Pestanas principais

A programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano contou con máis de 2.200 espectadores

Xoves, 14 de maio de 2026

A programación do Ames Cultural rematou a pasada fin de semana do 8 e 9 de maio coa obra ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), que foi representada na Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre do ano 2026 contou con doce espectáculos de teatro, danza e circo. Todos os espectáculos foron representados por compañías galegas. En dita programación participaron un total de 2.221 espectadores. A maior parte dos espectáculos contaron co aforo completo.

A programación do Ames Cultural chegou ao seu fin coa representación da obra de teatro “ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)”, un espectáculo que reivindica a memoria histórica e a creación do relato arredor desta. Esta función, producida polo Grupo Chévere, tivo dous pases en Ames, o venres 8 e o sábado 9 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Deste xeito pechouche a programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre do ano 2026, que contou con doce espectáculos de teatro, danza e circo. Todos os espectáculos foron representados por compañías galegas. Dita programación contou cos espectáculos de comedia, drama, musical, teatro contemporáneo e clásico,  así como danza contemporánea e novo circo. 

Por Ames pasaron as compañías Teatro de Ningures con As Gardiás; Verdeveras Expresións Artísticas con As formas do amor; ButacaZero con Iribarne; Ibuprofeno Teatro con Bio Construción; Galeatro producións escénicas con Berenguela na Gaiola; Serea teatro con Sen Lingua; Os Náufragos con Riazor Ostia; Ártika Cía con O libro da selva: o musical; Colectivo Glovo con Alén; Talía Teatro con Artur Ui, o ovo da serpe; Pistacatro produtora de soños con Variedades Pistacatro; e Grupo Chévere con Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao).

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “o Concello de Ames dispón dunha programación cultural estable e de moita calidade. Unha boa mostra disto é a programación de artes escénica que dispón dun público fiel, que ano tras ano acode aos distintos espectáculos programados. Agora, neste mes de maio temos o ciclo de monólogos de Ames, que é outra actividade que conta cun gran número de espectadores”.

2.221 espectadores no Ames Cultural de 2026
En dita programación participaron un total de 2.221 espectadores. A maior parte dos espectáculos contaron co aforo completo. Dende o departamento de Cultura fan unha valoración moi positiva de dita programación. Ademais, valoran de xeito positivo a boa resposta que houbo unha edición máis por parte do público, que saíu satisfeito despois de ver os distintos espectáculos programados. Unha vez rematado o Ames Cultural de 2026, xa se está traballando na vindeira edición.

O orzamento, enmarcado dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames, para a programación de artes escénicas de 2026 ascendeu a 56.119,15 euros. AGADIC achegou a contía de 30.243,81 euros, mentres que o Concello de Ames puxo 25.875,34 euros. A recadación por venda de entradas ascendeu a 7.114 euros.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "La programación cultural de Ames supera los 2.200 espectadores con apenas butacas vacías"

A programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano contou con máis de 2.200 espectadores

Multimedia

  • A programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano contou con máis de 2.200 espectadores
  • A programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano contou con máis de 2.200 espectadores
  • A programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano contou con máis de 2.200 espectadores
  • A programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano contou con máis de 2.200 espectadores