Pestanas principais

Departamento de Turismo

    • Enderezo: Casa do Concello. Praza do Concello, número 2, Bertamiráns.
    • Teléfono: 981 88 30 02, extensión 9966.
    • Horario de atención ao público: 09:00 a 14:00 horas
    • Responsable municipal:
    • Responsable técnico:
      • Sonia Moure Oliveira, técnica de turismo.

Novas do departamento

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu o acto de entrega de premios do concurso de fotografía Enfoca Ames. A esta edición do certame presentáronse un total de 60 fotografías, repartidas entre as tres categorías existentes (paisaxe, macro e artística). O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as tres mellores fotografías de cada categoría. Ademais, en cada categoría outorgáronse tres accésits. Este concurso está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames en colaboración co Concello de Ames.

Dentro da programación de actividades organizadas en Ames con motivo do Día de Rosalía, que se conmemorou o pasado 23 de febreiro, o departamento de Turismo organiza a presentación do libro “Mordouelias. Rosalía e As Terras da Maía”, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía. O evento terá lugar este xoves, día 2, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas. Nel participarán a filóloga María López Sández, experta rosaliana e escritora da obra, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. Antes do acto, ás 18:30 horas, plantarase unha filla da figueira da Casa – Museo Rosalía de Castro, doada por esta institución ao Concello de Ames.

30 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos van participar esta fin de semana nunha Acampanada na Aula da Natureza. Os participantes van realizar un rastrexo nocturno. Coa caída o sol a rapazada vai saír ao monte para buscar pegadas e rastros de animais salvaxes para observalos no seu hábitat natural.

O vindeiro xoves, 12 de outubro, vaise realizar unha andaina e xantar popular que se enmarca dentro da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos. A andaina discorrerá entre Compostela e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos hai 100 anos. A saída será ás 9.00 horas dende de a Alameda de Santiago. A chegada a Ortoño está prevista para as 12.30 horas aproximadamente. Ás 13.00 horas haberá un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral. Posteriormente, ás 13.30 horas farase unha romaría na Carballeira de Ortoño con música e xantar. As prazas para a andaina xa están completas. As persoas que estean interesadas en participan no xantar popular poden inscribirse premendo nesta ligazón. As inscricións e pagamento pódense facer ata o 10 de outubro.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar no pasado mes de xuño o expediente de contratación para crear unha nova área de autocaravanas en Bertamiráns. O contrato foi adxudicado á empresa CONSCYC 2020 SL por un importe de 68.437 euros (IVE incluído). Para executar este proxecto asinouse previamente un convenio coa Deputación da Coruña, a través do cal a entidade provincial sufragará o 80% das obras, mentres que o Concello de Ames achegará o 20% restante. Dita área que estará situada no lugar das Pateiras e disporá de espazo para 15 aparcamentos de autocaravanas, unha delas será adaptada para persoas con mobilidade reducida.

O campo de golf do Real Aero Club de Santiago acolleu o pasado mércores, 10 de xuño, unha reunión coa industria turística do Concello de Ames, que estivo presidida polo alcalde, José Miñones, xunto co concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure. O obxectivo da xuntanza foi analizar e estudar as posibles vías de colaboración público-privada para promover o territorio amesán e impulsar o turismo no concello.

Este martes, 26 de novembro, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, mantiveron unha xuntanza nas dependencias da Xunta de Galicia, en San Caetano, co Secretario Xeral Técnico de Cultura e Turismo, Manuel Vila López, e maila Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua. En dito encontro falaron de diversos temas que tanto o alcalde como o concelleiro consideraban de relevancia.

Esta semana o decano do Consello da Catedral e xefe da Oficina de Atención ao Peregrino, Segundo Pérez, e maila presidenta da asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, asinaron o documento a través do cal o Camiño pola Ría de Muros-Noia pasa a formar parte da Ruta Xacobea Oficial. O trazado de dito Camiño percorre os concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela.

Os Concellos polos que discorre o itinerario do Camiño de Santiago denominado da Ría de Muros-Noia celebraron a súa primeira Asemblea Xeral para a constitución da entidade que busca no recoñecemento oficial da ruta novas oportunidades para reforzar a súa oferta turística. Na reunión aprobáronse os orzamentos e trazáronse as accións a levar a cabo pola entidade até final de ano. O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, foi nomeado secretario da Asociación.

As obras de mellora da contorna da ponte sita no núcleo de Aguapesada iniciáronse o pasado luns 4 de outubro. O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, achegouse a Aguapesada para presenciar o inicio dos traballos de acondicionamento desta ponte situada no Camiño de Santiago (Fisterra-Muxía). As actuacións de mellora están subvencionadas pola  Axencia de  Turismo de Galicia.

Eventos del departamento

A conmemoración da histórica Baralla de Altamira dará comezo o venres 10 de xuño coa presentación do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira e as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión na que intervirá o arquitecto Mario Crecente. Será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns ás 20:00 horas.

A festa histórica do val da Maía, que organizan os Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega esta semana á súa segunda edición. Na xornada do sábado os participantes poderán gozar dunha ruta histórica, da representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns e dos concertos de Caldo e de Grande Amore. Para participar nestas actividades é necesaria inscrición previa.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou para o domingo 7 de xuño unha andaina polo Mar de Ovellas. Esta actividade, incluída na programación de Rosalía 2026, estará teatralizada polos Quinquilláns e Lupe Blanco. A andaina rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos. As persoas que queiran participar teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Os concellos da Ruta Rosaliana (Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela) organizan para o Día Internacional da Muller a andaina “Rosalías da Vida” que terá unha distancia de 20 quilómetros. A saída será dende Lestrobe, en Dodro, ás 9.00 horas, e rematará as 18.00 horas coa chegada ao acto institucional que se realizará na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Os/as participantes de Ames uniranse á andaina en Padrón, na praza de Rodríguez Cobián, ás 9.30 horas. Haberá dous puntos de avituallamento, en Padrón e no Milladoiro. O obxectivo é conmemorar o 8M tendo presente a Rosalía de Castro, unha muller que marcou un antes e un despois na nosa historia.

Despois de adiar varias actividades no mes de xuño debido á meteoroloxía adversa por choiva, volve “Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira. O programa inclúe a representación teatral “A Batalla de Altamira”, a cargo do grupo Os Quinquilláns; a actuación dos grupos de pandeireteiras de Ames e Brión; e o concerto do grupo Carmela, que se van celebrar o domingo 21 de setembro en horario de mañá e tarde. Todas as actividades son de acceso libre ata completar aforo.

 O xoves 22 de febreiro desenvolverase unha nova edición das iniciativas “Caldo de Gloria” e “Café con verso” nos locais de hostalaría de Ames. Deste xeito, repartiranse nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. A iniciativa Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Así mesmo, a hostalaría tamén servirá o caldo que a escritora describe no seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas.

Ata o 2 de xuño, a Praza da Maía, en Bertamiráns, acolle a exposición "A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía", na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas. A mostra está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo.

Esta exposición fai un repaso pola historia da Casa-Museo, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas, á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que se constituíron como auténticos encontros de afirmación galeguista.

O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, organizou para o sábado 20 de maio, ás 12.00 horas, unha visita ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que se enmarca dentro do programa de visita aos Lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía. Ditas visitas están teatralizadas polos Quinquilláns. Esta actividade enmárcase dentro do convenio asinado polos Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para promover a ruta As pegadas de Rosalía. Para participar hai que enviar un correo electrónico ao enderezo turismo@concellodeames.gal.

O Concello de Ames programa para o sábado 14 de setembro unha saída pola ruta rosaliana que transcorre polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. Trátase dun itinerario que segue o trazado orixinal proposto por Avelino Abuín de Tembra na década dos noventa, actualizado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, no ano 2017, e presentado na feira de turismo Fitur en colaboración con esta entidade, convertido nun proxecto turístico intermunicipal denominado “As Pegadas de Rosalía”, en xaneiro do ano 2018