Actualidade

Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 224 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume ata a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Preme nesta ligazón para descargar o bando coas normas para realizar cacharelas no San Xoán.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o cambio de titularidade dunha licenza de obra concedida en 2007 para a construción de 91 vivendas unifamiliares no sector S-02, Aspra do Vento, en Ventosa. Dito cambio de titularidade fíxose a favor da entidade Inmogalicia Real Estate SL. Ademais, esta mesma entidade presentou a renuncia parcial á licenza, concretamente respecto da construción das vivendas previstas nas parcelas 1P a 45P, 53P a 60P, 12A1 e 12A2 (50 vivendas). Deste xeito, está previsto que dita entidade inmobiliaria constrúa en Ventosa un total de 41 vivendas.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a posta á venda de cinco parcelas de titularidade municipal, integrantes do patrimonio municipal do solo, destinadas á construción de nova vivenda a través da iniciativa privada. As parcelas, que suman unha superficie total de 2.850 metros cadrados, están situadas no sector urbanizable Rego dos Pasos Sur, en Bertamiráns. Na mesma sesión, aprobouse tamén a concesión dunha licenza de obra para a construción dun novo edificio de 50 vivendas na rúa Rueiro, en Bertamiráns. Esta actuación súmase ás licenzas de obra concedidas nos meses de xuño e xullo de 2025 para a construción doutros tres edificios no mesmo núcleo, que suman un total de 79 vivendas.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 20 de novembro unha nova licenza de obra, para a construción dun edificio no Milladoiro cun total de 78 vivendas e dous sotos para garaxes, que estará situado na rúa da Madalena, na esquina coa rúa de Xaquín Lorenzo. Dita construción suporá a demolición dunha edificación preexistente na rúa da Madalena. Deste xeito, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, aposta de forma decidida por potenciar a vivenda no municipio, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda habitacional e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, achegáronse esta mañá ata O Milladoiro para comprobar o estado das obras de derribo do inmoble situado no número 6 da rúa da Madalena, para constatar o avance dos traballos de demolición do mesmo e retirada de escombro. Ademais, este luns 17 de novembro asinouse o contrato para retomar as obras do centro multifuncional do Milladoiro, que foi adxudicado á empresa Iglesias Mera por un importe de 1.097.687,03 euros. As obras deste proxecto comezarán nas vindeiras semanas, mentres que os traballos da humanización na avenida de Rosalía de Castro encaran o seu tramo final.

A Xunta de Goberno Local aprobou o 19 de xuño e o 3 de xullo tres licenzas de obra para a construción de tres novos edificios en Bertamiráns cun total de 79 vivendas. Un dos edificios albergará 16 vivendas na Travesía da Peregrina; o segundo edificio disporá de 27 vivendas na parcela R-2 APE B7-01 situada na rúa Rueiro; e o terceiro terá 36 vivendas na parcela R-12 APE B7-01, situado tamén na rúa Rueiro. Deste xeito, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, aposta de forma decidida por potenciar a vivenda no municipio, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda habitacional e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames.

O Milladoiro acolleu hoxe o acto de sinatura do protocolo de cesión de seis parcelas, subscrito entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames, para a construción de vivendas de protección oficial en Ames. Deste xeito, póñense a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo un total de seis parcelas situadas no Milladoiro. Cinco parcelas atópanse situadas na área residencial do plan parcial do sector S-16 Galdrachán; e outra no plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur. En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se van construír 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños construiranse 78 vivendas.

O Concello de Ames ten unha aposta decidida pola potenciación da vivenda no municipio, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda habitacional e facilitar e abaratar o acceso á vivenda no municipio.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo e Administración Xeral, vén de presentar a campaña Terrazas de Ames. Trátase da implantación dun cartel obrigatorio para as terrazas dos bares e restaurantes. Este cartel, que deberá estar visible ao público, contén información clara e concisa sobre a capacidade, os metros cadrados ocupados, e o número da licenza municipal correspondente. Con esta iniciativa búscanse tres obxectivos fundamentais: facilitar as tarefas de inspección, garantir a igualdade de condicións entre todos os hostaleiros, e fomentar o civismo e a responsabilidade compartida. Dende o luns 19 de maio vanse a repartir os carteis entre os establecementos hostaleiros con licencia de terraza. Posteriormente, dende o 26 de maio farase unha inspección para revisar que as terrazas estean dentro da normativa municipal e dispoñan de autorización. As terrazas que non cumpran a normativa terán ata o 26 de maio para iniciar o trámite.

O Concello de Ames vén de manter unha reunión en San Caetano coa Dirección Xeral de Industria con motivo de establecer a folla de ruta a seguir para o desenvolvemento do polígono empresarial de Bertamiráns. Nesta xuntanza o Concello comprometeuse a iniciar os trámites para a modificación do Plan Xeral para facer efectiva a nova delimitación do polígono.
- 1 de 4
- seguinte ›




