Solapas principales

Chega a Ames a segunda edición do Día do Deporte

Sábado, 08 de septiembre de 2018

[08-09-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, está preparando unha ampla oferta de actividades para a celebración do Día do Deporte na área deportiva de Milladoiro. O domingo 16 de setembro, de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00 horas, os veciños e veciñas de todas as idades poderán practicar 21 actividades deportivas repartidas en 10 espazos deportivos diferentes. Tamén haberá inchables e ao final do día realizarase un sorteo de agasallos.

O deporte é necesario. É unha actividade lúdica e mental que mellora a calidade de vida de quen o practica. Ademais, non só é beneficioso para pór en forma o corpo senón tamén para prever enfermidades como as coronarias, e incrementar a autoestima e o optimismo. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lle guste no Día do Deporte de Ames.

O vindeiro domingo, 16 de setembro, na área deportiva do Milladoiro haberá actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez, piragüismo e judo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates.

Ademais, ao igual que o ano pasado, o Concello ofrecerá a posibilidade de probar novas disciplinas como o Cross training, o bádminton, a chave e o tiro con arco, ademais de poder probar os aparatos biosaudables. Unha extensa oferta deportiva que se ofertará ao longo de 9 horas, repartidas en horario de mañá e tarde. Deste xeito, poderanse practicar 21 actividades deportivas repartidas en 10 espazos deportivos diferentes.

Con cada actividade entregarase un tícket para o sorteo de agasallos que se fará ao final da xornada. Tamén haberá inchables, obradoiros, competicións 3x3, carreiras e xogos. O Día do Deporte reunirá as actividades propostas na área deportiva do Milladoiro. Todas as actividades comezarán ás 10:00 horas e prolongaranse ata as 21:00 horas da tarde, con unha pequena pausa para o xantar entre as 14.00 e as 16.00 horas.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, agarda que “a xente se anime a saír á rúa e facer deporte en familia probando as diferentes disciplinas deportivas que se ofrecen. O ano pasado máis de 1.000 veciños e veciñas participaron no Día do Deporte. Este ano esperamos superar esa cifra si o tempo acompaña”. Desde a Concellería de deportes seguen a apostar polo lema escollido de Ames é deporte, Ames é saúde.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Día do Deporte se celebrará en Milladoiro el próximo domingo"
Compostela 24 horas: "Chega a Ames a segunda edición do Día do Deporte"