Pestanas principais

Este mércores, 18 de xaneiro, celébrase un novo encontro literario coa presentación da obra “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”

Martes, 17 de xaneiro de 2023

Este mércores, 18 de xaneiro, celébrase o primeiro dos encontros literarios do ano 2023 organizados polas bibliotecas municipais de Ames. Nesta ocasión, o Pazo da Peregrina acollerá a Patricia de Lorenzo, que presentará “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”, unha obra editada por Kalandraka. O evento terá lugar ás 20:00 horas, e contará tamén coa presenza de Miguel de Lira e de Xesús Ron, tamén compoñentes do grupo teatral que titula o libro; de Marta Vega Lorenzo, espectadora de Chévere; así como da concelleira de Cultura, Natividade González, que será a presentadora.

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames retoma neste 2023 os seus tradicionais encontros literarios, a proposta de animación para público adulto. O Pazo da Peregrina acollerá este mércores, 18 de xaneiro, a presentación de “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”, unha obra que repasa en forma de diálogo toda a historia da compañía teatral desde a súa creación, no ano 1987.

As voces que narran a historia contada na obra son as que compoñen o núcleo máis estable da compañía: Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés. Trátase dunha autobiografía, que recorre en 300 páxinas un amplo e variado apartado gráfico con fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica... Ademais, inclúe un epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual. Doutra banda, o libro está cheo de reflexións e anécdotas nas que non falta o humor.

O encontro será presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González, e os autores estarán acompañados tamén por Marta Vega Lorenzo, espectadora das representacións do grupo teatral.

Representación teatral de Chévere en Ames
A compañía teatral Chévere vén de recibir o XLV Premio da Crítica de Galicia na categoría de Artes Escénicas por N.E.V.E.R.M.O.R.E.. A obra galardoada forma parte da programación do Ames Cultural para o primeiro semestre do ano 2023, e será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns este venres, 20 de xaneiro. N.E.V.E.R.M.O.R.E. busca rescatar da memoria a catástrofe do Prestige, recordando o sucedido vinte anos despois. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Máis Encontros Literarios dende o Pazo da Peregrina este mércores e o xoves"

A compañía Chévere será a protagonista deste encontro literario

Multimedia

  • Este xoves, 18 de xaneiro, celébrase un novo encontro literario coa presentación da obra “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”