A Corporación municipal aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2021, nunha sesión plenaria extraordinaria que se desenvolveu de xeito telemático este xoves, 11 de marzo. Agora, dende a súa publicación no BOP, o documento orzamentario estará en exposición pública durante 15 días hábiles. É o quinto orzamento consecutivo que aproba a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. O orzamento de 2021 ascende a cifra de 29.888.000 euros, incrementando en 2.518.000 euros (9,20%) respecto do presuposto de 2020. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. Recolle un forte compromiso en servizos básicos cunha partida para o novo contrato de limpeza viaria; e un incremento de crédito para as áreas de educación e servizos sociais, así como unha forte aposta polo investimento público.