- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Xuventude, organiza un obradoiro de son sobre montaxe, gravación e edición musical, que se vai a impartir o 8 e 15 de novembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no local de A Factoría en Biduído. Esta actividade gratuíta está orientada a mozos e mozas dende os 14 anos. Para inscribirse haberá que enviar, entre o 24 e o 31 de outubro, o impreso de inscrición cuberto e asinado ao enderezo de correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.
O departamento de Xuventude do Concello de Ames organiza un obradoiro de son, unha formación específica para a mocidade amesá relacionada coa produción e gravación musical. Este obradoiro de son é unha actividade para a mocidade a partir de 14 anos que se desenvolverá durante dúas mañás do mes de novembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas en Biduído. A través desta actividade ofrécese a posibilidade de coñecer o local de ensaio dispoñible para a mocidade e do novo material de estudio.
Para esta actividade, que se desenvolverá os días 8 e 15 de novembro en Biduído, cóntase con persoal técnico de son e audiovisual. O obxectivo desta formación é que os/as participantes aprendan a usar o equipo dispoñible para gravar os seus ensaios ou facer pequenas demos, entendendo o fluxo de sinal, a colocación de micros e os fundamentos da mestura, edición e masterización, para que as persoas interesadas poidan facer un uso responsable e sacarlle o máximo proveito ao equipamento.
Poderán inscribirse todas as persoas interesadas en formarse en material musical, dende os 14 anos cumpridos, enviando a ficha cuberta e asinada a xuventude@concellodeames.gal entre o 24 e o 31 de outubro. As prazas son limitadas (15 por orde de chegada ata completar as prazas dispoñibles).
Os obxectivos principais desta actividade son os seguintes:
• Iniciar á mocidade no funcionamento dun estudio de gravación, como microfonar os instrumentos (batería, amplificadores,...), que se debe de ter en conta á hora de gravar os seus traballos, como preparar unha boa maqueta ou demo de grupo, etc.
• Ofrecer formación para que os seus usuarios/as fagan un bo uso do local de ensaio, e do equipamento técnico e musical que se lles pon a disposición na Factoría.
• Dar a coñecer como funciona unha banda ou grupo musical, a colocación de instrumentos, as conexións da mesa e dos micrófonos, o equipo de voz, etc.
• Facilitar consellos profesionais para sonar mellor e estar máis cómodo nun ensaio ou nun escenario en directo.
Os contidos xerais destas dúas xornadas de formación serán:
1.- O son e o fluxo de sinal: onda acústica → sinal eléctrico → dixitalización → DAW →reprodución.
2.- Microfonía: dinámicos vs condensadores, patróns polares, colocación.
3.- Gravación: preparar sesión, niveis, fase.
4.- Mestura básica: volumes, panorama, EQ, compresión, reverb.
5.- Exportación: WAV para calidade, MP3 para compartir.






