- Tematica
O Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia, vai celebrar o vindeiro martes, 7 de xullo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, o foro “Horizonte fogar digno”. Ás 12.00 horas abrirase o foro coa benvida institucional e unha exposición sobre a situación da vivenda en Ames e acción municipal que se está realizando. Ás 12.30 horas haberá unha mesa redonda sobre como se aborda a problemática da vivenda dende as distintas administracións e a colaboración interinstitucional. Tamén haberá tempo para as preguntas e dúbidas que se formulen dende o público. O peche institucional e clausura será ás 13.35 horas. O foro será transmitido por streaming a través das canles de La Voz de Galicia.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, é consciente da necesidade de potenciar a vivenda no municipio, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda habitacional e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames. Para abordar esta cuestión, organizouse, en colaboración con La Voz de Galicia, o foro “Horizonte fogar digno”, que se vai a celebrar o vindeiro martes 7 de xullo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “os Concellos somos a administración máis próxima á xente e non podemos eludir un dos grandes problemas actuais como é o acceso á vivenda”.
“Dende o Concello estase traballando para a promoción de vivenda, tanto pública como privada. Esta medida busca atraer investimento, dinamizar o solo urbano e fomentar unha oferta diversa e equilibrada de vivenda no termo municipal. Dende o Goberno local sinalan que estas accións forman parte dunha estratexia integral para facilitar o acceso á vivenda e fomentar un urbanismo sostible, cohesionado e adaptado ás necesidades reais da veciñanza”.
Participantes e programación do foro
O foro estará presentado pola xornalista, María Meizoso, e participarán o alcalde de Ames, Blas García; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; o responsable xurídico da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades - EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas; a representante da FEGAMP e concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo, María Xosé Caride; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
A programación comezará ás 12.00 horas co alcalde de Ames, Blas García, que se encargará da benvida institucional. Ademais, fará unha exposición sobre a situación da vivenda en Ames e maila acción municipal que se está realizando dende o Concello de Ames.
Neste senso falará sobre a incorporación en 2024 de 68 vivendas para un alugueiro social, no marco do convenio asinado por FEGAMP e IGVS para o desenvolvemento de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, agora Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025. Para iso o Concello subscribiu un convenio cunha entidade bancaria para a posta a disposición das familias de Ames que o necesiten de ditas vivendas baleiras pertencentes a dita entidade bancaria.
Cómpre lembrar tamén que o Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinaron o pasado 20 de xuño de 2025 un protocolo de colaboración para a creación de 218 vivendas de protección oficial no Milladoiro. En virtude deste acordo, puxéronse a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo seis parcelas situadas neste núcleo. En total, cédense 6.152 metros cadrados de solo urbanizable, nos que se prevé a construción de 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se edificarán 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños se construirán as 78 vivendas restantes.
Por último, o Concello nos últimos meses aprobou a concesión de varias licenzas de obra para a construción de vivenda por parte de promotoras privada en Bertamiráns e no Milladoiro. O Concello tamén puxo á venda, mediante sistema de poxa, cinco parcelas municipais para a promoción de nova vivenda a través de iniciativa privada.
A problemática da vivenda dende a perspectiva de distintas administracións
A continuación, ás 12.30 horas, haberá unha mesa redonda na que se abordará a problemática da vivenda dende a perspectiva de distintas administracións, e tamén se falará sobre a colaboración interinstitucional. En dita mesa de debate participarán o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; o responsable xurídico da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades - EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas; e a representante da FEGAMP e concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo, María Xosé Caride.
Nesta mesa vaise abordar dende unha perspectiva interinstitucional que está facendo cada administración para a promoción de nova vivenda. Tamén haberá tempo para as preguntas e dúbidas que se formulen dende o público.
Peche institucional
O peche institucional será ás 13.30 horas a cargo do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. O foro rematará cunha foto final de todas as persoas participantes e cun ágape.






