Actualidad

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de maio unha nova actividade enmarcada dentro do programa Trouleando que conxuga natureza, deporte e diversión: unha xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín. Será o sábado 27, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os mozos e mozas interesados en participar deben anotarse enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 10 e 14 de maio. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos.

O Concello de Ames publica, un ano máis, o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 450 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 25 de xuño e o 4 de setembro. Organizaranse tamén dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 3 e o 28 de xullo. O prazo de preinscrición estará aberto dende o 18 ata o 28 de abril. A solicitude de praza farase enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal (no caso dos campamentos de Infantil e Primaria, os de setembro, os urbanos e os de inclusión) ou a xuventude@concellodeames.gal (no caso dos de Secundaria e Bacharelato). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.

A Concellaría de Xuventude de Ames organiza, a través do programa Trouleando, unha xornada de surf para a mocidade do concello. Será o vindeiro 22 de abril, en Razo (Carballo) e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 12 e 15 de abril (ambos incluídos). As prazas para participar son limitadas, e asignaranse por orde de chegada.

A Concellaría de Xuventude organizou esta fin de semana a actividade “Finde na neve”, unha viaxe á estación invernal de Leitariegos, situada na comarca do Val de Laciana, en León, na que 40 mozos e mozas amesáns gozaron de dúas xornadas de esquí e natureza. A excursión incluíu o desprazamento en autobús, aloxamento e pensión completa e o acceso ás pistas e ao material de esquí, así como clases impartidas por un equipo de monitores. Na saída participaron persoas de entre 15 e 28 anos.

O departamento de Xuventude do Concello de Ames informa de que o prazo para inscribirse no curso de monitores de tempo libre que se impartirá no Pazo da Peregrina durante os meses de marzo, abril e maio amplíase ata o vindeiro xoves, 2 de marzo. Dito curso ten un prezo de 172 euros e está dirixido a mozos/as maiores de 18 anos que conten co graduado en educación secundaria ou equivalente, ou ben que sexan técnicos auxiliares en formación profesional. Os interesados en participar deben cubrir a ficha de inscrición e presentala no rexistro municipal (presencialmente ou a través da Sede electrónica do Concello), xunto cunha fotocopia do seu DNI e da súa titulación académica. De non reunir quince participantes, o mínimo para o desenvolvemento das clases, o curso quedará suspendido. As bases ao completo e o calendario poden consultarse premendo nesta ligazón.

A Concellaría de Xuventude organiza unha nova actividade dirixida á xuventude que estea empadroada en Ames. Trátase da iniciativa “Finde na neve” que se desenvolverá do 10 ao 12 de marzo na estación invernal de Leitariegos. Nesta actividade poderán anotarse un total de 40 mozos/as entre os 15 (nados en 2007) e os 30 anos. O prazo de inscrición estará aberto dende este mércores, 15 de febreiro, ata o 21 de febreiro. Para que se realice dita actividade será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. O custe da actividade é de 158 euros, que inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, o servizo que ofrecen os/as monitores/s, etc. Premendo neste enlace podes descargar o impreso de inscrición nesta actividade.

O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitores de tempo libre. As clases, que se impartirán no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns, desenvolveranse ao longo dos meses de marzo, abril e maio, durante as fins de semana e os días festivos, e en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O curso, que ten un prezo de 172 euros, está dirixido a mozos/as maiores de 18 anos que conten co graduado en educación secundaria ou equivalente, ou ben que sexan técnicos auxiliares en formación profesional. Ofértanse 25 prazas, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. As bases ao completo e o calendario de clases pódense consultar premendo nesta ligazón. A ficha de inscrición pódese descargar premendo aquí.

Durante varias semanas o local de ensaio A Factoría estivo pechado ao público para executar varias melloras no local. O obxectivo foi dotalo de mellor equipamento e que sexa máis acolledor para os usuarios/as que o empregan. Realizáronse melloras en canto ao illamento exterior e equipamento interior. Despois de executar ditas melloras o local volveu abrir as súas portas para que os grupos de música poidan ensaiar. Deste xeito, A Factoría arrinca este 2023 con importantes melloras. O horario de ensaio é de luns a domingo, en horario de 10.00 a 22.00 horas. A concelleira de Xuventude e maila técnica de dito departamento visitaron o local par ver como quedou tralas melloras feitas.

O departamento de Xuventude do Concello de Ames organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo para o alumnado dos institutos do Concello de Ames. Esta iniciativa, que está dirixida aos rapaces e rapazas de 1º e de 2º curso da ESO, desenvolverase os luns e os mércores no Milladoiro, e os martes e xoves en Bertamiráns, en horario de 16:30 horas a 19:45 horas.

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de xaneiro unha xornada de patinaxe sobre xeo na pista situada en Matogrande (A Coruña). Será o vindeiro sábado 28, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal entre o 18 e o 21 de xaneiro. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos electrónicos.
- ‹ anterior
- 8 de 16
- siguiente ›




