- Tematica
Este venres, 9 de maio, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a décimo sétima Gala do Deporte, un evento que reuniu a numerosos deportistas e clubs do concello. Guillermo Carracedo Robelo e Blanca Millán Modía foron galardoados como deportistas máis destacados na categoría masculina e feminina, respectivamente, nun acto que contou con diversos espectáculos e no que se tamén se lle realizou un recoñecemento especial a Jorge Pérez Fernández, do Club ciclista Os Esfola Arrós, e se premiou ao Real Aero Club de Santiago como entidade colaboradora. A atleta, Emma Méndez Martínez, exerceu como madriña da XVII Gala do Deporte.
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns tivo unha gran afluencia de público na celebración da última edición da Gala do Deporte de Ames, que foi presentada por Lorena Pose e Diego Viaño. A atleta, Emma Méndez Martínez, subcampioa galega de cross e de España de Trail Running, así como medalla de bronce no Campionato de España de Campo a través, exerceu como madriña do evento. Así mesmo, tamén participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, concelleiros e concelleiras do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “dende o Concello de Ames non só estamos recoñecendo o talento. Hoxe recoñecemos o esforzo, o sacrificio e a constancia dos deportistas de Ames. Esta gala serve para premiar todo o traballo que fan e non se ve”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “hoxe reafirmamos o noso compromiso co deporte dende a base á elite. Investir en deporte non é só investir en facer campións e campioas. É investir en valores, disciplina e espírito de superación”.
Os premios entregados foron os seguintes: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames; promesas masculina e feminina máis destacadas; deportistas masculino e feminina máis destacados; club máis destacado de Ames; recoñecemento especial; entidade colaboradora; e premio especial do público.
Deportista ou equipo máis destacados dun club de Ames
Na categoría a mellor deportista/equipo dun club de Ames optaban ao premio: Ángela Nogueira Castro, segunda capitá do F.C. Meigas; José Fernando Sáinz García, atleta máster +75 do Club Atletismo Sar; e Raúl Rodríguez Paulino, karateka da Escola de karate Dokkodo.
O galardón foi para José Fernando Sáinz García, atleta do Club Atletismo Sar que ten 76 anos. No ano 2024 bateu ata en 2 ocasións o récord de España de 5 km en ruta, sendo esta última na Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Nese mesmo ano bateu ata en 3 ocasións o récord galego desta distancia (5 km) en M75. Tamén bateu o récord galego M75 de 10 km, así coma o de 400 metros lisos de pista ao aire libre. Foi campión galego de 5 km en ruta en Carballo e de 3000 metros lisos no Short Track en Expourense, todo isto en máster +75.
Ángela Nogueira Castro, finalista nesta categoría, é a segunda capitá do club de fútbol sala amesán F.C. Meigas, ademais da máxima goleadora do equipo con 17 goles. Actualmente o F.C. Meigas está na novena posición da 2º División Nacional de Fútbol Sala, conseguindo así a clasificación matemática para a Copa Galicia e a Copa da Raíña 2025. No pasado 2024, o club xa disputou estas dúas copas, sendo tamén a primeira vez que un equipo de Ames participaba nestas competicións e acadando os cuartos de final na Copa Galicia.
Nesta categoría tamén foi finalista Raúl Rodríguez Paulino, deportista da Escola de Karate Dokkodo que se proclamou campión galego cadete por cuarto ano consecutivo, o que lle deu o pase para ser convocado para representar a Galicia no Campionato de España. No 2024 consolidouse como un dos karatekas máis destacados na súa categoría a nivel galego, mais tamén competiu en torneos nacionais e internacionais de alto nivel como a Liga Nacional ou a Youth League.
Promesas masculinas e femininas máis destacadas de Ames
Na categoría de promesa masculina máis destacada de Ames os finalistas foron Tiago Vilas Macias, Nicolás Collazo Santamaría e Diego Cacheiro Blanco; mentres que na feminina as finalistas foron Olivia Parga García, Male Pellegrino Vignolo e Mara Prieto Mariño.
Na categoría masculina o premio foi para Nicolás Collazo, atleta marchador de 16 anos do club Ames Atletismo e que no 2024 acadou resultados destacados a nivel nacional e galego, como o bronce no Campionato de España sub18 nos 10km marcha en ruta, o campionato galego nos 10km marcha en ruta e nos 5km marcha en pista ou un sexto posto no Campionato de España sub18 nos 5km marcha en pista.
Tiago Vilas, finalista nesta categoría, é xogador de squash e ten 11 anos. Proclamouse campión galego e de España sub11 no 2024. Ademais, gañou a Copa de España sub11 e conseguiu uns resultados moi destacados en categoría sub13, como por exemplo o subcampionato portugués e o galego, un cuarto posto no Campionato de España e un terceiro posto na Copa de España.
Por último, Diego Cacheiro, de 16 anos, é un xadrecista que no pasado ano acadou o campionato galego sub18 e tamén o campionato de España sub18 de xadrez rápido. Así mesmo, conseguiu un sexto posto no Campionato de España de Xadrez sub18 e un sétimo posto no Campionato Galego Absoluto.
En canto ás promesas femininas, a galardoada foi Olivia Parga, karateka de 14 anos que o ano pasado gañou a Liga Nacional de Karate, ademais de proclamarse campioa no Grand Winner de España, unha competición onte participaron as oito mellores karatekas de España na súa categoría (xuvenil <37kg). Por outra banda, Parga tamén acadou a medalla de ouro no Campionato Galego Infantil e o bronce no Campionato Infantil de Karate a nivel nacional.
Outra das finalistas nesta categoría foi Male Pellegrino, de 18 anos, xogadora e segunda adestradora no F.C. Meigas e que está a disputar a súa segunda tempada no club amesán. É a capitá máis nova dun equipo da 2º División Nacional de Fútbol Sala e nesta temporada tivo un papel moi destacado no seu club tras recuperarse de tres operacións no ligamento cruzado. Así mesmo, a amesá foi convocada pola Selección Galega no Campionato de España de fútbol sala sub19, acadando as semifinais da competición.
Por último, tamén foi finalista Mara Prieto, xogadora de squash que, con 12 anos, conseguiu resultados destacados neste deporte en diversas categorías a nivel galego, nacional e internacional: segunda clasificada no Campionato Galego sub15 e terceira en sub17, terceiro posto no Campionato de España en categoría sub13 e sexta en sub15 ou un terceiro posto no Portuguese Junior Open de Porto (proba do circuíto júnior europeo).
Deportistas máis destacados na categoría masculina e feminina
Na categoría masculina de deportistas máis destacados os finalistas foron Pablo Fernández Montenegro, Guillermo Carracedo Robelo e Hugo Novoa Ramos. En canto á categoría feminina, as finalistas foron Verónica Fernández Pérez e Blanca Millán Modía.
Na categoría masculina o premio foi para Guillermo Carracedo, deportista de padle surf e que o ano pasado, ademais de proclamarse campión de España e Galicia neste deporte, conseguiu ser o quinto clasificado no Campionato do mundo individual ISA e subcampión do mundo coa Selección Española no mundial ISA.
Por outra banda, Pablo Fernández, finalista nesta categoría, é xogador de baloncesto e milita actualmente no Palencia Baloncesto, equipo da LEB Ouro. A temporada 2023-24 xogou no Club Basquet Coruña, equipo tamén da LEB Ouro e que acadou o ascenso á Liga ACB, máxima categoría do baloncesto español.
Por último, Hugo Novoa é un futbolista de 22 anos que na actualidade xoga no Deportivo Alavés, equipo da Primeira División de España. Ata o momento disputou 5 partidos de liga co seu equipo. Na temporada pasada, formou parte do filial do Villarreal C.F.
En canto ás deportistas femininas máis destacadas, o galardón foi para Blanca Millán, xogadora de baloncesto, actualmente no Baxi Ferrol da Liga Feminina de baloncesto (LF ENDESA), máxima categoría do baloncesto feminino español. A xogadora amesá está a ter un papel destacado nesta temporada dentro do conxunto ferrolán que, ademais, este ano logrou alcanzar a final da Copa Europea Feminina da FIBA.
A segunda finalista, Verónica Fernández, é boxeadora de Elite Amateur nas categorías de 75 a 81 kg. O ano pasado proclamouse campioa de España Elite Feminina e acadou o subcampionato no Campionato Galego deste deporte. Ademais, tamén gañou o Open Vila de Marín.
Club máis destacado e recoñecementos especiais
Na categoría de club máis destacado de Ames os finalistas foron o Club Patinaxe Sarela, o F.C. Meigas e a Escola de Karate Dokkodo. Neste caso o premio foi para o F.C. Meigas. Recolleu o galardón a súa presidenta, Paola Vignolo.
Ademais dos premios mencionados con anterioridade, na gala tamén houbo un recoñecemento especial a Jorge Pérez Fernández, ciclista de Os Esfola Arrós e colaborador habitual na organización de varios eventos deportivos do Concello de Ames coma a carreira ciclista Transgalaica ou a Carreira Pedestre Popular.
Así mesmo, tamén se recoñeceu o labor do Real Aero Club de Santiago, entidade colaboradora co Concello desde hai case 10 anos na organización de probas coma o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre ou no Día do Deporte, así como no uso das súas instalacións para eventos deportivos municipais. Recolleu o galardón o presidente do Real Aero Club de Santiago, Celso Barrios.
Premio especial do público
Por outro lado, desvelouse tamén o gañador do premio especial do público, que tamén puido elixir ao seu deportista favorito a través dunha enquisa publicada na páxina web do Concello de Ames. Optaron ao galardón Tariku Novales, Nuria Rábano, Guillermo Carracedo, Blanca Millán, Pablo Fernández e Hugo Novoa. Na enquisa houbo un total de 340 votos, e Blanca Millán resultou a gañadora, cun total de 184 votos.