Pestanas principais

O Concello pon á venda mediante sistema de poxa cinco parcelas municipais para a promoción de vivenda

Xoves, 29 de xaneiro de 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a posta á venda de cinco parcelas de titularidade municipal, integrantes do patrimonio municipal do solo, destinadas á construción de nova vivenda a través da iniciativa privada. As parcelas, que suman unha superficie total de 2.850 metros cadrados, están situadas no sector urbanizable Rego dos Pasos Sur, en Bertamiráns. Na mesma sesión, aprobouse tamén a concesión dunha licenza de obra para a construción dun novo edificio de 50 vivendas na rúa Rueiro, en Bertamiráns. Esta actuación súmase ás licenzas de obra concedidas nos meses de xuño e xullo de 2025 para a construción doutros tres edificios no mesmo núcleo, que suman un total de 79 vivendas.

O alcalde de Ames, Blas García, sinala que dende o Concello se está a aplicar “unha estratexia integral para aumentar o parque de vivenda do municipio, que inclúe a construción de nova vivenda por parte de promotores privados, a creación de vivenda pública en colaboración con outras administracións e a posta a disposición de vivenda social para os colectivos máis necesitados”. A posta á venda destas cinco parcelas pretende atraer investimento, dinamizar o solo urbano e fomentar unha oferta diversa e equilibrada de vivenda no termo municipal.

Pola súa banda, o concelleiro Víctor Fernández explica que “acabamos de aprobar a posta á venda, mediante o sistema de poxa, do alleamento de cinco parcelas por lotes pertencentes ao patrimonio municipal do solo do Concello de Ames para a edificación de vivendas. Ademais, concedemos unha nova licenza de obra para a construción dun edificio de 50 vivendas na rúa Rueiro, en Bertamiráns, que se suma ás tres licenzas concedidas en 2025 para a construción doutros 79 fogares no mesmo ámbito”.

Posta á venda de cinco parcelas municipais
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación para o alleamento, mediante sistema de poxa e por lotes, de cinco parcelas pertencentes ao patrimonio municipal do solo do Concello de Ames, destinadas á edificación de vivendas plurifamiliares, así como a convocatoria do correspondente procedemento de licitación.

As parcelas, cunha superficie total de 2.850,08 metros cadrados, localízanse no sector urbanizable Rego dos Pasos Sur, en Bertamiráns. A primeira delas conta cunha superficie de 583 metros cadrados e está situada no ámbito APE PB7-05 Rego dos Pasos Sur-III. As tres parcelas seguintes, con superficies de 496,62, 390,21 e 764,85 metros cadrados, respectivamente, sitúanse no APE PB7-06 Rego dos Pasos Sur-IV. A quinta e última parcela, cunha superficie de 615,40 metros cadrados, localízase no APE PB7-04 Rego dos Pasos Sur-II.

Así mesmo, aprobouse a concesión dunha licenza de obra para a construción dun novo edificio de 50 vivendas, con garaxes, trasteiros e un local sen uso específico, na rúa Rueiro, en Bertamiráns. A parcela está situada no sector R-3 APE B7-01 e a superficie construída total ascende a 7.489 metros cadrados, dos cales a edificabilidade computable alcanza os 6.225,48 metros cadrados.

Licenzas aprobadas en 2025
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou, o 19 de xuño e o 3 de xullo de 2025, tres licenzas de obra para a construción de tres novos edificios en Bertamiráns, cun total de 79 vivendas. Un dos edificios albergará 16 vivendas na Travesía da Peregrina; o segundo contará con 27 vivendas na parcela R-2 APE B7-01, situada na rúa Rueiro; e o terceiro disporá de 36 vivendas na parcela R-12 APE B7-01, tamén na rúa Rueiro. As obras para a construción destes edificios xa se atopan en execución.

Construción de vivenda no Milladoiro
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 20 de novembro de 2025 a concesión dunha nova licenza de obra maior para a demolición dunha edificación preexistente e a construción dun novo edificio de 78 vivendas, con locais comerciais, planta baixa e dous sotos destinados a garaxes. O inmoble estará situado na rúa da Madalena, na esquina coa rúa de Xaquín Lorenzo, no Milladoiro. A superficie da edificación que se vai demoler é de 291,58 metros cadrados, mentres que a nova construción contará cunha superficie total de 14.463,71 metros cadrados.

Cómpre lembrar tamén que o Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinaron o pasado 20 de xuño de 2025 un protocolo de colaboración para a creación de 218 vivendas de protección oficial no Milladoiro. En virtude deste acordo, puxéronse a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo seis parcelas situadas neste núcleo.

En total, cédense 6.152 metros cadrados de solo urbanizable, nos que se prevé a construción de 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se edificarán 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños se construirán as 78 vivendas restantes.

Vivendas baleiras para alugueiro social
Por último, hai que destacar en 2024 o Concello de Ames, no marco do convenio asinado por FEGAMP e IGVS para o desenvolvemento de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, alugueiro  e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, agora Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, subscribiu un convenio cunha entidade bancaria para a posta a disposición das familias de Ames que o necesiten de 68 vivendas baleiras pertencentes a dita entidade bancaria.

Deste xeito, o Concello de Ames incorporou esas 68 vivendas para un alugueiro social comprendido entre 207 e 285 euros ao mes, cunha duración do contrato dun ano con prórroga obrigatoria ata un máximo de 7 anos.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames quiere más viviendas: subastará cinco parcelas edificables en Bertamiráns"

La Voz de Galicia: "Ames pone a la venta cinco parcelas en Bertamiráns para construir vivienda privada"

Obras en Bertamiráns para a construción de nova vivenda

Multimedia

  • Parcela onde se van a construír 50 novas vivendas na rúa Rueiro
  • Obras en Bertamiráns para a construción de nova vivenda