Solapas principales

O GDR Terras de Compostela, do que forma parte Ames, continúa traballando na xestión do xeodestino turístico Terras de Santiago e mailo Destino SICTED

Jueves, 30 de enero de 2020

O GDR 19 Terras de Compostela asinou un convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para xestionar o xeodestino Terras de Santiago. O obxectivo é xestionar o territorio, que conforman os 10 concellos integrados neste GDR, dentro do xeodestino turístico Terras de Santiago, coa finalidade de desenvolver e dinamizar este territorio a través do turismo. Neste senso durante o ano 2019 realizáronse diferentes actuacións como a elaboración dun vídeo sobre o produto turístico de turismo fluvial, unha análise DAFO (diagnose do territorio) e un Plan de Acción. Ademais, o martes, 4 de febreiro, ás 10.00 horas, haberá unha xornada de sensibilización para dar a coñecer a todas as persoas interesadas, (empresas do sector turístico) a metodoloxía do proxecto SICTED (Calidade turística en destino) e presentarlles os beneficios deste sistema de calidade, animándoos a integrarse e participar.

O GDR 19 Terras de Compostela, do que forman parte os concellos de Ames, A Baña, Brión, Boqueixón, Negreira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, e maila Axencia de Turismo de Galicia asinaron en 2019 un convenio de colaboración, dotado de 14.000 euros, para xestionar o territorio destes 10 municipios dentro do xeodestino turístico Terras de Santiago. A principal finalidade desta iniciativa é desenvolver e dinamizar este territorio a través do turismo, baseándose en recursos turísticos como o patrimonio, natureza, gastronomía...

Ao longo do pasado ano realizáronse diferentes avances neste eido como foron a elaboración dun vídeo promocional sobre o produto turístico de turismo fluvial; unha análise DAFO (diagnose do territorio) e un Plan de Acción. Nesta anualidade 2020 presentarase unha nova solicitude de axuda no marco do Plan de acción elaborado en 2019, para dar continuidade a dito traballo.

Selo de calidade turística en destino SICTED
Por outra banda, a Asociación Terras de Compostela acordou en 2019 ser ente xestor do Destino SICTED e empezar un plan de formación e cualificación dirixido a empresas e profesionais vinculados ao sector turístico, baixo a metodoloxía do proxecto SICTED: Sistema integral de calidade turística española en destino, (proxecto de mellora da calidade en destinos turísticos, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

No ano 2019, a raíz do programa formativo impartido polo GDR Asociación Terras de Compostela, distinguíronse 9 establecementos co selo SICTED. Todas as empresas certificadas con este selo, recibiron a correspondente formación SICTED, visitas técnicas en cada empresa e avaliación. Posteriormente estas empresas presentáronse á Mesa da Calidade, (esta Mesa está formada por membros dos concellos integrantes do territorio  así como polo Presidente do Clúster de Turismo).

Neste ano 2020, por acordo de Asemblea, acordouse dar continuidade a este proxecto de calidade. Existen 10 prazas para establecementos e  empresas do sector turístico, para que poidan optar a ser distinguidos co selo SICTED.

Xornada de sensibilización sobre o selo SICTED
O GDR Asociación Terras de Compostela organiza unha xornada de sensibilización para dar a coñecer a todas as persoas interesadas, (empresas do sector turístico: hoteis, restaurantes, empresas alimentarias visitables, casas de turismo rural e axencias de viaxes) a metodoloxía do proxecto e presentarlles os beneficios de este sistema de calidade, animándoos a integrarse e participar. Dita xornada realizarase o martes, 4 de febreiro, ás 10.00 horas, na sede do GDR Asociación Terras de Compostela, situada no lugar de Cibrán, número 4, na parroquia de San Xián de Sales (Vedra).

Imaxe da reunión mantida en outubro de 2018 polo GDR 19 Terras de Compostela sobre a xestión do xeodestino turístico Terras de Santiago