- Tematica
Bugallido acollerá os vindeiros 15, 16 e 17 de maio unha intensa programación cultural, musical e festiva arredor da III Carballeira das Letras e da tradicional celebración do San Isidro, cun amplo abano de actividades para todos os públicos. O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran na programación do San Isidro co concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu, que forma parte da programación municipal de Música nas parroquias.
A programación comezará o venres, 15 de maio, coa apertura da III Carballeira das Letras, unha iniciativa que homenaxea a lingua e a cultura galega. Ás 19.00 horas terá lugar o acto inaugural acompañado dun faladoiro-recital arredor da figura de Begoña Caamaño, no que participarán Ana Romaní, Andrea Nunes e Guadi Galego.
O sábado, 16 de maio, a Carballeira converterase nun espazo de encontro cultural e festivo desde o mediodía. Ás 12.00 horas desenvolverase o espectáculo familiar «As mil e unha. Letras Galegas Begoña Caamaño», a cargo de Vero Rilo e Luis Iglesias. A continuación haberá sesión vermú con Los Jinetes del Trópico e un xantar campestre con espazo gastronómico que incluirá churrasco, filloas e pizzas artesás.
Durante a tarde sucederanse diferentes propostas culturais e musicais, entre elas a foliada das escolas de baile e música tradicional de Bugallido, música e improvisación teatral co Colectivo do Flow e, como peche da xornada, o concerto de Tiruleque, ás 20.00 horas.
Festa de San Isidro
A celebración continuará o domingo, 17 de maio, coa tradicional festa de San Isidro. A xornada arrancará ás 12.30 horas coa misa solemne en honra ao patrón, acompañada pola Coral Polifónica de Bugallido. Posteriormente, celebrarase a sesión vermú e a exhibición das escolas de música e baile tradicional.
O programa inclúe tamén un xantar popular coa tradicional degustación de callos e empanada, ademais dun espazo gastronómico con polbeira e a actuación da charanga Santa Compaña. Ao longo da tarde desenvolveranse actividades destinadas ao público infantil e xuvenil.
Como broche final das festas, ás 19.00 horas celebrarase o concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu. Ademais, durante toda a xornada poderá visitarse a feira de labranza e artesanía instalada no paseo do campo da festa.
O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran na programación do San Isidro co concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu, que forma parte da programación municipal de Música nas parroquias. O concerto está subvencionado nun 40% pola Deputación da Coruña, dentro da Rede Cultural, e un 60% polo Concello de Ames.
Desde a organización convídase a veciñanza e o público en xeral a participar nestas celebracións, que combinan tradición, cultura galega, música e convivencia comunitaria.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Begoña Caamaño protagonista de la III Carballeira das Letras de Bugallido este fin de semana en Ames"







