Actualidade

Ex., 12-06-2025
Ex., 12-06-2025
Luns, 12 de maio de 2025
Preséntase a III Cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames

O Concello de Ames colabora na organización da terceira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que este ano terá lugar o vindeiro 27 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A finalidade desta cea é recadar fondos para contribuír, por unha parte, á investigación sanitaria e ao incremento e mellora da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos. Podes acceder nesta ligazón ao formulario para mercar as entradas e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao 641 11 60 05. As entradas poderán recollerse a partir da semana que vén nos puntos de venta autorizados.

Luns, 12 de maio de 2025
Ames sementa cantares para celebrar as Letras Galegas 2025

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria puxeron en marcha a actividade Sementando Cantares. Con ela preténdese contribuír a festexar as Letras Galegas 2025, no ano no que se lle dedican á poesía popular oral, con especial protagonismo para as pandereiteiras e cantareiras que coidaron e transmitiron a nosa tradición musical. Nos centros estiveron facendo por aulas unha escolma de cantares e plasmándoos nunhas fichas que lles facilitaron desde o SNL. Esta semana estanse colocando as fichas en diversos lugares do concello. Quen as encontre pode movelas e colocalas noutros lugares para continuar a sementeira. Ademais, as escolas unitarias incluíron un código QR que permite escoitar un audio dos nenos e nenas cantando.

Luns, 12 de maio de 2025
A contorna da Travesía do Porto, no Milladoiro, acolleu a IV Carreira de orientación do Concello de Ames

A Concellaría de Deportes, en colaboración con Xesta Natureza, organizou este domingo, 11 de maio, a cuarta edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolveu na contorna da Travesía do Porto, no Milladoiro, a partir das 11:00 horas. O evento, no que se inscribiron 240 participantes, contou con tres categorías de menor a maior dificultade (Xestiñas, Xestas e Xesteiras), nas que puideron participar deportistas de todos os niveis e idades. Premendo nesta ligazón pódese consultar as clasificacións da carreira.

Domingo, 11 de maio de 2025
Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”

O Concello de Ames está dando os primeiros pasos no proxecto “Ames Dixital Water”, dotado cunha axuda de 1.131.309,77 euros a través do plan PERTE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para a dixitalización do ciclo urbano da auga. A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, serán sufragados con fondos municipais.

Sábado, 10 de maio de 2025
As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro poden solicitar axudas ata o 9 de xuño

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o vindeiro 9 de xuño está aberta a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2024, a contía total volve a acadar os 60.000 euros. A tramitación para solicitar estas axudas debe facerse a través da Sede electrónica do Concello de Ames. O prazo de solicitude é un mes a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP da Coruña e, como neste caso, remataría nun día inhábil (domingo), o prazo prorrógase finalmente ata o luns 9 de xuño. Podes acceder ás bases da convocatoria na seguinte ligazón

Sábado, 10 de maio de 2025
María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei forman o xurado do XXII Certame Literario de Ames

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima segunda edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 158 traballos, un número similar respecto das edicións anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.

Venres, 09 de maio de 2025
Guillermo Carracedo e Blanca Millán premiados como os deportistas máis destacados de Ames na XVII Gala do Deporte

Este venres, 9 de maio, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a décimo sétima Gala do Deporte, un evento que reuniu a numerosos deportistas e clubs do concello. Guillermo Carracedo Robelo e Blanca Millán Modía foron galardoados como deportistas máis destacados na categoría masculina e feminina, respectivamente, nun acto que contou con diversos espectáculos e no que se tamén se lle realizou un recoñecemento especial a Jorge Pérez Fernández, do Club ciclista Os Esfola Arrós, e se premiou ao Real Aero Club de Santiago como entidade colaboradora. A atleta, Emma Méndez Martínez, exerceu como madriña da XVII Gala do Deporte.

Venres, 09 de maio de 2025
Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa comeza o luns 19 de maio e está composto por un total de sete sesións, que se desenvolverán os luns, de 17.00 a 18.30 horas, no Pazo da Peregrina. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón.  O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 14 de maio e as prazas adxudicaranse por sorteo no caso de haber un número de inscricións superior ás prazas ofertadas. Para máis información sobre o curso pódese chamar ao 641 993 858. Podes obter máis información na seguinte ligazón

Venres, 09 de maio de 2025
Imaxe de arquivo da carreira de orientación

A IV Carreira de orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio. A proba, desta volta, realizarase na localidade do Milladoiro, a partir das 11.00 horas. 240 persoas inscribíronse nesta actividade, que organiza a Concellaría de Deportes en colaboración con Xesta Natureza. 135 persoas inscribíronse na categoría xestiñas, 65 persoas participarán na categoría xestas, e 40 na categoría xesteiras.

Xoves, 08 de maio de 2025
O Concello de Ames presenta a segunda edición do seu ciclo de monólogos, que se celebrará a finais deste mes de maio

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do ciclo de monólogos do Concello de Ames, que se celebrará entre os vindeiros días do 22 ao 25 de maio. Este ano contarase coa participación de figuras recoñecidas como Marta Doviro, Evaristo Calvo, Federico Pérez ou Soledad Felloza que, ademais, estarán acompañadas de artistas emerxentes como José Blanco, Kari Carbone, Cata Ukelele e Matías Cubilla. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.