Pestanas principais

Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”

Domingo, 11 de maio de 2025

O Concello de Ames está dando os primeiros pasos no proxecto “Ames Dixital Water”, dotado cunha axuda de 1.131.309,77 euros a través do plan PERTE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para a dixitalización do ciclo urbano da auga. A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, serán sufragados con fondos municipais.

O Concello de Ames iniciou a transformación integral do seu sistema de abastecemento e saneamento mediante a adxudicación dos primeiros contratos por valor de máis de 220.000 euros (IVE incluído), enmarcados no proxecto estratéxico “Ames Dixital Water”, cuxa investimento global ascenderá a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, serán sufragados con fondos municipais.

A iniciativa está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do PERTE para a dixitalización do ciclo urbano da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España e con fondos Next Generation EU.

Entre os contratos xa adxudicados destaca a elaboración do plan municipal de emerxencia e xestión do risco de seca; o plan integral de abastecemento, o plan integral de saneamento; o plan de sectorización e automatización da rede de abastecemento; o estudo e plan para o fomento do uso de auga rexenerada; traballos de consultoría para o proxecto Ames Dixital Water; e as auditorías enerxéticas nas estacións de tratamento co fin de reducir o consumo eléctrico e as emisións de CO₂ asociadas.

Ademais, o Concello dotouse cun xeófono para mellorar a detección de fugas e reducir as perdas reais de auga; e coa adquisición de drons de asistencia técnica para inspeccións e supervisión no ciclo integral da auga. Tamén se realizou o desenvolvemento dun sistema de etiquetas QR/NFC para identificar elementos in situ e facilitar as operacións de mantemento; un estudo para o sistema IOT para xestión de sensórica, telexestión e telelectura do sistema do ciclo integral da auga; e unha WebApp corporativa para a xestión de operacións, mantemento e conservación de infraestruturas do ciclo integral da auga. En todas estas actuacións investíronse 221.407 euros.

O proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.

Obxectivos do proxecto “Ames Dixital Water”
O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.

En canto aos obxectivos específicos, destacan a dixitalización de infraestruturas hidráulicas (implantación de tecnoloxías avanzadas para controlar e xestionar a infraestrutura hidráulica do municipio, mellorando a detección e resposta ante posibles incidencias), a participación cidadá (desenvolvemento de plataformas dixitais para implicar á comunidade na toma de decisións sobre o uso responsable da auga, promovendo a concienciación ambiental e a corresponsabilidade), a optimización do uso da auga (implantación de sistemas intelixentes para a xestión eficiente do abastecemento de auga, incorporando tecnoloxías que permitan axustar o abastecemento ás necesidades reais e promovendo o aforro), a formación e sensibilización (con programas de formación para persoal municipal e cidadáns, centrados no uso responsable da auga e no uso correcto das novas ferramentas dixitais), e a gobernanza colaborativa (establecemento de mecanismos de coordinación entre o Concello de Ames e as entidades supramunicipais para compartir coñecementos, recursos e boas prácticas na xestión da auga).

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “o obxectivo do proxecto Ames Digital Water é mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga mediante a implementación de tecnoloxías dixitais e sistemas de información que permitan unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización”. Ademais, engade “o alcance do proxecto abarca todas as fases do ciclo da auga, desde a captación ata a reutilización, incluíndo a dixitalización de procesos crave, como a xestión da auga potable, o tratamento de augas residuais, a xestión de recursos hídricos, etc”.

Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca que “os traballos abarcan a totalidade do ciclo integral da auga e as súas instalacións auxiliares, coa intención de crear un sistema realmente integral que abarque todos os aspectos relacionados coa auga, desde a captación, abastecemento en alta, distribución, saneamento e depuración, mesmo no referente á comunicación co cidadán e outras administracións, de tal forma que o servizo da EPEL, pero tamén a cidadanía do Concello de Ames, conte con toda a información relativa ao sistema e necesaria para unha correcta xestión e transparencia”.

Actuacións previstas
“Ames Digital Water” recolle un gran número de actuacións clasificadas en tres grandes grupos: Planificación, mellora de eficiencia e dixitalización, e xestión da información.

As relativas á planificación comprenden dende plans variados como poden ser de emerxencia ante a seca, de xestión dos sistemas de saneamento, uso da auga rexenerada e plans de protección civil fronte a inundacións. Por outra banda tamén se contemplan protocolos de vixilancia, plans sanitarios e de xestión do control de calidade así como estudos de diagnóstico e xestión de fugas e hidroxeolóxicos.

En canto ás melloras a nivel de eficiencia e dixitalización levaranse a cabo actuacións de melloras técnicas que repercutan nos sistemas de abastecemento, saneamento e tratamento de augas. Tamén se dixitalizarán as captacións, os sistemas de abastecemento, os sistemas de abastecemento, os de saneamento e depuración e os de vertido de augas residuais.

Por último, no referente á xestión da información, levaranse a cabo melloras nos portais web da administración, e desenvolveranse sistemas de información e ferramentas dixitais para a telexestión e o telemando das instalacións e das infraestruturas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames optimizará la gestión del agua con geófonos y drones"

Diario de Santiago: "Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”"

La Voz de Galicia: "Ames estudia cómo usar agua regenerada y mejorar las redes de captación y saneamiento"

Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”

Multimedia

  • Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”
  • Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”
  • Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”
  • Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”
  • Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”
  • Ames comeza a modernizar o ciclo urbano da auga a través do proxecto “Ames dixital Water”