Solapas principales

Departamento de Turismo

    • Dirección: Casa do Concello. Praza do Concello, número 2, Bertamiráns.
    • Teléfono: 981 88 30 02, extensión 9966.
    • Horario de atención al público: 09:00 a 14:00h.
    • Responsable municipal:
    • Responsable técnico:
      • Sonia Moure Oliveira, técnica de turismo.

Noticias del departamento

O GDR 19 Terras de Compostela asinou un convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para xestionar o xeodestino Terras de Santiago. O obxectivo é xestionar o territorio, que conforman os 10 concellos integrados neste GDR, dentro do xeodestino turístico Terras de Santiago, coa finalidade de desenvolver e dinamizar este territorio a través do turismo. Neste senso durante o ano 2019 realizáronse diferentes actuacións como a elaboración dun vídeo sobre o produto turístico de turismo fluvial, unha análise DAFO (diagnose do territorio) e un Plan de Acción. Ademais, o martes, 4 de febreiro, ás 10.00 horas, haberá unha xornada de sensibilización para dar a coñecer a todas as persoas interesadas, (empresas do sector turístico) a metodoloxía do proxecto SICTED (Calidade turística en destino) e presentarlles os beneficios deste sistema de calidade, animándoos a integrarse e participar.

Esta mañá presentouse no Milladoiro o novo punto de atención ao peregrino e de información turística. Dito punto está situado na esquina da rúa dos Agriños coa rúa do Muíño Vello, ao carón da área de autocaravanas e nunha zona próxima ao albergue do Milladoiro. Tamén se atopa na contorna da Travesía do Porto por onde discorre o trazado do Camiño Portugués. Esta iniciativa xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Ten o obxectivo de acoller e prestar atención e información/difusión ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

A Casa Escola Obradoiro Ana Rosa e o Concello de Ames inauguran este venres 8 de abril a exposición de encaixe “Fiando Recordos”, un conxunto de pezas de artesanía e pintura nas que se plasma parte da obra dun dos grandes deseñadores e artistas galegos do século XX, Luis Seoane. A inauguración terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 18:30 horas, mentres que a exposición poderá visitarse do 8 ao 10 de abril, de 11:00 a 20:30 horas. Ademais, a palilleira tamén impartirá dúas charlas sobre a historia do encaixe na fin de semana, ás 19:00 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, colabora coa Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, na organización do curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidade de negocio para un turismo sustentable”, que se vai celebrar o vindeiro 15 de novembro nas instalacións do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. En dito evento tamén colabora a Deputación da Coruña. Durante a xornada, contarase coa participación de expertas e expertos que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre a calidade e sustentabilidade no sector turístico, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e as súas implicacións sobre o turismo. Igualmente falarase das estratexias para a incorporación dos ODS nos plans de turismo, así como as oportunidades de financiamento para proxectos de turismo sustentable tanto a nivel autonómico, como nacional e europeo, que rematará cun taller práctico sobre como presentar axudas de turismo ás diferentes convocatorias. Preme nesta ligazón para tramitar a inscrición.

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, organizou o pasado sábado 20 de xuño, unha visita ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que se enmarca dentro do programa de visita aos Lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía. Ditas visitas están teatralizadas polos Quinquilláns. Esta actividade enmárcase dentro do convenio asinado polos Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para promover a ruta As pegadas de Rosalía.

A veciña de Bertamiráns, Isolina Martínez, será unha das protagonistas do penúltimo episodio de “El Camino de Santiago by Julius”. O chef Julius fixo unha parada no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para da man da nosa veciña Isolina coñecer como se elabora un dos pratos máis típicos do Entroido galego: as orellas. Nesta segunda temporada o chef Julius percorre ao longo de 22 episodios o Camiño do Norte amosando os lugares máis emblemáticos desta ruta mentres descobre saborosas receitas. O episodio da etapa Ames-Negreira emitirase no mes de outubro en Canal Cocina.

O pasado sábado pechou o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro. Dende o 15 de xuño ata o 14 de setembro atendéronse un total de 606 persoas. Deste xeito, incrementouse en 351 os usuarios/as de dito punto informativo respecto de 2023. Isto representa un aumento do 138%. Este servizo préstase por segundo ano consecutivo e xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Como novidade, este ano o servizo contou con dúas localizacións: o vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro e a caseta situada a carón da área de autocaravanas. O perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.

O adro da igrexa de San Xoán de Ortoño acollerá este venres, 30 de decembro, ás 17:00 horas, un concerto de campás ofrecido pola Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, “As campás, o son do Camiño”, con motivo da inauguración das novas campás da igrexa parroquial. Así mesmo, o investigador Estanislao Fernández de la Cigoña ofrecerá unha charla sobre a historia das campás, mentres que José Enrique López Ocampo, fundidor de campás, explicará o seu proceso de fabricación. 

Os alcaldes de Ames, Blas García; Brión, Pablo Lago; Dodro; Xabier Castro; e Padrón, Anxo Arca, asinaron este martes na sede da Fundación Rosalía o convenio polo que os catro concellos acordan traballar conxuntamente na xestión, desenvolvemento e promoción turística da Ruta Rosaliana-As pegadas de Rosalía, un itinerario que percorre lugares intimamente vencellados á vida e á obra de Rosalía de Castro.

“Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega a vindeira semana á súa terceira edición. As actividades desenvolveranse durante a xornada do 10 de xuño. O programa está conformado por unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla, polos espectáculos de Títeres Alacrán e do grupo teatral Os Quinquilláns; e pola actuación musical de Fillas de Cassandra. Para participar na andaina é preciso escribir ao enderezo electrónico rutabatallaaltamira@gmail.com. Para as recreacións teatrais e o concerto a entrada é de balde, previa reserva a través desta ligazón.

Eventos del departamento

 O xoves 22 de febreiro desenvolverase unha nova edición das iniciativas “Caldo de Gloria” e “Café con verso” nos locais de hostalaría de Ames. Deste xeito, repartiranse nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. A iniciativa Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Así mesmo, a hostalaría tamén servirá o caldo que a escritora describe no seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas.

Ata o 2 de xuño, a Praza da Maía, en Bertamiráns, acolle a exposición "A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía", na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas. A mostra está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo.

Esta exposición fai un repaso pola historia da Casa-Museo, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas, á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que se constituíron como auténticos encontros de afirmación galeguista.

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, organizou para o sábado 20 de maio, ás 12.00 horas, unha visita ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que se enmarca dentro do programa de visita aos Lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía. Ditas visitas están teatralizadas polos Quinquilláns. Esta actividade enmárcase dentro do convenio asinado polos Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para promover a ruta As pegadas de Rosalía. Para participar hai que enviar un correo electrónico ao enderezo turismo@concellodeames.gal.

O Concello de Ames programa para o sábado 14 de setembro unha saída pola ruta rosaliana que transcorre polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. Trátase dun itinerario que segue o trazado orixinal proposto por Avelino Abuín de Tembra na década dos noventa, actualizado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, no ano 2017, e presentado na feira de turismo Fitur en colaboración con esta entidade, convertido nun proxecto turístico intermunicipal denominado “As Pegadas de Rosalía”, en xaneiro do ano 2018