Pestanas principais

Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental do Concello de Ames

Venres, 09 de maio de 2025

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa comeza o luns 19 de maio e está composto por un total de sete sesións, que se desenvolverán os luns, de 17.00 a 18.30 horas, no Pazo da Peregrina. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón.  O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 14 de maio e as prazas adxudicaranse por sorteo no caso de haber un número de inscricións superior ás prazas ofertadas. Para máis información sobre o curso pódese chamar ao 641 993 858. Podes obter máis información na seguinte ligazón

O departamento de Promoción da Saúde organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, dirixido para as persoas que teñan dificultades para conciliar o sono ou que desexen mellorar a calidade do seu descanso. Un dos piares fundamentais para gozar dunha boa saúde, tanto física como mental, é ter un bo descanso e durmir ben polas noites. Con este curso, búscase coñecer a fondo as fases do descanso, as técnicas e mecanismos para axudar á relaxar o corpo ou afondar nos diversos factores psicolóxicos que poidan afectar ao descanso.

Neste programa grupal, composto por 7 sesións de hora e media, ofreceranse diferentes ferramentas prácticas e de apoio mutuo para que os participantes melloren a calidade do seu sono.

Os contidos destas xornadas serán amplos, dende aspectos máis prácticos como dinámicas grupais, técnicas de relaxación e respiración ou exercicios de estiramento, ata coñecementos máis teóricos coma coñecer as fases e o funcionamento do sono, sobre a melatonina e outros factores implicados no descanso ou tamén afondar e identificar as posibles causas psicolóxicas que afectan ao sono.

O curso comezará o vindeiro luns, 19 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O horario das sesións será de 17:00 a 18:30 horas. Hai 20 prazas dispoñibles e terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Ames. Así mesmo, no caso de recibir un número de inscricións superior ás prazas ofertadas, estas adxudicaranse por sorteo. Podes realizar a túa inscrición a través da seguinte ligazón. Para máis información sobre o curso pódese chamar ao 641 993 858.

I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental
Este programa enmárcase dentro do I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental do Concello de Ames, posto en marcha a finais de 2024, unha iniciativa pioneira que ten como obxectivo previr, promover e atender a saúde mental e o benestar emocional da veciñanza amesá. Deste xeito, preténdese atender ás necesidades reais da poboación e mellorar así o seu benestar mental e calidade de vida.

Dentro do plan de saúde mental do concello, ponse un énfase especial na poboación infantil, adolescentes e persoas maiores, que adoitan ser as franxas de idade máis vulnerables a padecer problemas no eido psicolóxico.

Ademais, coa posta en marcha deste plan, creouse un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación para responder ás posibles problemáticas coas que se poidan atopar os veciños e veciñas de Ames. Este espazo, chamado Servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais), está localizado en Bertamiráns, e traballa os luns en horario de 19:00 a 21:00 horas, ofrecendo atención presencial da man dun profesional.

Na mesma liña que o programa de mellora da calidade do sono, ao longo destes meses, impulsáronse outra serie de programas e iniciativas para mellorar o benestar emocional e psicolóxico da veciñanza; o programa grupal de benestar emocional para persoas maiores, o programa de cesación tabáquica en grupo ou obradoiros relacionados coa saúde mental impartidos nos institutos de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Organizan un programa grupal para a mellora do sono en Ames"

Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental do Concello de Ames
Descargas: 

Multimedia

  • Participa no programa para a mellora da calidade do sono, incluído no I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental do Concello de Ames