- Tematica
A programación do Ames Cultural remata esta fin de semana do 8 e 9 de maio coa obra “ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)”, ambos días ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta representación do Grupo Chévere forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. Ao remate da función do venres haberá un coloquio co elenco, dunha duración aproximada de 30 minutos. As entradas están esgotadas, pero no caso de liberárense ocos, estarán dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.
A programación do Ames Cultural chega á súa fin coa obra de teatro “ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)”, un espectáculo que reivindica a memoria histórica e a creación do relato arredor desta. Esta función, producida polo Grupo Chévere, terá dúas representacións, o venres 8 e o sábado 9 de maio, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
ICTUS é o novo proxecto de Chévere en co-produción co Centro Dramático Nacional. Unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre a boa memoria e a boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha representación que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando xa estaba case cego.
Esta obra é unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro dende o acto de recibimento que lle organiza o goberno galego no 2018, ata a súa primeira presentación pública no Centro Ourensán de Bos Aires o 17 de agosto de 1945. Unha viaxe escénica que nos invita a entender como se constrúen (e como se disputan) as narrativas da memoria.
Chévere argalla un dispositivo documental no que se cruzan as voces de numerosas testemuñas para dialogar coa historia persoal dunha muller que sofre alteracións da memoria por un dano cerebral adquirido, causado por un ictus que lle dá durante dito acto de recepción do cadro de Castelao na Cidade da Cultura, no ano 2018.
Esta obra contará con intérpretes de lingua de signos (LSE) en escena para as persoas xordas signantes, e con audiodescrición en directo integrada na narrativa da obra, para persoas con discapacidade visual. Logo da representación, desenvolverase un coloquio de arredor de 30 minutos con todo o elenco de Chévere.
Venda de entradas
As entradas para esta función, de arredor duns 100 minutos, están están actualmente esgotadas. No caso de liberarse, estarán dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames e teñen un prezo de 5€, a xeral, e 2,50€, a reducida. Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Debido á alta demanda de entradas, e que a día de hoxe está o aforo completo, prégase a todas aquelas persoas posuidoras de entrada e que non poidan asistir que se comuniquen co departamento de Cultura en cultura@concellodeames.gal ou no 662 377 444.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, no caso de que non estea completo o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo e as portas abriranse ás 20.10 horas, polo que se prega puntualidade, xa que unha vez comezado o espectáculo non está permitido o acceso á sala.
Ames Cultural
Con esta obra do Grupo Chévere, finaliza a programación do Ames Cultural, desenvolvida polo departamento de Cultura do concello. Durante o primeiro semestre de 2026, Ames gozou dun total de 12 representacións de teatro, teatro infantil, danza contemporánea e novo circo nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. A magnífica acollida que tiveron todas as representacións pon de manifesto o interese da veciñanza amesá polas artes escénicas.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "'ICTUS (anatomía de 'A derradeira leición' de Castelao)' pecha o Ames Cultural"





