[07-09-2018] Este xoves, 6 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Outros dos temas que se aprobou por unanimidade foi a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”. Tamén se aprobou por unanimidade a elección do xuíz de paz substituto do Concello de Ames e unha moción presentada por Ames Novo sobre os comedores escolares municipais.
Protocolo "Concellos Doing Business Galicia"
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a adhesión ao Protocolo Xeral de Actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia, mediante a posta en marcha da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”. A través deste protocolo a Xunta de Galicia intenta poñer en marcha, en colaboración cos concellos, medidas que favorezan e fomenten a implantación e fixación de empresas no territorio galego.
O protocolo de actuación recolle unha serie de obrigas para o Concello de Ames, entre as que se atopan a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles, do Imposto sobre Actividades Económicas e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, para introducir bonificacións de ata o 95% a favor das empresas que desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de espacial interese ou utilidade municipal polo Pleno da Corporación, por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.
Deste xeito, o Pleno tamén aprobou por unanimidade a modificación das ordenanzas fiscais do imposto sobre actividades económicas; do imposto de bens inmobles e do imposto sobre construcións e obras.
Moción sobre os comedores escolares municipais
Por último, abordouse unha moción presentada por vía de urxencia polo grupo municipal Ames Novo sobre os comedores escolares municipais. No apartado de acordos desta moción, que foi aprobada por unanimidade, recóllese que o goberno do Concello de Ames, conxuntamente cos servizos municipais atinxidos, estudará de xeito urxente as solucións posibles para que o alumnado inscrito para o servizo municipal de comedores para o curso 2018-2019 poida ver atendidas as súas demandas. Asemade, solicítase que o goberno leve a Pleno, antes de finalizar o ano, un plan de medidas precisas en materia de infraestruturas para a adecuación da oferta de prazas deste servizo ao previsible incremento da demanda futura.
O pleno ordinario de agosto comezou coa Corporación municipal e mailo público asistente gardando un minuto de silencio en repulsa do feminicidio de Ana Belén Varela Ordóñez, de 50 anos, asasinada polo seu marido na súa propia casa de Cabana de Bergantiños. A continuación o alcalde deu conta dos 242 decretos aprobados dende a última sesión plenaria. De seguido, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta ao Pleno do decreto de aprobación da liquidación de 2017. Segundo a concelleira “este é o primeiro ano no que conseguimos adiantar a aprobación da liquidación do exercicio anterior. Era un dos obxectivos deste goberno. Deste xeito, o pasado 14 de agosto aprobouse a liquidación de 2017, adiantando en tres meses dita aprobación”.
Genma Otero destacou que “nesta liquidación de 2017 o Concello de Ames experimentou un comportamento orzamentario moi favorable, que ten o seu reflexo nas grandes magnitudes, que son ese resultado orzamentario cun superávit de 2.650.000 euros, un remanente de tesourería positivo de 4.873.000 euros, unha débeda bancaria de 0 euros, e por suposto, cumpríronse os tres obxectivo de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública”.
No terceiro punto da orde do día abordouse a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de solicitudes, foi presentado unha única instancia, que reúne os requisitos para poder ser elixido xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames, polo que o Pleno aprobou por unanimidade a elección desta persoa como xuíz de paz substituto do Concello de Ames.
Asemade, aprobouse por unanimidade a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e o SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Este convenio foi asinado o 9 de agosto de 2018 e ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración Xeral da CCAA, a través da Consellería do Medio Rural, SEAGA (sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos S.A.) e a FEGAMP, cos concellos que voluntariamente se adhiran ao convenio, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas faixas secundarias de xestión da biomasa.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames cerró el año 2017 con un superávit de 2,65 millones"
El Correo Gallego: "Ames Novo exigirá plazas de comedor para los excluidos"
Compostela 24 Horas: "O Pleno aproba por unanimidade o convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais"
La Voz de Galicia: "La gestión de los comedores tensa el debate político de Ames"
Lindeiros: "Volve o curso e volve a esixencia de prazas nos comedores de Ames"