Actualidad
[11-09-2018] Co fin de adaptarse á normativa vixente, a Xunta de Goberno Local aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras de mellora de seis parques infantís por un importe de 31.895,84 euros. Esta actuación está incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. As melloras levaranse a cabo nos parques infantís de Cruxeiras, Covas, Trasmonte, do paseo fluvial de Bertamiráns, da Condomiña e da rúa Travesa do Milladoiro. Asemade, o goberno municipal está traballando para licitar a cubrición dun parque infantil en Bertamiráns e outro no Milladoiro, así como o servizo de mantemento de todos os parques infantís municipais e dos parques biosaudables.
[10-09-2018] Nadia Iglesias de Salvador disputou os días 2 e 3 de setembro o Campionato Europeo de Patinaxe Artístico nas illas Azores, no que conseguiu a medalla de prata na modalidade libre da categoría júnior. A amesá, que en xuño revalidou o título de campioa de España e o pasado ano conseguiu o primeiro campionato de Europa da historia do patinaxe artístico galego, participará no mundial júnior que se disputará en Francia do 4 ao 14 de outubro.
[10-09-2018] A segunda edición da Andaina-Carreira da Familia celebrarase o sábado, 22 de setembro, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. O evento solidario, que está organizado polo Concello de Ames a través da Concellaría de Deportes, destinará o diñeiro recadado mediante as inscricións á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Esta iniciativa tamén está promovida polo club de atletismo MillaRaio e pola Federación Galega de Atletismo. As persoas interesadas en participar nesta andaina-carreira poden inscribirse, ata o vindeiro xoves, 20 de setembro, ás 14.00 horas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.
[10-09-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantiveron esta mañá unha xuntanza para analizar unha posible solución ao tráfico de vehículos pesados no núcleo urbano de Milladoiro. Neste encontro tamén participou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. Pilar López-Rioboo destaca a necesidade de desbloquear a situación e avanzar nun posible convenio entre Estradas, Xunta e DXT para buscar alternativas. A Subdelegación do Goberno convocará a unha reunión con Demarcación de Estradas de Galicia, Xunta, Dirección Xeral de Tráfico e os concellos de Ames e Teo para finais de mes. Polo núcleo urbano de Milladoiro, que conta con 12.000 residentes, circulan cada día uns 30.000 vehículos.
[08-09-2018] O Concello de Ames organiza para este luns e martes dous actos abertos á veciñanza para presentar o Regulamento de Participación Cidadá. O luns 10 de setembro será na Casa da Cultura doe Bertamiráns, mentres o martes 11 desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas localidades dito acto de presentación realizarase a partir das 20.00 horas. Trátase de dunha normativa necesaria que garante os dereitos da veciñanza para súa participación e acceso á información. Dito regulamento lexitima as achegas dos veciños e veciñas nas sesións plenarias, así como a presentación de queixas suxestións e reclamacións.
[08-09-2018] A próxima semana abre o segundo prazo de inscrición nas Escolas Culturais para o curso 2018/2019. A período de inscrición permanecerá aberta do 10 ao 14 de setembro, para apuntarse naquelas actividades e grupos nos que quedan prazas libres. O proceso de inscrición pódese realizar de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As clases comezarán a semana do luns 1 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2019. As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodeames.gal. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo e consultar as prazas libres de cada unha das actividades ofertadas.
[08-09-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, está preparando unha ampla oferta de actividades para a celebración do Día do Deporte na área deportiva de Milladoiro. O domingo 16 de setembro, de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00 horas, os veciños e veciñas de todas as idades poderán practicar 21 actividades deportivas repartidas en 10 espazos deportivos diferentes. Tamén haberá inchables e ao final do día realizarase un sorteo de agasallos.
[07-09-2018] Este xoves, 6 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Outros dos temas que se aprobou por unanimidade foi a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”. Tamén se aprobou por unanimidade a elección do xuíz de paz substituto do Concello de Ames e unha moción presentada por Ames Novo sobre os comedores escolares municipais.
[07-09-2018] O polideportivo de Covas acolle este sábado, 8 de setembro, a partir das 20.00 horas, a décimo primeira edición da Festa da Orella, que organiza a Asociación veciñal desta parroquia. Ao evento, máis coñecido como a festa do socio, están invitados todos os socios/as da Asociación de veciños de Covas e todos aqueles veciños/as que queiran sumarase. Os tíckets de entrada, que custan 7 euros, poden ser mercados o propio día da festa. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 618 374 344 para confirmar asistencia.
[07-09-2018] Os regatistas da Solitaire Urgo Le Figaro exerceron de peregrinos en Santiago, visitando a capital de Galicia e tendo por escenario da foto oficial desta segunda etapa, a Catedral compostelá. Os regatistas de Le Figaro fixeron de peregrinos en Santiago dende a Ría de Muros-Noia. Gran expectación este sábado para a gran saída da terceira etapa ata Saint Gilles Croix de Vie. A concelleira de Turismo do Concello de Ames, Isabel González, asistiu a dito acto de promoción que se celebrou esta mañá, ás 12.30 horas, na praza do Obradoiro.
- ‹ anterior
- 626 de 1381
- siguiente ›