- Tematica
O Concello de Ames colabora na organización da terceira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que este ano terá lugar o vindeiro 27 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A finalidade desta cea é recadar fondos para contribuír, por unha parte, á investigación sanitaria e ao incremento e mellora da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos. Podes acceder nesta ligazón ao formulario para mercar as entradas e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao 641 11 60 05. As entradas poderán recollerse a partir da semana que vén nos puntos de venta autorizados.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu na mañá de hoxe a presentación dunha nova edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames. Esta iniciativa, que naceu por primeira vez no 2023 e está organizada pola Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos, ten como obxectivo principal recadar fondos para axudar ás familias con pacientes pediátricos no CHUS e, ademais, apoiar e contribuír á investigación no eido sanitario.
De novo, baixo o lema “Axúdanos a debuxar o seu sorriso”, a cea celebrarase o venres, 27 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O prezo do menú será de 30 euros para os adultos, mentres que para os rapaces e rapazas de 6 a 12 anos terá un prezo de 15 euros. De ditos importes, 5 euros son de donativo Para os nenos e nenas de ata 6 anos a entrada será gratuíta.
Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario que hai que cubrir para mercar as entradas da cea e á información da Fila Cero por se queres realizar unha doazón. Para obter máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 641 11 60 05. As entradas poderán recollerse nos puntos de venda autorizados a partir da semana que vén.
As entradas para o evento tamén poden se poderán adquirir en tres establecementos comerciais e hostaleiros de Bertamiráns (Secretos de Tocador, Papelería Chavián e Don Budi) e noutros tres do Milladoiro (cafetería Casa da Cultura, Nenos Nais e Nonna & Go).
Á presentación deste evento solidario asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría, Federico Martinón Torres, e o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “ademais de pasalo ben, a parte máis importante desta iniciativa é a recadación de fondos para que Obra Social Pediatría poida ter máis medios para axudar ás familias que o necesiten. Sobre todo para as familias con nenos e nenas pequenos, é toda unha sorte contar cun colectivo de persoas que che poida axudar nun momento de necesidade. Animo a toda á veciñanza de Ames e concellos limítrofes a participar e colaborar coas persoas que, nun momento dado, poden acabar botándonos unha man a nós”.
O xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón Torres, salientou que “tras superar a barreira das dúas primeiras edicións, xa diría que podemos chamala a tradicional cea da Obra Social Pediatría e o Concello de Ames. É unha oportunidade de xuntanza entre amigos pero tamén para poder contribuír cunha boa causa como é axudar ás familias que teñan algún menor no hospital.”
Na mesma liña, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, subliñou que “para nós é unha verdadeira satisfacción poder facer esta cea que cada ano suma máis participantes que queren colaborar coa Obra Social de Pediatría. Desde a Concellaría de Benestar Social ofrecemos todo o que está na nosa man para axudar a eses rapaces que están pasando ou pasaron por unhas circunstancias complicadas”.
Dende o seu lado, o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido, explicou que “temos uns puntos de venda de membros de XEA como son Secretos de Tocador, Papelería Chavián e Don Budi, en Bertamiráns, e no Milladoiro, Nonna & Go, a cafetería da Casa da Cultura e Nenos Nais. De novo, estamos encantados de colaborar neste evento que xa é todo un acto indispensable dentro da programación do Concello de Ames”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o 27 de xuño unha cea solidaria a beneficio da área de Pediatría do CHUS"
AMSGO!: "O Pazo da Peregrina acollerá a III Cea Solidaria en favor dos pacientes pediátricos do CHUS"
Diario de Santiago: "Preséntase a III Cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames"