Solapas principales

O Milladoiro conta cun novo punto de atención ao peregrino e de información turística

Miércoles, 12 de julio de 2023

Esta mañá presentouse no Milladoiro o novo punto de atención ao peregrino e de información turística. Dito punto está situado na esquina da rúa dos Agriños coa rúa do Muíño Vello, ao carón da área de autocaravanas e nunha zona próxima ao albergue do Milladoiro. Tamén se atopa na contorna da Travesía do Porto por onde discorre o trazado do Camiño Portugués. Esta iniciativa xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Ten o obxectivo de acoller e prestar atención e información/difusión ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, presentouse esta mañá xunto á técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, o novo punto de atención ao peregrino e de información turística que se habilitou no Milladoiro. Na presentación tamén participou José Manuel Guldrís, párroco de San José do Milladoiro;  Enrique Repiso Pacheco, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Eugenia González ecónoma da Asociación e xerente do Albergue do Milladoiro; e mailos/as mozos/as que atenden dito punto informativo: Daniel Lorenzo Estévez e Noa López Souto.

O punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro está situado na esquina da rúa dos Agriños coa rúa do Muíño Vello, unha zona que está ao carón da área de autocaravanas e que se atopa tamén próximo ao albergue do Milladoiro. Tamén se atopa na contorna da Travesía do Porto por onde discorre o trazado do Camiño Portugués. Ademais, nesa zona estase construíndo un hotel que estará situado na rúa Palmeiras, no parque empresarial Novo Milladoiro, fronte á cafetería Central, polo que poderá facilitar información a posibles turistas que se aloxen en dito hotel.

O presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, Enrique Repiso Pacheco, explicou que “a asociación administra o albergue de peregrinos do Milladoiro e ademais imos a xestionar este punto de atención ao peregrino e de información turística co que estamos creando dous novos postos de traballo. Este é un dos obxectivos da asociación, que é darlle ás persoas xóvenes a oportunidades de acceder a un primeiro emprego. Este punto está nun lugar estratéxico dentro do Camiño Portugués, que está medrando ano tras ano, e que necesita ter puntos de información que lles facilite datos e atención aos peregrinos”.

Eugenia González, ecónoma da Asociación e xerente do albergue, dixo que “esta é unha oportunidade para xerar dous postos máis de traballo, enmarcados dentro da Asociación, que está enfocada a xente nova. No albergue temos outros tres, e estamos contentos de que teñan a súa primeira oportunidade”. Ademais, engadiu que “no albergue estamos superando xa as cifras de peregrinos do ano pasado, a pesar de non ser Ano Santo. É preciso informalos, tanto a eles como ás persoas que veñen en caravanas. E non só sobre O Milladoiro, senón sobre outros lugares como poden ser a praia fluvial de Tapia ou as rutas de sendeirismo que existen en Ames. Dese xeito, ademais de visitar Santiago, poden facer tamén unha ruta por Ames”.

Pechou o acto de presentación o alcalde de Ames e responsable da área de Turismo, Blas García, que destacou “é preciso poñer en valor todo o traballo que se fai no albergue e na Asociación, que é moi importante para O Milladoiro e para todo o concello de Ames. Esta é a primeira colaboración que facemos, pero esperemos que non sexa a última. A nosa intención é seguir colaborando con eles, porque, ademais, contan con gran experiencia. Recibiron a visita de moitísimos peregrinos nos últimos anos, co cal é necesario que compartamos todo ese coñecemento e o poñamos en común, para que nós saibamos dende o Concello todo o que pasa polo Milladoiro”.

Blas García tamén incidiu en que “somos o único concello de Galicia que ten tres Camiños agora mesmo: o portugués, o de Fisterra e o de Muros-Noia. Queremos traballar todos estes Camiños. Comezamos con este punto de información no Milladoiro, e esperamos poder amplialos desde o departamento de Turismo. Desde que comezou este ano ata o mes de xullo houbo máis de 60.000 peregrinos que fixeron o Camiño Portugués, unhas cifras moi importantes, posto que todos acaban pasando polo Milladoiro. Temos que, dalgunha forma, poñer en valor o noso concello ante todas esas persoas que veñen facendo o Camiño, tanto no momento que o fan como para posteriormente, de xeito que, se volven a Galicia, coñezan esta zona”.

Por último dixo que “o que máis me gusta deste proxecto é que dúas persoas mozas, con inquietude por traballar, teñan aquí o seu primeiro posto de emprego, colaborando ademais cun tema social que é moi importante. Coa distribución xeográfica que temos en Ames, que conta con dous núcleos moi grandes, Bertamiráns e O Milladoiro, non todo o mundo coñece o que temos no concello. Iso é algo que debemos potenciar dende dentro: as rutas que hai, o Pazo da Peregrina, a praia fluvial de Tapia, o monte de San Marcos, a capela da Madalena, a zona de ocio do entorno á igrexa do Milladoiro... É importante que todos os veciños saiban destas zonas, porque podemos presumir de ter un concello ben fermoso”.

Punto informativo aberto do 15 de xullo ao 15 de setembro
Este punto de información vai estar atendido por dúas persoas que participan no programa chamado "Iniciativas sociais no Camiño", que desenvolve a Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, entidade coa que o Concello de Ames chegou a un acordo para poñer en marcha este punto de atención ao peregrino dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro. Este servizo funcionará de luns a sábado, en horario de 10:30h a 18:30 horas.

O obxectivo é acoller e prestar atención e información/difusión ás/aos peregrinas/os e persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas sobre os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

Colaboración con ASCAMPOR
Esta iniciativa nace froito da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. ASCAMPOR é unha asociación privada sen ánimo de lucro que fixa os seus obxectivos na divulgación da peregrinación a Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Da colaboración da Asociación coa parroquia de San José do Milladoiro na atención aos peregrinos naceu o proxecto social Albergue Milladoiro que se inaugurou o pasado 10 de marzo de 2017.

Esta asociación ten como obxectivos a promoción do Camiño de Santiago e toda a súa contorna como elemento dinamizador dunha acción social, vinculada ás necesidades concretas do territorio; e maila acollida do peregrino. Tendo en conta estes obxectivos desenvolven un proxecto de inclusión social e primeiro emprego, a través do cal puxeron en marcha en 2017 o albergue do Milladoiro e agora o punto de atención ao peregrino e de información turística, en colaboración co Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Milladoiro contará cun punto de atención aos peregrinos e de información turística"

Lindeiros: "Ames abre un punto de información turística, e de atención ao peregrino, no Milladoiro"

AMS GO!: "Novo punto de información ao peregrino no Milladoiro"

Enfoques: "O Milladoiro estrena nuevo punto de atención al peregrino"

O Milladoiro conta cun novo punto de atención ao peregrino e de información turística

Multimedia

  • O Milladoiro conta cun novo punto de atención ao peregrino e de información turística
  • O Milladoiro conta cun novo punto de atención ao peregrino e de información turística