Actualidade

A veciñanza de Bugallido e numerosos visitantes déronse cita en Ames para participar nunha completa fin de semana festiva que serviu para exaltar a identidade da parroquia. Tras superar a incerteza meteorolóxica das primeiras horas, as xornadas transcorreron cunha magnífica acollida de público. A proposta cultural e lúdica consolidou a Carballeira e o San Isidro como dúas propostas ideais para o intercambio interxeracional, facilitando a transmisión de valores patrimoniais e lingüísticos no ámbito rural.

A programación do Ames Cultural rematou a pasada fin de semana do 8 e 9 de maio coa obra ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), que foi representada na Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre do ano 2026 contou con doce espectáculos de teatro, danza e circo. Todos os espectáculos foron representados por compañías galegas. En dita programación participaron un total de 2.221 espectadores. A maior parte dos espectáculos contaron co aforo completo.

Bugallido acollerá os vindeiros 15, 16 e 17 de maio unha intensa programación cultural, musical e festiva arredor da III Carballeira das Letras e da tradicional celebración do San Isidro, cun amplo abano de actividades para todos os públicos. O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran na programación do San Isidro co concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu, que forma parte da programación municipal de Música nas parroquias.

O Concello de Ames acollerá o vindeiro venres, 22 de maio, dende as 10.30 horas, os encontros de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”, unha iniciativa impulsada por Escena Galega e a Deputación da Coruña que busca compartir coñecementos, practicas e ferramentas coas que facer accesible a Rede Cultural. Estas xornadas están dirixidas tanto ao persoal técnico municipal involucrado na xestión das actividades da Rede Cultural como a outros perfís profesionais.

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este venres, 8 de maio, ás 20.00 horas, a inauguración da exposición pictórica “Arquitecturas Internas”, da artista galega Silvia G. Armesto. Unha mostra na que se recollen os últimos traballos da pintora realizados en pastel, óleo e acuarelas. A exposición, que comezou o pasado luns 4 de maio, estará aberta ao público ata o vindeiro venres 15 deste mes. No acto de inauguración participaron o alcalde, Blas García, e concelleiros/as do Goberno municipal.

A programación do Ames Cultural remata esta fin de semana do 8 e 9 de maio coa obra “ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)”, ambos días ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta representación do Grupo Chévere forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. Ao remate da función do venres haberá un coloquio co elenco, dunha duración aproximada de 30 minutos. As entradas están esgotadas, pero no caso de liberárense ocos, estarán dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, presentou esta mañá a terceira edición do ciclo de monólogos, que se celebrarán entre o 21 e o 24 de maio nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Monologuistas como Leti da Taberna, Josito Porto ou Celso Fernández Sanmartín participarán nunhas xornadas nas que haberá interpretación en lingua de signos. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O pasado xoves 23 de abril finalizou unha nova edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten como obxectivo achegar á veciñanza o cinema de actualidade. Este ano proxectáronse “Rondallas”, de Daniel Sánchez Arévalo; “Romería”, de Carla Simón e a aclamada “Sirât”, de Óliver Laxe. A estas tres sesións achegáronse un total de 376 persoas, superando, outro ano máis, as cifras da edición anterior.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este domingo, 26 de abril, a cuarta edición do Concurso de Canto e Percusión Tradicional, un certame organizado pola A.C. Retranqueiros e no que colabora o Concello de Ames, entre outras entidades. Participarán máis de 800 persoas repartidas en 70 grupos de 30 asociacións chegadas de diferentes puntos de dentro e fóra do país. A entrada para o evento é gratuíta e comezará a partir das 10.00 horas e continuará ao longo da tarde. Poderá visualizarse o concurso a través da canle de Youtube do Concello de Ames. A sesión de mañá poderá verse nesta ligazón, mentres que a sesión de tarde poderá visualizarse nesta outra ligazón.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García,xunto a outros/as concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, realizáronlle este pasado mércores pola tarde unha recepción institucional aos actores, actrices e persoal das compañías que foron premiados/as e nominados/as nos XXX Premios de Teatro María Casares. A través de dito recibimento, realizado no salón de plenos da Casa do Concello, púxose en valor o talento e calidade artística amesá no eido cultural. En dito acto púxose de manifesto a necesidade de contar cun novo auditorio acorde ao tamaño e o crecemento que Ames experimentou nos últimos anos.
- ‹ anterior
- 5 de 81
- seguinte ›




