- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima segunda edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 158 traballos, un número similar respecto das edicións anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.
A decisión do xurado farase pública o día 10 de xuño, a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Ames. Catro días despois, o 14 de xuño, terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.
O Certame Literario do Concello de Ames celebra neste 2025 a súa vixésimo segunda edición manténdose por enriba dos 150 traballos presentados. En 2023 participaron 167 textos, en 2024 houbo 179 obras literarias, e nesta ocasión son 158 os traballos que terá que revisar o xurado para escoller os textos gañadores.
A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, na que se presentaron 73 traballos. Na mesma franxa de idade na modalidade de narrativa recibíronse 48 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, unha dirixida a persoas de menos de 13 anos e outra a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 12 e 5 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 13 e 7 traballos, respectivamente.
En total, participan no concurso 90 textos poéticos e 68 textos narrativos. Premendo nesta ligazón podes consultar a listaxe completa de títulos e pseudónimos das obras presentadas.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega, e porque acade, de novo, altas cifras de participación.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Case 160 traballos optan ao Certame Literario de Ames"
Diario de Santiago: "María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei forman o xurado do XXII Certame Literario de Ames"





