- Tematica
O Concello de Ames acaba de aprobar, a través de decreto de Alcaldía e na Xunta de Goberno Local do pasado 3 de xullo, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o Goberno municipal aprobou o reparto de 29.997,05 euros entre quince asociacións culturais e de 24.500 euros entre sete asociacións e comisións de festas. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións do concello que realizan actividades de índole cultural e festas tradicionais. As entidades beneficiarias destas axudas recibirán o 50% da axuda concedida de xeito anticipado.
O Concello de Ames aprobou o reparto de 54.500 euros entre as asociacións culturais e as comisións de festas do concello. Para a realización das actividades levadas a cabo por parte de ditas asociacións culturais durante o exercicio 2025 destinouse un total de 29.997,05 euros. A estas subvencións puideron optar todas as entidades do concello de Ames que realizan actividades de índole cultural. En total, foron quince as que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, dun máximo do 80% do orzamento total destinado para este fin. Ademais, o importe das achegas individuais concedidas non superou os 7.500 euros.
A finalidade desta liña de subvencións é achegar a cultura ao maior número de persoas e promover unha vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón que tamén pola veciñanza e por entidades do ámbito privado.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “estas liñas de axudas están dirixidas ao tecido asociativo do concello de Ames co obxectivo de promover unha vida cultural estable, a través das disintas asociacións existentes no noso termo municipal, e favorecer a existencia dunha programación festiva nas parroquias e núcleos urbanos de Ames”.
Actividades organizadas por asociacións culturais
As entidades que se benefician da concesión destas axudas son a asociación coro Son Elas con 748,41 euros; a asociación recreativa, deportiva e cultural Lojo Batalla de Tapia con 1.083,40 euros; a asociación de veciños Aldea Nova con 3.873,16 euros; a asociación cultural Os Castros con 3.774,07 euros; a asociación cultural Antonio Santomil con 2.437,65 euros; a asociación Motorcycles and Rock and Roll Bertamiráns con 772,59 euros; asociación cultural Follas Novas con 1.570,93 euros; a Nova Escola Galega con 2.458,45 euros; asociación cultural Val da Maía con 246,91 euros; a asociación de veciños O Reguiño de Raíces e Casanova con 1.783,55 euros; a asociación veciñal de Covas con 1.083,40 euros; o Centro Cultural Mahía con 3.055,19 euros; a asociación de veciños de San Pedro de Bugallido con 3.055,19 euros, a sociedade agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído con 998,76 euros, e maila asociación cultural Retranqueiros con 3.055,40 euros.
Promoción de festas populares
Por outra parte, para a promoción de festas populares aprobouse a concesión de 24.500 euros entre sete asociacións e comisións de festas. A estas axudas puideron optar aquelas asociacións culturais ou veciñais amesás que están legalmente constituídas e que figuran inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Tamén puideron acceder a estas axudas as comisións de festas.
Os obxectivos primordiais desta liña de axudas son favorecer a existencia dunha programación festiva estable dentro do ámbito territorial do concello de Ames, na que a veciñanza participe de forma activa, preservar as tradicións existentes e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva de dinamización para as parroquias.
O importe individual destas axudas depende dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases. Deste xeito, a achega máxima pode ser de 1.000, 2.000 ou 6.500 euros, dependendo de se a parroquia ten menos de 500, entre 500 e 3.000, ou máis de 3.000 habitantes. As actividades poden ser subvencionadas ata un máximo do 50% do orzamento total.
Dentro desta liña de axudas aprobouse a concesión de 1.000 euros para a asociación recreativa e cultural da Ameixenda; 1.000 euros para a asociación de veciños Monte do Crego; 2.000 euros para a asociación de veciños San Pedro de Bugallido; 1.000 euros para a asociación cultural e comisión de festas de San Lourenzo de Agrón; 6.500 euros para asociación cultural e festexos Virxe da Peregrina; 6.500 euros para a comisión de festas Magdalena en Festas; e 6.500 euros para a asociación sociocultural Mulleres San Xoán de Ortoño.





