Solapas principales

O parque do Ameneiral prepárase para ser o epicentro dos novos artistas musicais da comarca este xoves coa celebración do Festival Emerxente

Martes, 05 de agosto de 2025

Este xoves, 7 de agosto, chega ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns, a primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa enmarcada dentro da programación do “Ames en Festas 2025” e que nace co obxectivo de ofrecer aos artistas novos unha plataforma onde poder darse a coñecer e presentar os seus traballos. A cita, organizada polos departamentos de Cultura e Mocidade do Concello de Ames, terá lugar a partir das 20.00 horas e contará coas actuacións de Helena Pazos, MR. T, Lepayitss e Komojo. 

Os departamentos de Cultura e Mocidade do Concello de Ames organizan a primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que pretende ser un espazo onde os mozos e mozas de Ames, e da súa contorna, que están a comezar no mundo da música, poidan ter unha plataforma onde presentar os seus traballos e darse a coñecer. 

Así mesmo, este festival nace tamén co obxectivo se crear unha rede de sinerxías e colaboración entre artistas mozos locais, na que poidan coñecerse entre eles e potenciar así futuros proxectos e traballos de forma conxunta. 

Programación do Festival Emerxente 
A primeira edición desta innovadora iniciativa, celebrarase no parque do Ameneiral este xoves, 7 de agosto, a partir das 20.00 horas, enmarcada dentro do programa de festexos “Ames en Festas 2025”. En total, actuarán 4 novos artistas nados en Ames ou na súa contorna: Helena Pazos, MR. T, Lepayitss e Komojo. Cada actuación terá unha duración aproximada de media hora.

Deste xeito, daranse cita catro artistas que están a comezar no mundo da música e no que haberá oco para diferentes propostas musicais: urbano, electrónica, pop íntimo ou contemporáneo.  

Pola súa banda, Helena Pazos abrirá este festival, a partir das 20.00 horas. É unha moza que comezou a súa carreira musical no 2023 coa publicación do seu primeiro traballo “De lo íntimo”, un álbum composto por 8 temas nos que reflexiona sobre temas vitais e persoais. 

Continuará a música, ás 20.30 horas, da man de MR.T. Nado no Milladoiro e ex-alumno da EMMA é un artista que, a pesar de comezar a publicar temas hai un ano, neste tempo xa colaborou e gravou 14 temas con recoñecidos produtores de Barcelona, cos que está a preparar próximos proxectos. En 2024 publicou “Solitario”, un álbum composto por 8 temas nos que explora diferentes sons urbanos. 

O terceiro en actuar, xa arredor das 21.00 horas, será Lepayitss. Detrás deste nome artístico atópase Pelayo Gómez, que comezou a publicar as súas primeiras cancións en 2023. Dende este ano, traballa da man do seu produtor de confianza Daniel Nieto, coñecido artisticamente PRTO, co que vén de estrear este pasado mes de xullo o disco “Summer Compact Disc”, unha proposta na que conflúen xéneros urbanos con sons electrónicos. 

Por último, o encargado en pechar o Festival Emerxente ás 21.30, será Komojo, un artista compostelán que publicou o seu último álbum, “Love memories” o pasado 12 de xullo. Dentro deste cartel, é o máis experimentado, pois sacou á luz os seus primeiros traballos no 2022 e, dende entón, colaborou con varios artistas locais e conta con máis de 1.000 oíntes musicais en Spotify. 

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "El parque de Ameneiral acoge este jueves el Festival Emerxente, una plataforma para los músicos locales"

O parque do Ameneiral prepárase para ser o epicentro dos novos artistas musicais da comarca este xoves coa celebración do Festival Emerxente

Multimedia

  • O parque do Ameneiral prepárase para ser o epicentro dos novos artistas musicais da comarca este xoves coa celebración do Festival Emerxente