Pestanas principais

240 persoas participan este domingo, 11 de maio, na IV Carreira de orientación do Concello de Ames

Venres, 09 de maio de 2025

A IV Carreira de orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio. A proba, desta volta, realizarase na localidade do Milladoiro, a partir das 11.00 horas. 240 persoas inscribíronse nesta actividade, que organiza a Concellaría de Deportes en colaboración con Xesta Natureza. 135 persoas inscribíronse na categoría xestiñas, 65 persoas participarán na categoría xestas, e 40 na categoría xesteiras.

O departamento de Deportes, en colaboración con Xesta Natureza, organiza un ano máis a Carreira de orientación do Concello de Ames, unha proba que celebra xa súa cuarta edición e que conta con 240 participantes para esta edición.

A orientación é un deporte, coa súa orixe nos países nórdicos, que consiste en percorrer e descifrar, no menor tempo posible e coa axuda dun compás e un mapa, unha serie de puntos (chamados balizas) establecidos nunha orde determinada.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, subliñou que “é unha proba que leva xa realizándose varios anos e que a día de hoxe xa conta cunha gran acollida entre a veciñanza. Este ano hai 240 persoas inscritas o cal significa que segue espertando o interese da veciñanza amesá. A carreira de orientación é unha oportunidade para pasar unha xornada diferente en familia, desfrutando da natureza, descifrando os planos da proba todos xuntos e descubrindo novos recunchos do noso concello”.

IV Carreira de orientación
​A carreira que se celebrará este domingo, 11 de maio, ten como obxectivo visitar no menor tempo posible todas as balizas que aparecen no mapa da proba, que se entregará ao comezo da mesma. Pódese participar de xeito individual ou en grupo (ata 6 participantes por equipo).

Existen tres categorías de participación:
​-Xestiñas: categoría dirixida para nenos/as, sinxela física e tecnicamente cun percorrido menor aos 3 quilómetros.
​-Xestas: categoría para persoas adultas, cun nivel físico e técnico medio e cun percorrido inferior aos 4 quilómetros.
​-Xesteiras: categoría dirixida para persoas con medios ou altos coñecementos na orientación, cun nivel físico e técnico alto e cun percorrido superior aos 5 quilómetros en total.

As saídas comezarán ás 11.00 horas e realizaranse por categorías, é dicir, todas as persoas dunha mesma categoría sairán ao mesmo tempo. Por outra banda, desde a organización da proba, facilitarase unha tarxeta electrónica para poder ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. O percorrido deberá completarse na orde establecida desde a saída ata a meta.

Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.

Novas relacionadas:

Diario de Santiago: "240 persoas participan este domingo, 11 de maio, na IV Carreira de orientación do Concello de Ames"

Imaxe de arquivo da carreira de orientación