Actualidad

O programa “Ames en Festas”, que encadea as festas da Madalena e da Peregrina formando un cartel conxunto de 10 días de festexos dos dous principais núcleos poboacionais do concello, Bertamiráns e Milladoiro, puxo fin á súa cuarta edición este domingo coa celebración da derradeira xornada da Peregrina de Bertamiráns. Tódalas xornadas do programa, que incluíu actividades e concertos para todos os públicos, contaron cunha gran afluencia de asistentes, congregando ao longo destes 10 días a máis de 20.000 persoas, consolidando así este programa conxunto.

O pregón final das Festas da Peregrina, en Bertamiráns, correu a cargo de Ronald Rojas, inmigrante venezolano que leva xa varios anos residindo na localidade amesá. A comisión de festas quixo poñer o foco nun dos temas máis actuais e próximos ao municipio: a inmigración.

Continúa a programación do “Ames en Festas 2025”, que reúne nunha mesma programación as festas da Madalena, no Milladoiro, e da Peregrina, en Bertamiráns. Nestes intres, está a ser a quenda de Bertamiráns, que continuará cos festexos ata este domingo, día 10. Como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 9 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú e, ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais. Ademais, na xornada de mañá, venres 8, o artista teense Mondra estará a presentar o seu último traballo “De Ronda”. O concerto terá lugar no parque do Ameneiral a partir das 22.00 horas.

Tras a celebración das festas da Madalena no Milladoiro, continúa o “Ames en Festas 2025” co inicio hoxe, mércores 6 de agosto, dos festexos da Peregrina, en Bertamiráns. A orquestra Cinema será a encargada de abrir na verbena de hoxe as festas, que se prolongarán ata este domingo, día 10.

Este xoves, 7 de agosto, chega ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns, a primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa enmarcada dentro da programación do “Ames en Festas 2025” e que nace co obxectivo de ofrecer aos artistas novos unha plataforma onde poder darse a coñecer e presentar os seus traballos. A cita, organizada polos departamentos de Cultura e Mocidade do Concello de Ames, terá lugar a partir das 20.00 horas e contará coas actuacións de Helena Pazos, MR. T, Lepayitss e Komojo.

Hoxe venres, 1 de agosto, darase inicio a dez días de festexos, troula e música en Ames. Por cuarto ano consecutivo, o programa “Ames en Festas”, encadea as festas da Madalena, do venres 1 ao martes 5 no Milladoiro, e as da Peregrina, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto en Bertamiráns, formando un cartel conxunto dos dous principais núcleos poboacionais de Ames. Como va vén sendo habitual, o festival Millarock será o encargado de dar comezo ás festas. Hoxe, a partir das 19.00, no Anfiteatro, haberá obradoiros impartidos polo persoal da escola “A Casa do Rock”, mentres que a música comezará a partir das 22.00 horas na Travesía do Porto coas actuacións de Battosai, Ulex e Ruxe Ruxe. As festas do Milladoiro continuarán mañá co pregón inicial dos festexos, ás 22.30 por parte de integrantes da asociación Arcea-Adames, e, a partir das 23.00 horas comezará a música coa actuación da orquestra Os Satélites.

O ‘Ames en Festas 2025’ conta xa as horas para poñer comezo ás 10 xornadas de troula e música que se vivirán no Milladoiro, do venres 1 ao martes 5, coas súas festas da Madalena, e en Bertamiráns, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto, coas da Peregrina. Este ano volverá a haber dous pregóns un inicial, no Milladoiro, que estará a cargo de catro mozos da asociación Arcea-Adames, e outro de peche en Bertamiráns, ofrecido por Ronald Rojas, migrante que reside en Bertamiráns dende hai varios anos. Coas escolla destes pregoeiros, desde as respectivas comisións de festas dos dous principais núcleos de Ames, buscouse representar e dar voz a dous colectivos que reflicten a diversidade e inclusión poboacional de Ames.

Este venres, 1 de agosto, a localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo cuarta edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Nesta cita musical actuarán os grupos Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. Ademais, por segundo ano consecutivo, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. Como novidade, nesta edición búscase achegar o rock a todos os públicos e ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.

O Concello de Ames acaba de aprobar, a través de decreto de Alcaldía e na Xunta de Goberno Local do pasado 3 de xullo, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o Goberno municipal aprobou o reparto de 29.997,05 euros entre quince asociacións culturais e de 24.500 euros entre sete asociacións e comisións de festas. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións do concello que realizan actividades de índole cultural e festas tradicionais. As entidades beneficiarias destas axudas recibirán o 50% da axuda concedida de xeito anticipado.

O Concello de Ames colabora, no marco da programación do “Ames en Festas 2025”, na organización dunha festa infantil gratuíta para a rapazada, que se desenvolverá en dúas xornadas. Unha delas será o martes 5 de agosto, no derradeiro día das festas da Madalena, na área recreativa do Milladoiro (onda o paseo da Igualdade), mentres que a segunda xornada terá lugar o sábado 9, durante as festas da Peregrina, no parque do Ameneiral en Bertamiráns.
- ‹ anterior
- 11 de 72
- siguiente ›




