Actualidad

O club xuvenil Distrito 13 17 inaugura a súa programación coa actividade Creando Rede o vindeiro venres 6 de febreiro, de 19.00 a 21.00 horas, no Pazo da Peregrina. A agrupación xa conta cun total de 20 rapaces e rapazas inscritas e agarda algunha incorporación máis antes desta primeira actividade ante o interese da mocidade amesá. Podes consultar a programación completa na seguinte ligazón.

Ames vén de celebrar o primeiro Consello Sectorial da Xuventude con representación dos sectores mozos do concello. Esta xuntanza tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, onde se expuxeron as principais demandas da mocidade amesá. Solicitáronse máis actividades e espazos: un local de reunión a cuberto durante as fins de semana en Bertamiráns, festas para menores de idade, obradoiros xuvenís, espazos para a mocidade con diversidade funcional e visitas culturais. Os mozos e mozas tamén reclamaron unha mellora das comunicacións entre O Milladoiro e Bertamiráns, así como unha maior frecuencia entre os dous núcleos e entre o rural durante as fins de semana. Propostas que foron tomadas en conta e serán estudadas.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova iniciativa promovida pola Concellaría de Mocidade. Trátase do novo Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo pensado para a xente nova de 13 a 17 anos con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes. Este proxecto de lecer busca dinamizar e promover a participación da xuventude a través dunha batería de actividades lúdicas e formativas de diversa temática. As actividades comezan o venres, 6 de febreiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 19.00 a 21.00 horas, coa iniciativa Creando Rede. Haberá programación cada 15 días durante todo o ano, agás nos meses de verán. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa de 2026.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude, vén de anunciar un novo curso de monitor/a de actividades de tempo libre. A formación, dunhas 350 horas de duración, comezará este mes de xaneiro ata o mes de abril no Pazo da Peregrina e terá un custo de 172€. Ao finalizar, os alumnos e alumnas recibirán un título homologado en todas as comunidades autónomas de España. O prazo de inscrición abrirase este venres 9 de xaneiro e rematará o 21 de xaneiro na Sede electrónica do Concello de Ames.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta tarde a gala de entrega de premios da sexta edición do certame Galetiktokers. De onde veñen as cantigas?, A velada dos instrumentos, Pena da Moura, Ata os monstros falan (e cantan!) en galego, Dúas cousas poden acontecer e Patricio son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2025. O evento estivo presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado polo grupo Sacha na Horta. Este ano presentáronse un total de 56 vídeos que foron creados por máis de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. En total, sumáronse 20.970 gústame e máis de 500.000 visualizacións entre tódolos vídeos.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 22 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do VI Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por sexto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar e impulsar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta edición presentáronse 56 vídeos, realizados por arredor de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado musicalmente polo grupo Sacha na Horta. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers25@gmail.com. A gala será emitida en directo a través do Instagram de Xuventude Ames.

A Concellaría de Mocidade de Ames organiza unha nova actividade do programa Trouleando, desta volta, cunha xornada no Karting Marineda da Coruña, o circuíto indoor máis grande de Galicia. Terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro e, como vén sendo habitual, ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto do 12 ata o 17 de novembro. As persoas interesadas deben inscribirse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal. Hai 50 prazas dispoñibles que se asignarán por orde de chegada. Pódese descargar a ficha de inscrición nesta ligazón.

Desde as 11.00 horas de hoxe, 5 de novembro, e ata as 11:00 horas do venres, 7 de novembro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames, que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego. Nesta sexta edición presentáronse preto de 60 vídeos, realizados por máis de 100 por mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia como Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Ourense, etc. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do VI Certame Galetiktokers.

O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza un obradoiro de son sobre montaxe, gravación e edición musical, que se vai a impartir o 8 e 15 de novembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no local de A Factoría en Biduído. Esta actividade gratuíta está orientada a mozos e mozas dende os 14 anos. Para inscribirse haberá que enviar, entre o 24 e o 31 de outubro, o impreso de inscrición cuberto e asinado ao enderezo de correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sexta edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Nesta ocasión, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto con esta ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers25@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 22 novembro de 2025. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do VI Certame Galetiktokers.
- ‹ anterior
- 2 de 16
- siguiente ›




