- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 20 de novembro unha nova licenza de obra, para a construción dun edificio no Milladoiro cun total de 78 vivendas e dous sotos para garaxes, que estará situado na rúa da Madalena, na esquina coa rúa de Xaquín Lorenzo. Dita construción suporá a demolición dunha edificación preexistente na rúa da Madalena. Deste xeito, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, aposta de forma decidida por potenciar a vivenda no municipio, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda habitacional e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames.
Dende o departamento de Urbanismo do Concello de Ames estase traballando para a construción de nova vivenda por parte de promotores privados. Esta medida busca atraer investimento, dinamizar o solo urbano e fomentar unha oferta diversa e equilibrada de vivenda no termo municipal. Dende o Goberno local sinalan que estas accións forman parte dunha estratexia integral para facilitar o acceso á vivenda e fomentar un urbanismo sostible, cohesionado e adaptado ás necesidades reais da veciñanza.
O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explica que “avanzamos na concesión de novas licenzas de obra para a construción de nova vivenda, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda da veciñanza e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames. Estamos traballando en conxunto coa Xunta de Galicia, Sareb, Goberno de España e promotores privados para aumentar o parque de vivenda no noso concello e abaratar o prezo da mesma”.
Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 20 de novembro a concesión dunha nova licenza de obra maior para a demolición dunha edificación preexistente e para a construción dun novo edificio de 78 vivendas, locais comerciais, planta baixa e dous sotos para garaxes, que estará situado na rúa da Madalena, na esquina coa rúa de Xaquín Lorenzo, no Milladoiro. A superficie que haberá que demoler ascende a 291,58 metros cadrados, mentres que a superficie se vai construír será de 14.463,71 metros cadrados.
Construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
Ademais, cómpre lembrar que o Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinaron o pasado 20 de xuño un protocolo para a creación de 218 vivendas de protección oficial no Milladoiro. Deste xeito, póñense a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo un total de seis parcelas situadas no Milladoiro.
En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e no que se poden construír 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se van construír 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños construiranse 78 vivendas.
Nova vivenda en Bertamiráns
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o 19 de xuño e o 3 de xullo tres licenzas de obra para a construción de tres novos edificios en Bertamiráns cun total de 79 vivendas. Un dos edificios albergará 16 vivendas na Travesía da Peregrina; o segundo edificio disporá de 27 vivendas na parcela R-2 APE B7-01 situada na rúa Rueiro; e o terceiro terá 36 vivendas na parcela R-12 APE B7-01, situado tamén na rúa Rueiro. As obras para a construción destes edificios xa comezaron.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Más viviendas en Milladoiro: aprobada la licencia para 78 pisos en la Rúa da Madalena"
La Voz de Galicia: "Ames da luz verde a la licencia de obra para construir 78 pisos en O Milladoiro"






