- Tematica
O Milladoiro acolleu hoxe o acto de sinatura do protocolo de cesión de seis parcelas, subscrito entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames, para a construción de vivendas de protección oficial en Ames. Deste xeito, póñense a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo un total de seis parcelas situadas no Milladoiro. Cinco parcelas atópanse situadas na área residencial do plan parcial do sector S-16 Galdrachán; e outra no plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur. En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se van construír 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños construiranse 78 vivendas.
O Goberno municipal chegou a un acordo coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento deste terreo urbano co obxectivo de crear novas vivendas suxeitas ao réxime de protección pública. Estas seis parcelas atópanse situadas na área residencial dos plans parciais dos sectores S-15, Travesía do Porto Sur, e S-16, en Galdrachán, no Milladoiro. En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se van construír 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños construiranse 78 vivendas.
O acordo materializouse esta mañá no Milladoiro no acto de sinatura do protocolo de cesión de seis parcelas asinado entre a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde do Concello de Ames, Blas García. Estaba previsto que asistise o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pero por un contratempo e última hora non puido asistir. En dito acto tamén participaron o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto; a delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández; concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e dos grupos políticos municipais do Partido Popular, BNG e Espazo Común; e maila arquitecta municipal do Concello de Ames, Marta Bellas.
O acto comezou cunha breve explicación da arquitecta municipal do Concello de Ames, Marta Bellas, sobre a parcela de Agriños (lugar onde hoxe se fixo dito acto), que se pon a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo, xunto coas outras cinco parcelas de Galdrachán, para a construción de vivendas de protección oficial no Milladoiro. De seguido, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, fixo unha explicación sobre sobre dito proxecto no que a Xunta investirá 41 millóns de euros nos proxectos de edificación.
Heriberto García Porto explicou “levamos meses traballando en desenvolver este ámbitos de solo urbanizable. Hai que completar as obras de urbanización polo que o contido do protocolo que hoxe se asina serve para coordinar as obras de urbanización coas obras de edificación. A parcela de Agriños está nun ámbito que está parcialmente urbanizado, falta completar a urbanización que se fará a través dunha xunta de compensación e que está en fase de execución. No ámbito de Galdrachán hai que iniciar as obras de urbanización, trátase dun ámbito pensado para aproximadamente 1.000 vivendas”.
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo engadiu “o que imos asinar hoxe é o compromiso por parte do Concello de Ames de executar as obras de urbanización. No sector S-16 modificouse o sistema de actuación pasando de compensación a cooperación, de xeito que pode ser o Concello o que execute as obras con cargo aos propietarios do solo. No propio protocolo establécese o calendario de actuación, de xeito que as obras de urbanización deberían estar iniciadas no primeiro semestre de 2026 e rematadas no terceiro trimestre de 2027. Dende a Xunta vaise a secuenciar de forma inmediata a licitación da redacción dos proxectos de edificación, de xeito que poidamos ter rematadas todas estas obras no ano 2028”.
Sinatura do protocolo de cesión das seis parcelas
A continuación asinouse o protocolo de cesión das seis parcelas e deuse paso á quenda de intervencións. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo en valor a importancia da colaboración institucional leal e eficaz para dar resposta á demanda crecente de vivenda en concellos cunha poboación nova e en expansión como a de Ames. Subliñou que o acceso a unha vivenda digna, de calidade e prezos asumibles segue a ser unha prioridade para o Goberno galego.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que esta política de vivenda non só busca dar resposta ás necesidades residenciais, senón que tamén pretende garantir a cohesión social, fixar poboación, atraer talento e asegurar igualdade de oportunidades. A vivenda pública, subliñou, aspira a ser un referente de calidade, eficiencia enerxética e integración no entorno urbano. Allegue concluíu a súa visita reafirmando o compromiso do Goberno autonómico coa creación de fogares accesibles e sostibles alí onde máis se precisan, e expresou a súa confianza en que o proxecto asinado hoxe en Ames se materialice pronto en vivendas reais ao servizo da cidadanía.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “hai máis dun ano que comezamos a traballar man a man co IGVS para sacar adiante este protocolo e, dentro de dous meses, fará un ano que nos reunimos e acordamos darlle o impulso definitivo. Este protocolo que asinamos é histórico, porque responde a unha necesidade de primeira orde: a vivenda que, como me gusta remarcar, ao igual que o traballo, é sinónimo dignidade e liberdade. Poder formar un fogar a un prezo xusto é moito máis que un dereito, é a capacidade de comezar un proxecto de vida, no teu concello e preto da túa xente”.
Blas García engadiu “Ames é, hoxe, un concello de referencia en Galicia. Un concello que medra, que ofrece servizos de calidade e que aposta por políticas públicas innovadoras. Somos unha potencia e unha illa demográfica en Galicia. Medramos ano a ano e mantemos unha media de idade de 39 anos. No vindeiro censo superaremos os 33.000 habitantes e manteremos un saldo vexetativo positivo. O noso modelo funciona, é referencia e necesita ser potenciado e exportado a outros concellos galegos. Queremos seguir sendo ese referente durante moitos anos máis. E para iso, necesitamos da Xunta de Galicia. Pero tamén estou convencido de que a Xunta de Galicia necesita máis concellos como Ames: activos, dinámicos e esixentes”.
Características das seis parcelas cedidas
Cinco destas seis parcelas atópanse situadas n o S-16, Gardrachán, entre o instituto do Milladoiro e a estrada de Ventín (fronte ao novo CEIP do Milladoiro): AR3, AR4, AR5, AR6 e AR8. Ditas parcelas teñen unha superficie de 820, 857, 949, 857 e 944 metros cadrados. Suman un total de 4.427 metros cadrados, onde se van a construír 140 vivendas (28 vivendas en cada parcela). Ademais, no S-15, Travesía do Porto Sur, onde hoxe se asinou o protocolo, cedeuse unha parcela de 1.725 metros cadrados, onde se van a construír 78 vivendas. En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 218 vivendas.
A parcela do S-15, Travesía do Porto Sur, linda coa rúa dos Agriños, e ten asignados polo planeamento de 8.596 metros cadrados de edificabilidade residencial suxeitos a réxime de protección, polo que se poden materializar preto de 80 vivendas en cinco plantas altas e planta ático recuada.
As outras cinco parcelas están situadas no S-16 Galdrachán. Cada un dos cinco solares teñen asignado polo planeamento arredor de 3.000 metros cadrados de edificabilidade residencial tamén suxeitas a réxime de protección (un total de 15.349 metros cadrados), para a construción de vivendas en tres plantas altas e planta baixo cuberta.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Xunta y Concello de Ames construirán 218 viviendas públicas en O Milladoiro"
El Correo Gallego: "O Milladoiro contará con 218 novas vivendas protexidas en seis parcelas"