfono de contacto. Da mesma maneira, tamén se pode chamar ao número de teléfono 981 884 829 para inscribirse nas sesións que se desenvolvan en Bertamiráns ou ao 981 530 807 para aquelas que teñan lugar no Milladoiro. A programación ao completo de sesións de contos para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo aquí.

“Parabéns para ti” é o nome do contacontos co que as bibliotecas inauguran a actividade neste semestre. Fará tres paradas en cada concello: en Bertamiráns estivo os pasados días 17, 18 e 19 de xaneiro, e no Milladoiro recalará o 31 de xaneiro e o 1 e o 2 de febreiro. O prazo de inscricións para participar en calquera destas últimas tres sesións está aberto dende hoxe, día 23.

“Contos para rir”, estará na biblioteca de Bertamiráns os días 14, 15 e 16 de febreiro, e na do Milladoiro o 28 de febreiro e o 1 e 2 de marzo. Posteriormente, recalará en Ames “Lobos e lobiños”, que terá lugar en Bertamiráns os días 14, 15 e 16 de marzo e no Milladoiro o 28, 29 e 30 do mesmo mes.

Xa en abril, celebrarase “Contos sobre contos”, con tres sesións en Bertamiráns os días 11, 12 e 13 e outras tres no Milladoiro os días 25, 26 e 27. Para finalizar, “Contos de bichiños” terá lugar en Bertamiráns os días 9, 10 e 11 de maio; e no Milladoiro o 30 e 31 de maio e o 1 de xuño.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cuentacuentos vespertinos para este primer semestre en las dos bibliotecas"

Este semestre as bibliotecas municipais ofrecen cinco propostas de contacontos