- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova iniciativa promovida pola Concellaría de Mocidade. Trátase do novo Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo pensado para a xente nova de 13 a 17 anos con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes. Este proxecto de lecer busca dinamizar e promover a participación da xuventude a través dunha batería de actividades lúdicas e formativas de diversa temática. As actividades comezan o venres, 6 de febreiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 19.00 a 21.00 horas, coa iniciativa Creando Rede. Haberá programación cada 15 días durante todo o ano, agás nos meses de verán. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa de 2026.
A Concellaría de Mocidade amplía a súa oferta de actividades cunha nova iniciativa. Trátase do novo Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo pensado para a xente nova de 13 a 17 anos con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes.
Esta iniciativa foi presentada esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello pola concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez; e a técnica municipal de Xuventude Ames, Pili Villaverde. Tamén participaron Doli Folgar, persoal da empresa Foto e Gráfica, encargada do deseño da identidade gráfica de Distrito 13 17; e Andrea Piñeiro, persoal da empresa Anacos Educativos, empresa encargada da xestión e organización das actividades que se van realizar en Distrito 13 17.
Durante a presentación deste novo proxecto a concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, explicou que “Distrito 13 17 é o novo Club Xuvenil de Ames. Neste espazo haberá sitio para ideas tolas, proxectos colectivos, xogos, debates, saídas e actividades que nacen dos intereses da mocidade. Este proxecto de lecer busca dinamizar e promover a participación da xuventude, a través dunha batería de actividades lúdicas e formativas de diversa temática, fundamentadas principalmente na participación real e activa da mocidade, o intercambio de experiencias e coñecementos, a interacción dende o encontro cultural de xente nova de diferentes idades e múltiples gustos e intereses”.
“Distrito 13 17 é un espazo activo, unha alternativa para que a xuventude do concello entre os 13 e os 17 anos se coñeza e estableza nexos de unión e relacións sas, e onde a mocidade sexa a verdadeira protagonista do seu lecer. Cada encontro será unha oportunidade para expresarse, compartir, aprender e construír grupo, sempre nun ambiente seguro, respectuoso e participativo. Se che apetece formar parte dun espazo no que a túa voz conta e no que pasan cousas, Distrito 13 17 é o teu sitio”, engadiu Beatriz Martínez.
Identidade gráfica de Distrito 13 17
De seguido, interveu Doli Folgar, persoal da empresa Foto e Gráfica, encargada do deseño da identidade gráfica de Distrito 13 17. A marca do Club Xuvenil de Ames representa e conecta coa xente nova. “Creamos un símbolo de pertenza a estre Distrito no que se busca unir á xuventude, facer grupo e ofrecerlles un espazo onde desfrutar de ocio saudable nun ambiente seguro”.
Doli Folgar explicou que “as partes máis destacables desta identidade gráfica son o D, que nace da suma de dous grandes símbolos como son o infinito e o ampersand; o logotipo Distrito 13 17, que ten unha grande forza visual coa utilización da tipografía sanson; o uso da cor branco e negro que nos pareceron as máis axeitadas; o mapa, no que fixemos unha interpretación abstracta do municipio cunha estética xeométrica que representa a conectividade do club e das actividades; e as bandas, que están presentes en aplicacións coma carteis mensuais, folletos informativos, etc.”.
Programación de actividades para 2026
As actividades darán comezo no mes de febreiro e haberá programación cada 15 días durante todo o ano, agás nos meses de verán (xullo e agosto), tanto en Bertamiráns (Pazo da Peregrina) coma no Milladoiro (anexo do pavillón polideportivo). As actividades comezan o venres, 6 de febreiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 19.00 a 21.00 horas, coa iniciativa Creando Rede. Ademais, o sábado 21 de febreiro, nese mesmo horario de 19.00 a 21.00 horas, impartirase a actividade Consolidando, no anexo do pavillón do Milladoiro.
Premendo na seguinte ligazón podes consultar a programación de 2026 do Club Xuvenil de Ames. A inscrición nas actividades pódense facer a través deste formulario dixital ou a través do código QR da cartelaría. A data límite para inscribirse será como máximo, o xoves previo de cada actividade. Para calquera dúbida, podes contactar no enderezo de correo electrónico info@anacoseducativos.com ou no teléfono 694 216 484.
Andrea Piñeiro, persoal da empresa Anacos Educativos, empresa encargada da xestión e organización da programación de Distrito 13 17, explicou en que van a consistir ditas actividades. “Aínda que partimos cun programa xa feito, as actividades pódense modificar porque o que queremos é que este proxecto sexa de toda a mocidade participante. A programación está feita con ideas que se nos ocorreron a nós, pero a mediada que nos vaiamos xuntando se vemos que nos apetece facer outra cousa, cabe a posibilidade de ir cambiando algunhas das actividades. En febreiro vamos a comezar a coñecernos, a crear rede e a consolidar o grupo. En marzo faremos actividades relacionadas co Entroido e para coñecer o noso entorno. A programación continuará ata o mes de decembro”.
Por último, a técnica municipal de Xuventude Ames, Pili Villaverde, volveu a incidir en que “preparamos un amplo programa de actividades, pero pódese variar, porque o que nos gustaría é que sexa a propia mocidade a que propoña ideas e se exprese libremente. O valor fundamental do club é que os mozos e mozas son os verdadeiros protagonistas do seu tempo de lecer. As actividades van dende o mes de febreiro ata decembro e vanse a realizar en espazos interiores como o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o anexo do pavillón do Milladoiro, pero tamén haberá actividades ao aire libre. Ademais, é importante destacar que esta semana o persoal de Anacos Educativos van a presentar este proxecto nos dous institutos de Ames para que a mocidade coñeza dita programación”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames impulsa Distrito 13 17, un club para unir e involucrar á xuventude"
La Voz de Galicia: "Los jóvenes de Ames toman las riendas"
Diario de Santiago: "Bota a andar o novo Club Xuvenil de Ames “Distrito 13 17” que está dirixido á mocidade amesá"

















