Solapas principales

O goberno municipal presenta o Regulamento de Participación cidadá

Sábado, 08 de septiembre de 2018

[08-09-2018] O Concello de Ames organiza para este luns e martes dous actos abertos á veciñanza para presentar o Regulamento de Participación Cidadá. O luns 10 de setembro será na Casa da Cultura doe Bertamiráns, mentres o martes 11 desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas localidades dito acto de presentación realizarase a partir das 20.00 horas. Trátase de dunha normativa necesaria que garante os dereitos da veciñanza para súa participación e acceso á información. Dito regulamento lexitima as achegas dos veciños e veciñas nas sesións plenarias, así como a presentación de queixas suxestións e reclamacións.

O Concello de Ames elaborou durante os meses de xullo e agosto o Regulamento de Participación Cidadá. A intención do goberno local é deixar aprobada esta normativa antes de finalizar a lexislatura, tal e como se comprometera ao inicio da mesma. Para o goberno este regulamento é básico e complementaría o xa aprobado ao inicio do mandato sobre a organización dos plenos. O Regulamento de Participación Cidadá recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo.

Dito regulamento describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha nesta última lexislatura.

A mediados de agosto os diferentes grupos políticos municipais presentaron as súas consideracións finais para ser analizadas de cara a contar neste mes de setembro co borrador definitivo para ser presentado á cidadanía. Deste xeito, a vindeira semana, os días 10 e 11 de setembro presentarase dito regulamento en dúas xuntanzas abertas á cidadanía en xeral e ao tecido asociativo. O luns 10 de setembro será na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres o martes 11 desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas localidades dito acto de presentación realizarase a partir das 20.00 horas. O obxectivo será dar a coñecer os pormenores do regulamento de cara a que a veciñanza e colectivos teñan a información de primeira man.

Unha vez presentado someterase a exposición pública para as achegas que se consideren oportunas, antes de ser levado a aprobación no pleno correspondente. Dende o Concello agardan poder ter aprobado xa no mes de outubro este novo regulamento que, conxuntamente co de Organización e funcionamento municipal, aprobado ao inicio da lexislatura, permita ter estruturada e organizada a participación da veciñanza na vida diaria municipal, e así dar cumprimento ao compromiso acadado na investidura.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradece “o traballo dos grupos da oposición e do goberno para acadar este documento final. Agora é a quenda da veciñanza para que faga as súas achegas, co obxectivo de que no mes de outubro poida ser aprobado por parte do Pleno".



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Los amienses conocerán el Reglamento de Participación en dos actos abiertos"
Compostela 24 horas: "O Goberno Municipal presenta o Regulamento de Participación Cidadá"